Perceforest

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Perceforest ou Roman de Perceforest é un texto literario francés anónimo composto cara ao 1340 en prosa, con irrupcións líricas, desenvolvido en seis tomos. Narra á maneira cabaleiresca a historia ficticia dunha Gran Bretaña colonizada por troianos e posteriormente Alexandre Magno que establece unha dinastía na persoa de Perceforest. Na obra, do mestizaxe entre britanos (troianos) e gregos xorde a xeración artúrica. Perceforest é o alcume do personaxe principal, porén a obra contén numerosos relatos protagonizados por outros personaxes ao longo de varias xeracións.

Trama[1][editar | editar a fonte]

Libro I. Refuxiados troianos ao mando de Bruto chegan a Gran Bretaña e colonízana vencendo os xigantes autóctonos ou desprazándoos cara ás montañas. Chega Alexandre Magno co seu xeral Betis. Antes de partir para Babilonia Alexandre coroa Betis rei de Inglaterra e o irmán del, Gadifer, rei de Escocia. Tamén dá comezo á institución das xustas. Betis derrota Darnant, un feiticeiro dun bosque, e obtén así o seu alcume de Perceforest ("penetra-bosque"). Iníciase o camiño de Gran Bretaña cara ao perfeccionamento da civilización. O libro conclúe con coroamentos e matrimonios.

Libro II. Alexandre morre en Babilonia e Perceforest cae nunha longa enfermidade de dezaoito anos. Perceforest funda unha orde de cabalaría, a do Franc-Palais, que anticipa a do rei Artur (suposto descendente de Perceforest e de Alexandre). Gadifer resulta ferido por un xabaril e débese retirar á Illa de Vida (Avalón). Lydoire, a súa esposa, retírase con el. Posteriormente incursionará esporadicamente no mundo como a Raíña Fada, que entre outras cousas profetizará unha catástrofe sobre Gran Bretaña. O libro conclúe coas aventuras dos cabaleiros da segunda xeración.

Libro III. O eremita Pergamon organiza unha serie de doce torneos no "Castelo das Doncelas" para casar as súas doce netas. Intercálanse os relatos de aventuras como a de Troilo e Zellandine (antecedente do conto da Bela Dormente),[2] Neronés e o Cabaleiro Dourado ou a de Gadifer e o mago Aroés.

Libro IV. Prodúcese a catástrofe profetizada pola Raíña Fada: os romanos invaden Gran Bretaña. Diante do Franc-Palais prodúcese unha gran batalla. Morren todos os cabaleiros. Só quedan as mulleres e os nenos da terceira xeración. A Raíña Fada transporta Perceforest ata a Illa de Vida. Alí esperará a chegada do "Deus verdadeiro" e o seu propio bateo. Comeza un longo período de reconstrución a cargo da nova xeración.

Libro V. Prosegue a reconstrución. Ourseau, neto de Gadifer I, adquire protagonismo. Novamente prodúcese unha serie de doce torneos. Organízaos a Raíña Branca para perfeccionar a cabalaría e achar marido para a súa filla Blanchette. Vence O Exilado, un cabaleiro anónimo que resulta ser fillo de Xenebra, unha das doce doncelas do Libro III.

Libro VI. Aventuras de Galafur, descendente de Perceforest, quen casa con Alexandre-Fin-de-Liesse, descendente de Alexandre. Acontece unha nova destrución no reino baixo o poder do invasor Scapiol que se fai coroar rei de toda a Gran Bretaña. Galafur é transportado á Illa de Vida. Olofer, fillo de Galafur, mata o xabaril que ferira a Gadifer I e chega á Illa de Vida para curalo finalmente. Galafur II, fillo de Galafur I é bateado baixo o nome de Arfasen e emprende a conversión do país ao cristianismo. Arfasen, co sacerdote Natanael, vai ata a Illa de Vida para batear os seus devanceiros. Estes antigos reis finalmente poden abandonar a illa e morrer.

Autoría[editar | editar a fonte]

Descoñécese a identidade do autor da obra mais considérase moi verosímil que fora un clérigo orixinario de Henao quen a escribiría a petición do conde Guillerme I de Henao.[3]

Datación[editar | editar a fonte]

A data de elaboración do texto comunmente aceptada xira arredor do ano 1340 (sería rematada entre 1337 e 1344).[4] Hai catro manuscritos do Perceforest que datan da segunda metade do século XV. O manuscrito A, da Biblioteca Nacional de Francia, copiado entre 1470 e 1475, que contén os tomos I, II, III e V. Os tres primeiros tomos levan nos seus frontispicios as armas e o emblema de Louis de Bruges, señor de Gruthuyse, conselleiro e camareiro de Filipe o Bo, duque de Borgoña, para quen foi copiado o manuscrito. O manuscrito B, da Biblioteca Nacional de Francia, copiado entre 1471 e 1477 por Jacques d’Armagnac, duque de Nemours, que contén os tomos I e IV. O manuscrito C, da Biblioteca do Arsenal, único que contén a novela completa, explicitamente datada de 1459 a 1460, transcrito por David Aubert por orde de Filipe o Bo. O texto foi explicitamente modernizado. O manuscrito D, da Biblioteca Británica de Londres, que contén os tomos I e III, copiados entre 1471 e 1477.[5][6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Flutre, Louis-Ferdinand, "Etudes sur le Roman de Perceforest" , Romania, 70, 1949, p.474-522; 71, 1950, p.374-391, p.482-508; 71,1953,p.44-102; 88,1967,p.475-508;89,1968,p.355-386;90,1969,p.341-370;91,1970,p.189-22
  2. Noémie Chardonnens, « D’un imaginaire à l’autre : la belle endormie du Roman de Perceforest et son fils », Études de lettres [En ligne], 3-4 | 2011, mis en ligne le 15 décembre 2014, consulté le 18 mars 2015. URL : http:// edl.revues.org/200 ; DOI : 10.4000/edl.200
  3. Nadine Steinfeld. L'apport du roman de Perceforest pour la mise à jour des notices étymologiques du TLF(i).. Lexicographie historique française : autour de la mise à jour des notices étymologiques du Trésor de la langue française informatisé. 2005, Nancy, Francia. <halshs-00126123>
  4. Gilles Roussineau (editor), Perceforest, Quartième partie. Edition critique avec introduction et glossaire. Tomo I. Librairie Droz. París – Xenebra. 1987. Pp. 9-12.
  5. Gilles Roussineau. Pp. 21-32.
  6. Nadine Steinfeld. Op. cit. P. 2.
  7. Christine Ferlampin-Acher. Introdución a «Perceforest», Christine Ferlampin-Acher (textes réunis par) ISBN 978-2-7535-2073-8 Presses universitaires de Rennes, 2012, www.pur-editions.fr