Showtime (baloncesto)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Magic Johnson e Kareem Abdul-Jabbar no segundo partido contra os Boston Celtics das Finais da NBA de 1985, que gañaron os Lakers en seis encontros.

En baloncesto, o Showtime (tempo de espectáculo) foi unha época na historia do equipo de Los Angeles Lakers xogando na National Basketball Association (NBA) entre 1979 e 1990,[1] cando puxo en práctica un espectacular sistema baseado no estilo de xogo run and gun (correr e tirar). Liderado polos carismáticos xogadores Magic Johnson como pasador e Kareem Abdul-Jabbar como anotador, o seu xogo baseouse no contraataque e gañou cinco campionatos da NBA.[2]

Cinco dos integrantes do equipo: Johnson, Abdul-Jabbar, Jamaal Wilkes, Bob McAdoo e James Worthy, foron incluídos no Basketball Hall of Fame como recoñecemento á súa contribución ao mundo do baloncesto,[3] e o club retirou ademais como homenaxe os números das camisolas de Johnson (#32), Abdul-Jabbar (#33), Worthy (#42) e Wilkes (#52).[4][5] A súa formación da tempada 1986-87 foi incluída pola liga en 1996 entre os dez mellores equipos da historia da NBA.[6]

O propietario dos Lakers na época, Jerry Buss, mercou o equipo en 1979, e dende un principio procurou o entretemento nos seus partidos.[7] Insistiu en que os Lakers adoptasen un estilo de ritmo rápido, creou un grupo de cheerleaders para o equipo (as Laker Girls) e unha banda en vivo para os seus partidos como locais en The Forum de Inglewood.[8]

O Showtime converteuse nun fenómeno deportivo e provocou que diversas celebridades de Hollywood se afeccionasen o equipo e fosen espectadoras asiduas dos seus encontros.[8]

Orixe[editar | editar a fonte]

Jerry Buss (1933-2013) foi o arquitecto do Showtime. O empresario está considerado o visionario que «universalizou a marca Lakers».[8]

En 1979 Jack Kent Cooke, propietario de Los Angeles Lakers, encontrábase en proceso de venda do equipo a Jerry Buss, un químico que amasara unha gran fortuna na industria inmobiliaria.[9] A operación, valorada en 67 millóns de dólares, incluía a venda de dous equipos: os Lakers da National Basketball Association, Los Angeles Kings da National Hockey League e o pavillón no que ambos os equipos xogaban os seus encontros como locais, The Forum, situado en Inglewood.[10][11] Los Angeles Lakers estaba en posesión da primeira elección do Draft da NBA de 1979, e as súas opcións de elección centráronse en dous bases: Earvin Johnson (alcumado Magic) e Sidney Moncrief.[12] Os Lakers xa tiñan un base de garantías como Norm Nixon, e Moncrief mostrábase como un excelente complemento como escolta para Nixon. Con todo, a Cooke gustáronlle «o sorriso e o estilo de xogo» de Johnson, e nunha das súas últimas decisións como propietario dos Lakers, decantouse pola elección de Johnson.[13]

Jerry Buss amosou dende un principio a intención de que o equipo practicase un xogo entretido. Na década de 1960, Buss era un habitual de The Horn, un nightclub en Santa Mónica (California) que atraeu unha clientela exclusiva. A Buss encantáballe a emoción do acto de apertura do famoso club, que incluía unha atenuación das luces seguida dunha interpretación dramática da súa sintonía: «It´s Showtime» (é o momento do espectáculo[a]). Despois de comprar os Lakers e o seu pavillón The Forum a Cooke, Buss embarcouse na creación dunha versión a grande escala de The Horn.[14][15] Interpretou que un partido de baloncesto debía ser entretido, a imaxe do acto de apertura dun nightclub.[14][16]

Buss tentou igualar a emoción dos encontros de baloncesto universitario entre os USC Trojans e os UCLA Bruins da época de John Wooden.[b] O propietario insistiu en que os Lakers desenvolvesen un estilo de xogo rápido. Logo de que Jerry West se retirase como adestrador principal dos Lakers, e o seu intento infrutuoso de contratar a Jerry Tarkanian dos UNLV Rebels da Universidade de Nevada, Las Vegas, Buss contratou a Jack McKinney para instaurar o estilo de xogo que pretendía.[17]

