Ponte de Salcedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°11′38″N 6°51′46″O / 43.19401912275, -6.8627521824105

Ponte de Salcedo
Localización da ponte de Salime, marcada co número 3
Localización
RíoRío Navia
ConcelloGrandas de Salime
ProvinciaAsturias
Características
ConstruciónXIX
Ampliación1940
Demolición1953

A Ponte de Salcedo foi unha ponte sobre o río Navia que estaba situada no lugar de Salcedo no concello de Grandas de Salime.

Características[editar | editar a fonte]

A finais do século XIX principiou a construción dunha estrada para unir Grandas de Salime con La Puela e, xa que logo, de Lugo con Oviedo para se converter nun punto crucial na comunicación terrestre entre Asturias e Galicia. O proxecto prevía cruzar o val do río Navia por medio dun continuo descenso dende Grandas cara ao sur, augas arriba do Navia, ata chegar ao nivel do río no lugar de Salcedo, uns dous quilómetros augas arriba de Salime. No lugar de Salcedo era onde se establecía a ponte e a estrada continuaba durante un anaco cara ao sur pola beira dereita do Navia ata a confluencia co río del Ouro, remontando o seu val cara ao leste en dirección a Verducedo. A ponte estaba constituída por dous estribos de fábrica e un tramo metálico de 36 metros de luz.

Ao pouco de empezar a guerra civil, a finais de xullo de 1936, os milicianos republicanos voaron a ponte mentres se retiraban cara ao centro de Asturias diante o avance do exército sublevado. Pouco despois construíuse unha pasarela provisional que se mantivo de xeito precario ata despois da guerra. En 1940 construíuse unha nova ponte definitiva, que consistía nun arco biarticulado de 34 metros de luz con taboleiro de 4 metros de altura. Cada un dos semiarcos consistía nunha celosía de táboas prendidas con cravos.

Coma a ponte de Salime, a ponte de Salcedo desapareceu en 1953 so as augas do encoro de Salime, o que supuxo tamén cortar a antiga estrada, que se substituíu por un novo tramo de 33 quilómetros de Grandas a Verducedo.