Pocholo Martínez-Bordiú

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

José María Martínez-Bordiú e Bassó, nado en Madrid o 22 de outubro de 1962, é un aristócrata, economista, empresario hostaleiro e personaxe mediático español. XVIII Barón de Gotor, é máis coñecido como Pocholo Martínez-Bordiú. Famoso, entre outras cousas, polos seus vínculos familiares: é sobriño de Cristóbal Martínez-Bordiú, marqués de Villaverde, quen fose xenro de Francisco Franco. Tamén estivo casado con Sonsoles Suárez, filla do ex presidente do goberno Adolfo Suárez. A cerimonia celebrouse no Mosteiro de Pedra, en Zaragoza, en recordo ao título nobilario aragonés de barón de Gotor, concedido por Xaime I de Aragón aos seus antepasados. Fíxose especialmente popular polas súas excéntricas e histriónicas aparicións na prensa rosa e programas de televisión.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É o primoxénito do matrimonio formado por José María Martínez-Bordiú, XVII barón de Gotor, e por Clotilde Bassó e Roviralta. O seu padriño de bautismo foi o toureiro Luís Miguel Dominguín. A súa irmá menor Esperanza Martínez-Bordiú é unha famosa deseñadora española coñecida polo nome de Kucca Gotor. Os estudos básicos realizounos no Colexio Alameda de Osuna (Madrid)[Cómpre referencia]. Na súa mocidade estudou mercadotecnia e finanzas en Suíza e en Estados Unidos e traballou no Intercontinental Bank of Miami. Compaxinouno con traballos esporádicos como modelo e actor, chegando a intervir en dous capítulos de Miami Vice. En 1990 tamén tivo un pequeno papel en La grieta, película de serie B dirixida por Juan Piquer Simón. Foi entón cando abandonou definitivamente a súa carreira como economista e, segundo as súas propias palabras: "Decidín vir a España. Estar encerrado nun despacho non era o meu. Fun a Eivisa e adiqueime á noite".[1]

Ten catro irmáns menores: Alfonso, Afasto, Clotilde e Esperanza "Kucca". Descende do antipapa Bieito XIII, alcumado "Papa Luna".[2]

En España traballou como disc jockey e animador da discoteca Pachá, en Eivisa e Madrid. Logo trasladouse ao Uruguai, onde se fixo cargo da discoteca Harem, en Punta do Leste, onde veranea a alta sociedade do país. Durante a súa estancia no Uruguai foi encarcerado por catro meses en Las Rosas por posesión de drogas.[1] En 1992 contraeu matrimonio con Sonsoles Suárez, aínda que se divorciaron dous anos despois. Iso converteuno en obxectivo da prensa do corazón, especialmente tras o seu regreso a España a finais dos anos noventa.

A súa popularidade disparouse a partir de 2003, ao concursar nos reality shows Hotel Glam de Telecinco e Aventura en África de Antena 3. Posteriormente realizou colaboracións puntuais noutros programas e series como El inquilino, Crónicas Marcianas, Latrelevisión e Planeta Finito.

En xullo de 2006 estreou o seu propio programa na Sexta, Pocholo Eivissa 06, un docu-soap protagonizado por el mesmo e ambientado en Eivisa. En xullo de 2007 estreou outro programa na Sexta, Pocholo 007, SDF (sen domicilio fixo), outro docu-soap con el e unha playmate española Arancha Bonete como protagonistas. O 25 de marzo de 2011 participou no programa de Telecinco, El reencuentro, para visitar os concursantes de devandito reality.

Na súa mocidade, mantivo unha relación coa actriz costarriqueña Giannina Facio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Crónica nº389", en El Mundo.
  2. A Verdade