Portal:A Coruña/Artigo destacado/4
A Universidade da Coruña é unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia. Foi creada pola Lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia. Encóntrase estruturada territorialmente en Campus da Coruña (A Maestranza, Riazor, Elviña, A Zapateira, Bastiagueiro e Oza) e Campus de Ferrol (Esteiro e Serantes).
A Universidade da Coruña posúe titulacións únicas en Galicia e no norte de España como Arquitectura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica en Deseño Industrial, Enxeñería Naval e Oceánica ou Socioloxía. Nos seus 25 anos de historia a Universidade da Coruña mantivo un número de alumnos superior ou próximo aos 20.000, chegando ao máximo nos inicios dos anos 2000.