En opinión de Buss, unha atmosfera teatral no seu estadio combinada cun xogo veloz podería excitar os seareiros e reforzar a vantaxe de campo dos Lakers.[18] A súa idea era crear un ambiente de estilo Hollywood que sería ben acollido pola cultura dos Ánxeles, aínda que espertase antipatías no resto do país.[19] Buss adoptou o termo Showtime de The Horn para describir o enfoque do baloncesto dos Lakers,[20] o que foi ben acollido polos seareiros do equipo e os medios dos Ánxeles. Despois recoñecería que o seu soño era que se identificase o equipo coa cidade.[8]

Aspecto deportivo[editar | editar a fonte]

Kareem Abdul-Jabbar realizando o seu célebre skyhook nun encontro ante os Boston Celtics, defendido por Robert Parish e Kevin McHale. Jabbar foi unha das pezas mestras do Showtime, ademais de máximo anotador da historia da NBA.
Pat Riley dirixiu o equipo dende 1981 ata 1990, acadando sete finais nese período, das cales os Lakers lograron o triunfo en catro.

Estilo ofensivo[editar | editar a fonte]

O compoñente máis importante do Showtime foi o xogo de contraataque dos Lakers.[21] Nunha secuencia típica, reboteadores como Kareem Abdul-Jabbar, Kurt Rambis e A.C. Green lanzaban rapidamente un pase de saída a Johnson, que percorría a cancha e distribuía o balón a xogadores como Jamaal Wilkes, James Worthy, Byron Scott ou Michael Cooper para concluír a xogada cunha bandexa ou un mate.[22][23] Frecuentemente, o propio Johnson collía o rebote e conducía rapidamente o balón culminando el mesmo o contraataque. En ocasións, puña en práctica unha das súas estratexias máis sorprendentes, ao entregar o balón aos seus compañeiros cun pase «sen mirar».[23][24]

Se o contraataque non era posible, os Lakers desenvolvían a súa ofensiva dende media cancha e confiaban a anotación a Abdul-Jabbar (máximo anotador da NBA de todos os tempos) e o seu famoso gancho, coñecido como skyhook (gancho do ceo).[25] Nos últimos anos da carreira de Abdul-Jabbar, Johnson converteuse na primeira opción para anotar dos Lakers.[26]

Este estilo de xogo run and gun, de contraataque e rápidas transicións, unido á gran calidade de algúns dos seus xogadores, propiciou que as puntuacións dos encontros fosen especialmente altas,[27] o que contribuíu ao engrandecemento do espectáculo e,[28] segundo afirmou David Stern anos máis tarde, supuxo «o epicentro da revitalización de la NBA».[29]

Evolución na NBA[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia dos Angeles Lakers.

Jack McKinney dirixiu os Lakers só durante trece encontros, ao sufrir o 8 de novembro de 1979 un accidente cando circulaba en bicicleta, sufrindo graves feridas na cabeza.[30][31] Buss reemprazouno co asistente Paul Westhead, quen liderou os Lakers na tempada 1979-80 ao seu primeiro título de campións en case unha década. Westhead empregou o sistema ofensivo de McKinney, cun xogo creativo e espontáneo definido como Showtime.[32][33] Con todo, comezou mudar o sistema na tempada seguinte.[34] O equipo comezou a tempada 1981-82 cun rexistro de sete vitorias e catro derrotas, mais seis desas vitorias foron por catro puntos ou menos, e os medios de comunicación criticaron os trocos no sistema de Westhead.[35] A pesar de gañar cinco encontros consecutivos, Buss estaba desencantado coas tácticas de ataque, e ademais Johnson, frustrado tamén con Westhead e o seu sistema, propuxo a posibilidade dunha mudanza no adestrador.[36] Westhead foi despedido e substituído polo seu asistente Pat Riley, que tamén fora xogador do equipo.[37] Baixo a dirección de Riley, os Lakers recuperaron o estilo rápido e de contraataque, e conseguiron gañar o campionato nesa tempada.[38]

Riley liderou os Lakers na consecución de catro campionatos. A súa imaxe aracterística, vestido con elegantes traxes italianos e o cabelo engominado peiteado cara atrás, engadiu ao equipo a filosofía de Hollywood e converteuno nunha icona.[39] Riley tamén foi innovador en tácticas defensivas, sendo un dos primeiros adestradores en empregar unha defensa 1-3-1 en media cancha para aumentar o ritmo do partido.[40][41] O mantra de Riley era «se non hai rebotes, non hai aneis»,[c] o que reforzaba a necesidade de loitar polos rebotes para gañar camponatos.[42]

