Ratio prezo-beneficio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

PER (siglas en inglés de Price-Earnings Ratio) é a relación entre o prezo e o beneficio dunha acción (BPA).[1] Supón, en definitiva, cantos euros se pagan por cada euro de beneficio prometido por esa empresa. É ademais o inverso da rendibilidade esperada (beneficio entre prezo). É un dato que se emprega acotío na análise fundamental das empresas, especialmente das que cotizan na bolsa de valores.

Fórmula[editar | editar a fonte]

O valor do PER calcúlase dividindo o valor das accións dunha empresa determinada, no mercado bolsista (capitalización bolsista, entre o beneficio neto anual despois de impostos da empresa correspondente. Dito doutro xeito, o PER dunha empresa calcúlase dividindo o prezo de cada ación entre o BPA (beneficio por acción) . Exemplo: se a empresa X cotiza a 13 euros e o beneficio neto anual por acción é de 1,30 euros, o seu PER será de 10 (13,00/1,30).

Exemplo e interpretación[editar | editar a fonte]

A empresa X que cotiza a 13,00 € / acción, o ano anterior tivo un beneficio neto de 650.000 €, e ten 500.000 accións en circulación. Polo tanto:

No exemplo, preséntase que a lectura do PER da empresa X é que no prezo -actual- das súas accións incluíron 10 veces o beneficio -anterior-da empresa. Unha empresa cun PER alto pode significar que as expectativas do valor son moi favorables e se basean en beneficios futuros (prevese unha medra destes) ou ben que a acción está sobrevalorada -sen fundamento- e, polo tanto, que resulte improbable que a súa cotización siga subindo.

Unha empresa cun PER baixo pode significar que a acción está minusvalorada e pode entrar nunha senda alcista en bolsa.

N / A   Se a empresa ten perdas, o seu PER será indeterminado. Aínda que se pode calcular matematicamente un PER negativo, por convención, asígnase un PER indefinido a estas empresas.
0-10 Ou ben a acción atópase minusvalorada ou os investidores cren que os beneficios da empresa entrarán en declive.
10-17 Para a gran maioría de empresas, este valor do PER é o axeitado.
17-25 Ou ben a acción atópase sobrevalorada ou os beneficios da empresa medraron dende que se publicaron os beneficios inmediatamente anteriores.Tamén pode indicar que os investidores cren que

nun futuro próximo so beneficios medrarán substancialmente

25+ Un PEr tan elevado pode deberse a que hai grandes expectativas de crecemento dos beneficios futuros, ou ben que a compañía está en situación de burbulla financeira especulativa.

Cando se trata de interpretar o PER é importante comparalo co das outras empresas do correspondente sector ou mercado do valor e as expectativas de desenvolvemento e beneficios.

PER e tipos de xuros[editar | editar a fonte]

Sendo o inverso da rendibilidade, pódese descompoñer esta última fundamentalmente en dúas: a rendibilidade libre de riscos (ou tipo de xuro), e a prima de risco; é dicir, a prima que pide o investidor sobre o tipo de xuro existente para cubrir o risco do investimento. Vese, polo tanto, que canto maiores sexan os tipos de xuro maior será a rendibilidade esperada e, por tanto, menor será o PER que o investidor estará disposto a pagar. O mesmo sucede coa prima de risco: se o investidor ten unha maior aversión ó risco ou existen grandes tensións xeopolíticas, entón o PER deberá ser menor para que o investidor invista na compañía. Analogamente, uns tipos de xuro baixos presionarán á alza o PER dunha empresa, pois o investidor espera unha rendibilidade total menor.

A influencia do crecemento esperado[editar | editar a fonte]

Mais o PER non é simplemente inversamente proporcional á rendibilidade que agarda o investidor, senón que tamén inflúe o crecemento esperado da empresa. De feito, son estas perspectivas de crecemento as que fan que unha acción cotice a un PER superior ao esperado pola súa rendibilidade teórica. Así, á rendibilidade esperada cómpre restarlle un factor de crecemento e, polo tanto, canto maior sexa o crecemento esperado, maior será o valor do PER.

A influencia do crecemento será maior en escenarios de tipos de xuro baixos, pois o seu peso relativo fronte á rendibilidade é maior (menor tipo de xuro, menor rendibilidade esperada).

Límites[editar | editar a fonte]

A simplicidade de uso do PER non debe ocultar os seus límites e carencias. Por exemplo:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Diccionari dels mercats financers". termcat.cat (en catalán). Consultado o 25-11-2019.