Pintura islámica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O mundo islámico xurdiu a comezos do século VII na península Arábiga, que era lugar de paso das máis importantes rutas de comercio da época. A pesar dos desertos que cubrían gran parte desa península, nos litorais había zonas de gran fertilidade agrícola, berce das primeiras civilizacións semitas. As tribos eran fundamentalmente politeístas mais existían tamén zonas monoteístas.

Mahoma naceu na Meca e, a partir do ano 611, tivo visións nas que o arcanxo Gabriel o sinalaba como profeta escollido por Deus, e xa no 614, como mensaxeiro. Comezou entón a predicar entre os seus familiares e máis tarde na Meca, feito que levou a persecucións por parte dos mercadores e este tivo que fuxir a Yatrib, a futura Medina.

O ano 622 considérase o inicio da expansión do Islam. Mahoma converteu as tribos árabes, formando un réxime teocrático. Recuperou o monoteísmo do pobo árabe e desenvolveu o Islam (relixión que regula toda a vida do musulmán).

A prohibición da representación humana na arte islámica é un feito fundamental, xa que non se prohibe a representación de figuras no Corán, pero é coñecido que se adoptaron medidas intransixentes contra a representación primeiro de Deus, e logo de calquera figura. A razón foi o temor das autoridades relixiosas a que o pobo volvese ó paganismo idólatra do que proviña. A pesar da citada prohibición, sempre sorprendeu a aparición de obras artísticas figuradas musulmás, polo que é indispensable facer a distinción entre arte sagrada e arte profana.

É evidente que nas mesquitas, a partir dunha determinada data, a decoración se basea estritamente en motivos xeométricos ou vexetais (a incorporación da caligrafía ás producións gráficas é un dos seus trazos máis característicos); pero non ocorre o mesmo no contexto da arte non relixiosa. Un exemplo de representacións humanas na arte do Islam en España, son as pinturas da Sala de Los Reyes da Alhambra, onde, entre outros motivos, aparecen pintados os primeiros dez reis da dinastía nazarí.

Para lograr o efecto de profundidade, utilizábase unha perspectiva que combinaba o debuxo e a cor, xa que na súa maioría a pintura islámica era bastante plana ou carente de perspectiva, pero isto contrasta coas vivas cores que axudan a atraer a atención do observador.

A pintura de cabalete non existiu na arte islámica, que se concentrou na ilustración de libros. As primeiras mostras conservadas son miniaturas de manuscritos científicos gregos traducidos ó árabe, as Fábulas de Bidpai e o Magamat de al-Hariri (1054 – 1122), narración das aventuras dun viaxeiro. As ilustracións científicas son debuxos lineais baseados nos modelos clásicos, mentres que as coloristas pinturas laicas son dunha inxenuidade encantadora, con só dúas ou tres figuras monumentais e paisaxes como elementos decorativos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]