Logo de perder as finais de 1983 e 1984 contra Philadelphia 76ers e Boston Celtics respectivamente, os Lakers gañaron o campionato de 1985 en seis encontros contra os Celtics, a quen de novo derrotaron nas finais de 1987.[42][43] Los Angeles repetiron como campións o ano seguinte (1988) ante os Detroit Pistons,[43] mais o equipo era xa máis vello, o que se deixou notar no seu rendemento, e na final de 1989 os Pistons tomáronse o desquite.[43] Abdul-Jabbar retirouse en 1989, e Riley renunciou o ano seguinte, co que adoita considerarse finalizada a era do Showtime, a pesar de que Magic Johnson xogou unha tempada máis, aínda que tamén se retirou despois de anunciar que era portador do virus VIH.[44] Na derradeira tempada de Johnson,[d] con Mike Dunleavy como novo adestrador, o equipo empregou máis o xogo en media cancha, e aplicou un renovado énfase na defensa.[45] O diario The Prescott Courier chegou denominar os Lakers de Dunleavy como o Slow-time (tempo lento).[46]

Buss nunca tivo reparos en investir cartos en xogadores, e asinou contratos millonarios ás súas figuras, Magic Johnson e Abdul-Jabbar, quen en 1981 se converteu no xogador mellor pagado da NBA con 870 000 dólares por tempada.[10]

O espectáculo no Forum[editar | editar a fonte]

Imaxe exterior do Great Western Forum de Inglewood, onde os Lakers xogaban os seus partidos como locais ata 1999. O espectáculo que acompañaba cada encontro como local do equipo formaba parte do Showtime.
O actor Jack Nicholson presenciando un encontro dos Lakers no Staples Center. Nicholson foi unha das celebridades máis asiduas aos partidos do equipo na década de 1980.

Os Lakers xogaban os seus partidos como locais en The Forum (dende 1988 Great Western Forum), que era considerado "a versión moderna do Gran Coliseo da Roma antiga.[47] O Forum era un círculo perfecto cun óvalo interior apoiado en oitenta columnas de formigón branco.[48] Logo de converterse en propietario, Buss contratou un locutor que se encargaba da animación dende a megafonía.[14] Tamén transformou o Forum Club, que antes da súa chegada era un agradable restaurante familiar (localizado no mesmo recinto) no nightclub máis popular dos Ánxeles.[49]

Buss atraeu as celebridades de Hollywood, así como personalidades ricas e famosas aos encontros para engadir novas atraccións para o público.[50] Non só quería as estrelas no seu equipo, tamén quería estrelas vendo o seu equipo.[10] Algúns medios chegaron a comparar o Forum co famoso cartel de Hollywood como sinónimo de estrelas de cine. Durante as retransmisións televisivas dos encontros, as canles amosaban habitualmente imaxes das celebridades no estadio.[49] O actor Jack Nicholson, considerado a máis alta celebridade entre a afección dos Lakers, foi mostrado frecuentemente sentado na primeira fila da cancha.[51]

Como fan do deporte universitario, Buss propúxose que os encontros dos Lakers tivesen música en vivo e cheerleaders.[49] Así, substituíu o organista do Forum por unha banda de dez músicos da Universidade do Sur de California (USC).[14][52] As animadoras non eran comúns na NBA daquela, pero Buss promoveu a formación das Laker Girls.[14][10][49] Rex the Peanut Man (Rex, o home-cacahuete), un peculiar bailarín que entretiña o público, era tamén parte do espectáculo.[53] Logo chegou Dancing Barry, un espectacular bailarín que se converteu nun elemento básico do Showtime, e que achegou un ambiente festivo bailando os seus números en esmoquin e lentes de sol durante os tempos mortos dos partidos.[54]

A repercusión do espectáculo que acompañaba o Showtime deixouse notar entre a prensa do país. O Washington Post afirmou que «O Forum pode ser o único lugar onde os afeccionados gañan máis cartos que os xogadores».[55] O Hartford Courant escribiu: «Un vai ao Fabulous Forum, e recibe un partido de baloncesto entre os actos que se celebran».[56] O comisionado da NBA David Stern dixo que o Showtime mostrou que «un pavillón pode converterse no punto focal non só para o baloncesto, senón para o entretemento».[29]

