Saltar ao contido

Petronilla de Meath

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPetronilla de Meath
Biografía
Nacemento1300 Editar o valor en Wikidata
Illa de Irlanda Editar o valor en Wikidata
Morte11 de novembro de 1324 Editar o valor en Wikidata (23/24 anos)
Kilkenny, Irlanda Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, morte na fogueira Editar o valor en Wikidata
Período de tempoXeración do século XIV e xeración do século XIII Editar o valor en Wikidata
Outro
Condenado porBruxaría Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
tortura
interrogatorio Editar o valor en Wikidata

Petronilla de Meath, nada arredor de 1300 e finada no condado de Kilkenny o 3 de novembro de 1324, foi unha presunta seguidora de Dame Alice Kyteler, unha muller adiñeirada de ascendencia flamenga que vivía na colonia inglesa de Irlanda. Trala morte do cuarto marido de Kyteler, Kyteler foi acusada de practicar bruxaría e Petronilla foi acusada de ser unha das súas cómplices. Petronilla foi torturada e obrigada a proclamar que ela e Kyteler eran culpables de bruxaría. Kyteler fuxiu para salvar a súa vida, e Petronilla foi azoutada e finalmente queimada na fogueira o 3 de novembro de 1324,[1] en Kilkenny.[2][3] O seu foi o primeiro caso coñecido nas illas Británicas de morte por lume por delito de herexía.

Confesión e execución

[editar | editar a fonte]

O bispo de Ossory, Richard de Ledrede, presentou sete cargos contra Alice Kyteler e as súas seguidoras, incluída Petronilla:

... que estaban negando a Cristo e a igrexa; que cortaban animais vivos e espallaban os anacos nos cruzamentos de camiños como ofrendas a un demo chamado fillo de Art a cambio da súa axuda; que roubaban as chaves da igrexa e facían alí reunións pola noite; que na caveira dun ladrón colocaban os intestinos e órganos internos de galos, vermes, unllas cortadas de cadáveres, pelos das nádegas e roupa de rapaces que morreron antes de bautizarse; que, a partir desa beberaxe elaboraban pocións para incitar a xente a amar, odiar, matar e aflixir os cristiáns; que a propia Alice tiña un certo demo como íncubo a quen permitía que a coñecese carnalmente e que se lle aparecía ben como un gato, un can negro peludo ou como un home negro aethiopos, de quen recibía a súa riqueza; e que Alice empregara a súa feitizaría para asasinar algúns dos seus maridos e namorar outros, co resultado de que entregaron todas as súas posesións a ela e ao seu fillo.[4]

Os cargos ían desde cometer bruxaría e satanismo, ata ter asasinado varios maridos; e Kyteler foi acusada de adquirir a súa riqueza ilegalmente por bruxaría. Estas acusacións proviñan principalmente dos fillos que tiveran os seus defuntos maridos nos matrimonios anteriores.[5] O xuízo foi anterior a calquera estatuto formal de bruxaría en Irlanda; baseándose así no dereito eclesiástico onde a bruxaría era tratada como herexía, en lugar do dereito común inglés, onde xeralmente se consideraba un delito menor.[6] Mentres Kyteler fuxiu a Flandres ou a Inglaterra para escapar do xuízo, as outras acusadas ​​non tiveron tanta sorte, especialmente Petronilla. Ledrede ordenou a tortura de Petronilla e das outras "seguidoras" menos ricas presas en Kilkenny, que foron examinadas mediante o procedemento inquisitivo permitido polo decreto papal Super illius specula. Confesaron os cargos que se lles imputaban. Segundo A Contemporary Narrative of the Proceedings Against Dame Alice Kyteler: Prosecuted for Sorcery in 1324 escrito por Ledrede, Petronilla confesou todo tipo de cousas:

... Entre outras cousas, ela dixo que coa súa dita amante adoitaba facer unha condena de excomuñón contra o seu propio marido con candeas de cera acesas e expectoración repetida, como esixían as súas regras. E aínda que ela mesma era unha adepta da súa arte maldita, dixo que non era nada en comparación coa súa dona, da que aprendera todas estas cousas e moitas máis; e, de feito, en todo o reino do rei de Inglaterra non había ninguén máis hábil ou igual a ela nesa arte ...[7]

