Playback (novela)
Playback | |
---|---|
Título orixinal | Playback |
Autor/a | Raymond Chandler |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela negra |
Editorial | Houghton Mifflin (EUA) Hamish Hamilton (UK) |
Data de pub. | 1958 |
Formato | tapa dura e tapa branda |
Páxinas | 208 (tapa dura) |
Precedido por | O longo adeus |
Seguido por | Poodle Springs |
[ editar datos en Wikidata ] |
Playback é unha novela negra de Raymond Chandler publicada en 1958, a última que rematou e a derradeira da saga do detective privado Philip Marlowe. É a única novela do autor que nunca foi adaptada ao cinema.
Trama
[editar | editar a fonte]A novela está ambientada en California a comezos de 1952, 18 meses despois da ruptura de Marlowe con Linda Loring en The Long Goodbye.
A través dun avogado de Los Angeles, Marlowe é contratado para seguir unha muller que chega en tren á cidade. A muller faise chamar Eleanor King, pero o seu nome de solteira é Betty Mayfield. Marlowe séguea até unha pequena vila da costa, Esmeralda. Durante o traxecto en tren, un home recoñécea e intenta facerlle chantaxe, se ben o motivo non se sabe até o final da novela.
Marlowe dille a Betty que ten o encargo de seguila pero que non sabe o motivo, e que intentará protexela do chantaxista. Ela dille que o home apareceu morto na terraza da súa habitación, e pídelle axuda para desfacerse do corpo. Marlowe móstrase cauto e desconfiado, sobe á habitación, e descobre que ela lle mentiu, pois non hai corpo ningún.
Na vila, Marlowe crúzase con diversos personaxes con estrañas inquedanzas, como un avogado taciturno e a súa intelixente secretaria (coa que o detective ten un encontro sexual), un gángster retirado, un matón ao que Marlowe deixa eivado, policías decentes, emigrantes mexicanos, e un ancián millonario co que ten unha extensa discusión filosófica.
Na comisaría, Marlowe descobre que Betty Mayfield estivera casada co fillo dun millonario dunha pequena vila de Carolina do Norte. Durante a segunda guerra mundial o seu home sufriu un accidente no pescozo. Unha noite, logo dunha discusión de parella, o marido apareceu morto sen o protector para o pescozo. Ela foi acusada de asasinato, e a pesar de ser declarada culpable por un tribunal popular, foi absolta polo xuíz. O pai do seu home promete perseguila para acosala e provocar a xustiza pola man. O chantaxista é un home que a recoñeceu no tren, e quere cartos a cambio de non acusala ante o millonario.
O capitán de policía de Esmeralda dille ao pai que non ten nada que facer, ao ser declarada inocente. O chantaxista desaparece, presuntamente matado por un dos homes ricos da vila, que non quere mala publicidade para o seu hotel. Betty desaparece de novo, logo de se deitar con Marlowe.
Finalmente, o detective recibe unha chamada de Linda Loring desde París, pedíndolle que vaia a Europa e case con ela. El dille que acepta casar con ela, pero para viviren en California.
Historia
[editar | editar a fonte]A novela está baseada nun guión previo de Chandler que fora rexeitado varios anos antes. É a única novela ambientada fóra de Los Angeles, e a vila de Esmeralda refírese a La Jolla, onde Chandler viviu os seus últimos anos.