Ponte de Salime

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°12′56″N 6°50′45″O / 43.215498026437, -6.8457396274616

Ponte de Salime
Localización
RíoRío Navia
ConcelloGrandas de Salime
ProvinciaAsturias
Características
ConstruciónXVI
Ampliación1938
Demolición1953
TipoArco de medio punto
Materialpedra

A ponte de Salime foi unha ponte sobre o río Navia que estaba situada nas proximidades da vila de Salime (156 habitantes a mediados do século XIX), no concello de Grandas de Salime da Terra Eo-Navia de Asturias. Foi unha célebre construción, polo impresionante escenario no que se situaba e por ser, durante máis de tres séculos, a única ponte que cruzaba o Navia nos últimos setenta quilómetros do seu percorrido.

A ponte databa da primeira metade do século XVI e malia derrumbarse en 1936 reconstruíuse dous anos despois para finalmente desaparecer en 1953 asolagada polo encoro de Salime, que igualmente alagou a propia aldea de Salime, agás unha casa, aínda en pé no século XXI, situada uns metros por riba da cota máxima do encoro.

Marco xeográfico[editar | editar a fonte]

O río Navia discorre de sur a norte, e case todo o seu curso transcorre por montañas, ata o punto de carecer de veigas dignas de tal nome. Isto fai que atravesar o seu val xere problemas para calquera vía de comunicación.

Ao atravesar o concello de Grandas de Salime acentúase esta característica, o río discorre a unha altitude de entre 200 e 110 metros, encaixado entre os cumes de Buspol (1.121 m) polo leste e máis o Bornela (749 m) polo oeste, e nas súas abas sitúanse respectivamente Verducedo a 900 m, e Grandas a 570 m. É precisamente entre Verducedo e Grandas onde se estreitaba ao máximo o leito do Navia, pechado entre os muros da ozca coñecida como El Carpio, sobre o que se atopaba a vila de Salime.

Descoñécese en que punto cruzaba dous mil anos atrás o val do Navia a vía romana que unía Lucus Augusti con Lucus Asturum, no centro da actual Asturias; así e todo, suponse que a calzada medieval considerada como o Camiño de Santiago Primitivo seguía o mesmo trazado que, en canto á travesía do Navia, as investigacións de Pisa Menéndez localizan no lugar de Leirado, uns tres quilómetros augas arriba de Salime, onde había unha primitiva ponte que, segundo novas do século XVIII, desapareceu a finais da Idade Media, co que ao principiar a Idade Moderna non existía unha ponte útil pola que cruzar.

Construción[editar | editar a fonte]

No ano 1548 construíuse unha ponte nas inmediacións de Salime nunha cota algo máis baixa que a vila, ponte que atravesaba a máis de 40 metros sobre o leito do río, a ozca de El Carpio. A súa construción supuxo abandonar o antigo camiño por Leirado, de xeito que dende Verducedo abeirábase polo sur o pico de Buspol e logo había que realizar unha vertixinosa baixada ata Salime, e ao pasar a ponte emprendíase unha esforzada subida, coñecida como A costa de Grandas, ata esta vila.

Durante máis de trescentos anos, ata a construción nos últimos anos do século XIX da ponte de Salcedo e da ponte de Navia-Coaña, na estrada de Oviedo á Coruña pola costa (actual N-634), a ponte de Salime foi, fundamental nas comunicacións entre Asturias e Galicia. A partir de entón a súa importancia foi só comarcal, aínda que imprescindible para os veciños de Salime.

A aldea de Salime coa ponte á esquerda en 1952

Características[editar | editar a fonte]

A ponte estaba formada por un único arco[1] de medio punto de pedra con 16 metros de luz, unha altura de case 50 metros sobre o río[2] e o largo dunha congostra. En outubro de 1936, un desprendemento na beira dereita do río provocou o derrube da ponte e a morte de dúas persoas que se atopaban nela nese momento. A situación de guerra civil en España atrasou dous anos a súa reconstrución, que rematou a finais de 1938.

A nova ponte baseábase en catro semibóvedas de formigón armado articuladas e armadas con ferros redondos de rótulas de chumbo, cada semibóveda pesaba case seis toneladas. Alzábase mediante cables que se unían a pórticos de madeira colocados provisionalmente sobre os estribos laterais. Tiña unha luz entre centros de rótulas de 20 metros, frecha de 5 metros e un largo de cuberta de 3,60 con calzada de 2,50; e mantívose ata que en 1953 quedou asolagada polas augas do encoro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernández Casado, Carlos (1979). "Historia del puente en España". Informes de la Construcción 31 (307): 57. 
  2. Fernández-Tresguerres, José Ramón (1998). "Os saltos d’augua nel valle del Navia". Entrambasaugas (8): 21.