Petronilla afirmou que Kyteler permitiu que un demo a coñecese carnalmente, que consultaba diaños e facía pocións e que Kyteler negaba a "fe de Cristo e da Igrexa".[8] Petronilla tamén sostivo que ela e a súa amante aplicaron unha poción máxica a unha trabe de madeira, que permitía que ambas as mulleres voasen. Petronilla viuse entón obrigada a facer unha proclama pública de que Kyteler e as súas seguidoras eran culpables de bruxaría.[5] Petronilla foi azoutada seis veces,[8] segundo as ordes de Ledrede e condenada a ser queimada na fogueira como herexe.[9] John Clyn, o cronista franciscano de Kilkenny, rexistrou a súa morte:

Petronilla de Meath ... foi condenada por feitizaría, facer sortilexios e ofrecer sacrificios aos demos, entregada ás chamas e queimada. Non se ouviu falar de que ninguén, nin nos vellos tempos, sufrise pena de morte por herexía en Irlanda.[10]

Era nai doutra acusada como cómplice, chamada Sarah, que evidentemente escapou con Alice.[11] Baseándose nos anais do século XIV de John Pembridge que cambian o nome de Sarah por Basil, en History of the Bishops of the Kingdom of Ireland and of Such Matters Ecclesiastical and Civil de Sir James Ware,[12] faise referencia a que Basil era unha seguidora acusada que conseguiu escapar con Kyteler, "a dama e Basil fuxiron".[13]

A artista feminista Judy Chicago deixou un lugar para Petronilla na súa instalación de 39 mulleres míticas e históricas titulada The Dinner Party.[14] Desde 2007, a peza está en exposición permanente no Elizabeth A. Sackler Center for Feminist Art do Brooklyn Museum de Nova York.

  1. O'Connell, Jennifer. "Witchipedia: Ireland's most famous witches". The Irish Times (en inglés). Consultado o 3 de novembro de 2021. 
  2. Wright, Thomas, ed. A Contemporary Narrative of the Proceedings Against Dame Alice Kyteler, Prosecuted for Sorcery in 1324, by Richard de Ledrede, Bishop of Ossory. Londres: The Camden Society, 1843.
  3. Davidson, Sharon, and John O. Ward, trans. The Sorcery Trial of Alice Kyteler: A Contemporary Account (1324). Asheville, NC: Pegasus Press, 2004, ISBN 9781889818429
  4. Williams, Bernadette, "The Sorcery Trial of Alice Kyteler", History Ireland, vol. 2, no. 4 (Winter, 1994), pp. 21–22.
  5. 5,0 5,1 Wright, ed. A Contemporary Narrative of the Proceedings Against Dame Alice Kyteler, 1843.
  6. Williams, "The Sorcery Trial of Alice Kyteler", p. 21.
  7. Riddell, William Renwick, "The First Execution for Witchcraft in Ireland", Journal of American Institute of Criminal Law and Criminology, vol. 7 no. 6 (March, 1917) p. 836; translating Richard Ledrede, A Contemporary Narrative of the Proceedings Against Dame Alice Kyteler: Prosecuted for Sorcery in 1324.
  8. 8,0 8,1 Riddell, "The First Execution for Witchcraft in Ireland", p. 836.
  9. Williams, "The Sorcery Trial of Alice Kyteler", p. 24.
  10. Williams, "The Sorcery Trial of Alice Kyteler", p. 24, citando a John Clyn.
  11. Callan, The Templars, the Witch, and the Wild Irish, pp.84, 104 n132.
  12. History of the Bishops of the Kingdom of Ireland and of Such Matters Ecclesiastical and Civil
  13. Harris, Walter ed. History of the Bishops of the Kingdom of Ireland and of Such Matters Ecclesiastical and Civil by Sir James Ware (Dublin, 1719), p. 408.
  14. "The Dinner Party: Place Settings". Brooklyn Museum. Consultado o 1 de novembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]