PER

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

PER (siglas de Price-Earnings Ratio) é a relación entre o prezo e o beneficio dunha acción (BPA). Supón, en definitiva, cantos euros se pagan por cada euro de beneficio prometido por esa empresa. É ademais o inverso da rendibilidade esperada (beneficio entre prezo).

Tipos de xuros e PER[editar | editar a fonte]

Sendo o inverso da rendibilidade, pódese descompoñer esta última fundamentalmente en dúas: a rendibilidade libre de riscos (ou tipo de xuro), e a prima de risco; e dicir, a prima que pide o investidor sobre o tipo de xuro existente para cubrir o risco do investimento. Vese, polo tanto, que canto maiores sexan os tipos de xuro maior será a rendibilidade esperada e, por tanto, menor será o PER que o investidor estará disposto a pagar. O mesmo sucede coa prima de risco: se o investidor ten unha maior aversión ó risco ou existen grandes tensións xeopoliticas, entón o PER deberá ser menor para que o investidor invista na compañía. Analogamente, uns tipos de xuro baixos presionarán á alza o PER dunha empresa, pois o investidor espera unha rendibilidade total menor.

A influencia do crecemento esperado[editar | editar a fonte]

Mais o PER non é simplemente inversamente proporcional á rendibilidade que agarda o investidor, senón que tamén inflúe o crecemento esperado da empresa. De feito, son estas perspectivas de crecemento as que fan que unha acción cotice a un PER superior ao esperado pola súa rendibilidade teórica.

Así, á rendibilidade esperada cómpre restarlle un factor de crecemento e, polo tanto, canto maior sexa o crecemento esperado, maior será o valor do PER.

A influencia do crecemento será maior en escenarios de tipos de xuro baixos, pois o seu peso relativo fronte á rendibilidade é maior (menor tipo de xuro, menor rendibilidade esperada).