Legado[editar | editar a fonte]

Os Lakers do Showtime son considerados responsables de converter a franquía nunha lenda do baloncesto,[57] ademais dun dos equipos máis impactantes da historia da NBA.[22] A súa formación da tempada 1986-87 foi incluída en 1996, durante os actos do 50 aniversario da competición, entre os dez mellores equipos da historia da NBA.[6] A valoración a posteriori da súa repercusión coincide na importancia que tivo a súa irrupción na competición. A NBA devaluárase e convertérase nun negocio case ruinoso, mais considérase que a nova rivalidade xurdida entre os Lakers do Showtime e os Boston Celtics liderados por Larry Bird supuxo a salvación da liga.[58]

Como homenaxe a algúns dos integrantes do equipo, a franquía retirou os números das camisetas de Magic Johnson (#32), Kareem Abdul-Jabbar (#33), James Worthy (#42) e Jamaal Wilkes (#52).[4][5] Ademais, cinco xogadores: Johnson, Abdul-Jabbar, Wilkes, Worthy e McAdoo, así como o técnico Pat Riley[e] e o propietario Jerry Buss, foron incluídos no Basketball Hall of Fame como recoñecemento á súa achega ao mundo do baloncesto.[3]

A vindeira vez que escoites a palabra showtime, lembra que é a túa chamada á acción, e estarás no camiño cara o éxito.[59]

Dende o éxito dos Lakers na década de 1980, o termo ten sido empregado frecuentemente para referirse a etapas gloriosas doutros equipos e deportes.[60][61]

Buss, considerado o arquitecto do Showtime, faleceu o 18 de febreiro de 2013, sendo aínda propietario do equipo.[62] No seu funeral, ao que acudiron boa parte dos ex xogadores e adestradores do equipo, lembrouse a súa gran contribución ao engrandecemento dos Lakers e a achega do Showtime ao mundo do baloncesto.[63]

Os Lakers non gañaron outro campionato ata a tempada 1999-2000, que comezou unha racha de tres títulos consecutivos liderados polas estrelas Shaquille O'Neal e Kobe Bryant. Con todo, o estilo do baixo a ofensiva triangular de Phil Jackson non era emocionante ou elegante, geralmente esmagando os opoñentes baixo a forza de O'Neal.[64][65] Rudy Tomjanovich foi contratado en 2004 para instalar un ataque de ritmo acelerado e revivir as altas puntuacións dos equipos da década de 1980.[66] Non tivo éxito, e os Lakers regresaron ao ataque triangular cando Jackson regresou.[67] Baixo a gúia de Jackson, os Lakers foron de novo campións da NBA na tempada 2008-09 e tempada 2009-10.

Os Phoenix Suns co base Steve Nash foron un equipo corredor baixo a dirección de Mike D'Antoni, e The New York Times referiuse a eles como "a encarnación desta época do Showtime de Los Angeles Lakers".[68] Cando D'Antoni e Nash uníronse aos Lakers na tempada 2012-13, o base declarou, "Gustaríanos poder xogar ao baloncesto do 'Showtime'."[69] Cun equipo máis lento do que tiña en Phoenix, D'Antoni finalmente abandonou o seu ataque rápido.[70] Esa tempada, con todo, Magic Johnson comparou aos Los Angeles Clippers, os rivais locais dos Lakers, co Showtime. "Pensei que nunca volvería ver o Showtime de novo. E fun o arquitecto do Showtime. Os Clippers? Iso é Showtime", dixo.[71]

Estatísticas do equipo[editar | editar a fonte]

