Peaxes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Peaxes
Autor/aSantiago Lopo
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalega
ColecciónLiteraria
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2009
Páxinas96
ISBNISBN 978-84-9782-958-8

Peaxes é unha novela breve, de ritmo áxil[1] e moita acción[2] de Santiago Lopo publicada en 2009 por Edicións Xerais de Galicia.

Trama[editar | editar a fonte]

Cabinas de peaxe na autoestrada AP-9.

O narrador, que leva dous meses traballando nunha cabina de peaxe de autoestrada, decide analizar algúns condutores habituais para evadirse do aburrimento nas horas de menos tránsito; de contado se engancha na actividade e entre coche e coche toma notas apresuradas que repasa e completa na casa pola noite.

Guiado polos anacos de cancións que saen dos seus coches, polos fragmentos de conversa que escoita, polas poucas frases que intercambian con el vai imaxinando as súas vidas, profesións… Identifica eses seres anónimos co nome do coche que conducen e pouco a pouco vai intimando con algúns, pídelles axuda para resolver un encrucillado e acaba convidándoos a asistiren un sábado a unha sala de concertos. Despois disto tomará a decisión de deixar o caderno porque: Os meus personaxes fuxiron das follas cuadriculadas, agora existen no mundo e eu existo para eles. [3]

Mesturadas coas súas hipóteses sobre os condutores aparecen as súas reflexións sobre os aspectos máis diversos: unha absurda lista de días conmemorativos, a intromisión na intimidade de Google, a súa necesidade de escoitar o vento…

Narración[editar | editar a fonte]

O narrador intradiexético protagonista vai reconstruíndo / inventando a vida dos demais personaxes da obra.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O traballo do protagonista desde a cabina de peaxe permite unha división de capítulos en días da semana e fin de semana[4] que se corresponden coas súas xornadas nos que vai mostrando un crebacabezas de personaxes descoñecidos entre si e que apenas teñen en común o feito de seren contempladas todas elas polos ollos do cobrador.[2]

Tempo[editar | editar a fonte]

A obra comeza un xoves, xusto dous meses despois do inicio do traballo do protagonista, e remata o domingo de dúas semanas despois.

Espazo[editar | editar a fonte]

Desenvólvese na parada ante a cabina de peaxe agás os dous últimos capítulos; o penúltimo na sala de concertos e o último no seu apartamento.

Personaxes[editar | editar a fonte]

O protagonista axúdase para caracterizar os personaxes de "detalles aparentemente nimios pero no fondo moi reveladores, como (...) a música que van escoitando, o perfume, as conversas telefónicas truncadas ou os tarecos que carrexan nos asentos traseiros".[2]

Os principais son:

  • Clio: Leva un perfume inconfundíbel, sempre vai soa, séntese atraído por ela e gustaríalle coñecela.
  • Grand Cherokee: Con dous cans enormes, guedellas de rastafari, anda sempre colocado.
  • Matiz: Un día vai un home e ao seguinte unha muller. Moi educados.
  • Golfiña: Gústalle moito a velocidade.
  • Ibiza: É un tipo raro, cuns estrafalarios pantalóns a raias e o asento traseiro cheo de caixas de cartón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Saá, A. (3/5/2009). "Unha novela é completa cando me entretén, me fai aprender algo e me fai pensar". Faro de Vigo. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Requeixo, Armando (30/4/2009). "Anónimos. A capacidade da sorpresa". Faro da Cultura: V. 
  3. Lopo, Santiago (2009). Peaxes. Edicións Xerais de Galicia. p. 91. ISBN 978-84-9782-958-8. 
  4. Domínguez Mallo, Lorena (18/5/2009). "A banda sonora da autoestrada". LG3 O soportal da Literatura Galega. Consello da Cultura Galega. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]