Portal:Austria/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O golpe de Estado de xullo, tamén coñecido simplemente como golpe de xullo (alemán: Juliputsch) foi unha tentativa de golpe de Estado perpetrado polo Partido Nacionalsocialista Austríaco o 25 de xullo de 1934. Aínda que os confabulados lograron tomar a sede do goberno e asasinar o chanceler Engelbert Dollfuss, quedaron rodeados e, faltos de apoio externo, tiveron que claudicar. A rebelión estendeuse ao resto do país nos días seguintes, mais foi esmagada polas forzas gobernamentais. Como consecuencia do fracaso, o movemento nacionalsocialista austríaco quedou temporalmente moi debilitado.

O que debía ter sido un amplo alzamento nacional con apoio militar que derrocara o Goberno de Dollfuss e implantara outro que solicitara a intervención alemá foi en realidade un golpe de man mal organizado protagonizado por 154 nacionalsocialistas que quedaron illados axiña na capital austríaca. Confirmado finalmente o fracaso do golpe polo embaixador alemán a noite do 25, Hitler ordenou de inmediato negar toda participación alemá no falido proxecto. O Goberno alemán viuse en apuros a pesar do desmentido gobernamental polo tardío estalido de rebelións dos seus partidarios nas provincias austríacas, que as forzas gobernamentais non lograron sufocar completamente ata o día 28. O fracaso do golpe de Estado permitiu que a independencia austríaca se mantivese catro anos máis, ata a anexión alemá do país na primavera de 1938.