Tempada Adestrador Vitorias Derrotas Porcentaxe Posto división Clasificación final Rival na final
1979-80 Jack McKinney/Paul Westhead 60 22 .732 Campións da NBA Philadelphia 76ers
1980-81 Paul Westhead 54 28 .659 Eliminados 1ª Rolda Conferencia Oeste
1981-82 Paul Westhead/Pat Riley 57 25 .695 Campións da NBA Philadelphia 76ers
1982-83 Pat Riley 58 24 .707 Derrota na Final Philadelphia 76ers
1983-84 Pat Riley 54 28 .659 Derrota na Final Boston Celtics
1984-85 Pat Riley 62 20 .756 Campións da NBA Boston Celtics
1985-86 Pat Riley 62 20 .756 Eliminados Final da Conferencia Oeste
1986-87 Pat Riley 65 17 .793 Campións da NBA Boston Celtics
1987-88 Pat Riley 62 20 .756 Campións da NBA Detroit Pistons
1988-89 Pat Riley 57 25 .695 Derrota na Final Detroit Pistons
1989-90 Pat Riley 63 19 .768 Eliminados Semifinal Conferencia Oeste
  • Fonte: NBA.com.[43] En letra grosa, equipo vencedor.

Xogadores[editar | editar a fonte]

Os seguintes xogadores xogaron máis dunha tempada no elenco dos Lakers durante a era do showtime (1979-1990):[72][73][74][75][76][77][78][79][80][81][82]

Principais xogadores
# Nome Tempadas Campionatos Logros persoais[f]
32 Magic Johnson (HoF) 11 (1979-80, 1980-81, 1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86, 1986-87, 1987-88, 1988-89, 1989-90) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
33 Kareem Abdul-Jabbar (HoF) 10 (1979-80, 1980-81, 1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86, 1986-87, 1987-88, 1988-89) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
21 Michael Cooper 11 (1979-80, 1980-81, 1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86, 1986-87, 1987-88, 1988-89, 1989-90) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
31 Kurt Rambis 7 (1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86, 1986-87, 1987-88) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
42 James Worthy (HoF) 8 (1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86, 1986-87, 1987-88, 1988-89, 1989-90) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
4 Byron Scott 7 (1983-84, 1984-85, 1985-86, 1986-87, 1987-88, 1988-89, 1989-90) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
52 Jamaal Wilkes (HoF) 6 (1979-80, 1980-81, 1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
45 A.C. Green 5 (1985-86, 1986-87, 1987-88, 1988-89, 1989-90) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
40 Mike McGee 5 (1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
25 Mitch Kupchak 5 (1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1985-86) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
11 Bob McAdoo (HoF) 4 (1981-82, 1982-83, 1983-84, 1984-85) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
10 Norm Nixon 4 (1979-80, 1980-81, 1981-82, 1982-83) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
43 Mychal Thompson 3 (1987-88, 1988-89, 1989-90) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
55 Billy Thompson 2 (1986-87, 1987-88) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svgLarry O'Brien Championship Trophy icon.svg
15 Eddie Jordan 4 (1980-81, 1981-82, 1982-83, 1983-84) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
35 Larry Spriggs 3 (1983-84, 1984-85, 1985-86) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
9 Jim Chones 2 (1979-80, 1980-81) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
14 Brad Holland 2 (1979-80, 1980-81) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
40 Jim Brewer 2 (1980-81, 1981-82) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
12 Ronnie Lester 2 (1984-85, 1985-86) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
19 Tony Campbell 2 (1987-88, 1988-89) Larry O'Brien Championship Trophy icon.svg
0 Orlando Woolridge 2 (1988-89, 1989-90)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En inglés, showtime pode ser interpretado como «momento do espectáculo» ou «tempo do espectáculo».
  2. Wooden está considerado o mellor adestrador da historia da NCAA, grazas aos 10 campionatos conseguidos co seu equipo de toda a vida, os UCLA Bruins, entre 1964 e 1975.
  3. En alusión ao anel que reciben os xogadores do equipo que gaña o campionato.
  4. Magic Johnson volveu xogar a tempada 1995-96 da NBA, trala que se retiraría definitivamente.
  5. Pat Riley foi nomeado tres veces adestrador do ano na NBA, e está considerado un dos dez mellores adestradores da historia da liga.
  6. Refírese unicamente aos logros alcanzados durante a época do showtime.
Referencias
  1. Flaherty, Dan. "Under The Radar Sports History: The 1990 Portland Trail Blazers Supplant The Showtime Lakers In The West" (en inglés). The Sports Notebook. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  2. "Fallece Jerry Buss, propietario de los Lakers y artífice de diez 'anillos'" (en castelán). ACB.com. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  3. 3,0 3,1 "Hall of Famers" (en inglés). The Naismith Memorial Basketball Hall of Fame. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  4. 4,0 4,1 "Lakers Retired Numbers" (en inglés). NBA.com. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  5. 5,0 5,1 "Lakers retire Jamaal Wilkes' No. 52 jersey" (en inglés). NBA.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2013. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  6. 6,0 6,1 "Top 10 Teams in NBA History" (en inglés). NBA.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2013. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  7. "Jerry Buss fue el creador de las Laker Girls". Marca (en castelán). 19 de febreiro de 2013. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Álvarez, Robert (18 de febreiro de 2013). "Jerry Buss, el visionario que universalizó la marca Lakers". El País (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  9. Goldstein, Richard (18 de febreiro de 2013). "Jerry Buss, Lakers Owner and Innovator, Dies at 80". The New York Times (en inglés). Consultado o dataacceso=11 de agosto de 2020. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Hubbard, Jan (28 de outubro de 1990). "Lakers Remain Strong Despite Recent Losses". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  11. "Fallece Jerry Buss, propietario de los Lakers". Europa Press (en castelán). 18 de febreiro de 2013. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  12. "1979 NBA Draft" (en inglés). Basketball Reference. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  13. Ostler & Springer 1988, pp. 63-70.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Ostler & Springer 1988, p. 225.
  15. Medina, Mark (13 de agosto de 2010). "Lakers owner Jerry Buss sets the standard for winning". Los Angeles Times (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2010. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  16. "Dr. Jerry Buss - Hall of Fame" (en inglés). NBA.com. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  17. Ostler & Springer 1988, p. 104.
  18. Ostler & Springer 1988, p. 245.
  19. "Lakers owner Jerry Buss sets the standard for winning". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  20. Springer 2012, p. 50.
  21. Ostler & Springer 1988, p. 244.
  22. 22,0 22,1 LeBoutillier, Nate (2010). The Ultimate Guide to Pro Basketball Teams (en inglés). Capstone. p. 31. ISBN 9781429648219. 
  23. 23,0 23,1 Ramsey 2004, pp. 99–100.
  24. "Magic Johnson" (en castelán). Biografías.es. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  25. Adande, J.A. "Secrets of the Skyhook". ESPN (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  26. Heisler, Mark. "From Showtime to Blue-Collar" (en inglés). NBA.com. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  27. Ramsey 2004, pp. 231.
  28. "History of the Lakers" (en inglés). NBA.com. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  29. 29,0 29,1 Spring, Larry (15 de xuño de 2001). "L.A. 's Leading Man". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  30. O'Connor, Richard. "After The Fall". Sports Illustrated (en inglés). Consultado o 27 de febreiro de 2013. [Ligazón morta]
  31. Elliot, Hellen (9 de febreiro de 2012). "Jack McKinney's bike ride changed Lakers' history". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  32. Ostler & Springer 1988, pp. 110–111, 144–145.
  33. Markazi, Arash. "Methods to the madness". Sports Illustrated (en inglés). Consultado o 27 de febreiro de 2013. 
  34. Johnson, Roy S. "It's showtime again for the Lakers". Pittsburgh Post-Gazette (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  35. Hershey, Steve. "Westhead Gone–Lakers Playing Better Than Ever" (en inglés). The Modesto Bee. Consultado o 27 de febreiro de 2013.  [Ligazón morta]
  36. Cotton, Anthony. "Don't Blame Me, I Just Want To Have Fun!". Sports Illustrated (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2013. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  37. Heisler, Mark (1994). The Lives of Riley (en inglés). Macmillan General Reference. pp. 58–61. ISBN 0025506625. 
  38. "Coaches: Pat Riley" (en inglés). NBA.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2009. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  39. "Pat Riley" (en inglés). Premiere Athlete & Celebrity. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2012. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  40. Rice, Russell (30 de xullo de 1988). "The Good Ol' 'Hyperbolic Paraboloid' Defense" (PDF) (en inglés). The Cat's Pause. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de maio de 2015. Consultado o 11 de agosto de. 2020. 
  41. Jackson, John (26 de maio de 1991). "Will Showtime Go On?". The Record (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  42. 42,0 42,1 Galluzzo, Steve (12 de febreiro de 2011). "Pat Riley. Coached nine seasons". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  43. 43,0 43,1 43,2 43,3 NBA.com (ed.). "Lakers Season-by-Season Records" (en inglés). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  44. "'Magic'al Mystery Tour Over". Times-Union (en inglés). 30 de xaneiro de 1996. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  45. McDonnell, Joe (10 de decembro de 2012). "Magic Johnson: 'This is not Laker basketball'". Fox Sports (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  46. Beeson, Dan (31 de maio de 1991). "10 reasons why Chicago will beat Los Angeles". The Prescott Courier (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  47. "The Forum" (en inglés). Seeing Stars. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  48. Ostler & Springer 1988, p. 62.
  49. 49,0 49,1 49,2 49,3 Markazi, Arash (18 de febreiro de 2011). "Showtime Lakers weren't built overnight". ESPN (en inglés). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  50. Ostler & Springer 1988, p. 226, 229–30.
  51. "Top 10 Celebrity Lakers Fans" (en inglés). NBA.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  52. Williams, Doug. "Team may change, but Laker Band endures". ESPN (en inglés). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  53. Ostler & Springer 1988, p. 239.
  54. Crowe, Jerry (8 de xaneiro de 2007). "His dance moves made him part of Lakers' show". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  55. Lait, Matt. "Hollywood Stars Raving Over Lakers' Socko Title Sequel; Thumbs Up for Award-Winning Script". The Washington Post (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2014. Consultado o 26 de febreiro de 2020. 
  56. Ostler & Springer 1988, p. 240.
  57. Cornwell, Rupert (25 de febreiro de 2013). "Basketball: Showtime or bust for the leaky LA Lakers". The Independet (en inglés). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  58. Lozano, Alfonso (25 de agosto de 2012). "Los Ángeles Lakers: Showtime en oro y púrpura". Marca (en castelán). Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  59. Caidmon, Alis Rae (2010). Wishmaker. Tate Publishing. p. 39. ISBN 161663328X. 
  60. "Liga - Xavi compara su Barça al 'Showtime' de los Lakers". Eurosport (en castelán). Consultado o 6 de marzo de 2013. 
  61. "Los Heat y la "LeBronmania" serán el nuevo "showtime" de la NBA" (en castelán). ACB.com. 22 de xuño de 2012. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  62. "Fallece Jerry Buss, el hombre que llevó el 'showtime' a la NBA". Público (en castelán). 18 de febreiro de 2013. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  63. "Jerry Buss Memorial: Kobe Bryant, Phil Jackson And More Recall Late Lakers Owner". The Huffington Post (en inglés). 21 de febreiro de 2013. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  64. Bonsignore, Vincent (14 de hullo de 2000). "Familiar Ring With These Lakers". Daily News (en inglés) (Os Ánxeles). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2014. Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  65. Wolf, Scott (15 de hullo de 2004). "O'Neal's impact can't be denied". Inland Valley Daily Bulletin (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2014. Consultado o 6 de xullo de 2020. O'Neal's championship teams never won with the style or grace of the "Showtime" Lakers in the 1980s and lacked the symbolic value of Jerry West and Wilt Chamberlain bringing the Lakers' first title to L.A. in 1972. 
  66. Bresnahan, Mike (5 de marzo de 2005). "Jackson Discusses With Two Busses". Los Angeles Times (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2012. 
  67. Lazenby, Roland (2006). The Show: The Inside Story of the Spectacular Los Angeles Lakers in the Words of Those Who Lived It (en inglés). Nova York: McGraw-Hill Professional. pp. 434–445. ISBN 978-0-07-143034-0. 
  68. Robbins, Liz (24 de xaneiro de 2007). "Suns Work Hard to Make Their Games Look That Fun". The New York Times (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  69. Bresnahan, Mike (12 de decembro de 2012). "Mike D'Antoni says Lakers would love to play 'Showtime' ball". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  70. McMenamin, Dave (6 de febreiro de 2013). "D'Antoni: I don't have a system". ESPN.com (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  71. Turner, Broderick (26 de decembro de 2012). "It's Showtime with the Clippers, says former Laker Magic Johnson". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2020. 
  72. "1979-80 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  73. "1980-81 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  74. "1981-82 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  75. "1982-83 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  76. "1983-84 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  77. "1984-85 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  78. "1985-86 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  79. "1986-87 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  80. "1987-88 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  81. "1988-89 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  82. "1989-90 Los Angeles Lakers Roster and Stats" (en inglés). Basketball-Reference.com. Consultado o 28 de marzo de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]