Prima de risco
A prima de risco (ou diferencial de débeda) é a diferenza entre o xuro que ten que pagar un país inseguro economicamente por financiarse nos mercados de débeda en comparación co xuro que ten que pagar outro país cuxos activos son máis seguros.
No caso europeo, a prima de risco é a diferenza entre o xuro que se compromete a pagar un país cando emite bonos en comparación co xuro dos bonos alemáns, co mesmo prazo de vencemento. Así, por exemplo, cando os bonos españois son colocados no mercado de débeda cun xuro a 10 anos dun 6%, mentres que os bonos alemáns son colocados no mesmo mercado de débeda e co mesmo vencemento a 10 anos cun xuro do 2%, considérase que a prima de risco de España é de 400 puntos básicos, é dicir:
- 4'00% x 100 = 400 puntos básicos.
O 4% sae de restar o 6% de xuro dos bonos españois a 10 anos, menos o 2% de xuro dos bonos alemáns a 10 anos, que son os que se empregan como referencia na Unión Europea.
Este diferencial xorde do risco que corren os investidores cando invisten en débeda dun país economicamente inseguro. Estes investidores corren ese risco a cambio dunha maior rendibilidade, mentres que cando invisten en débeda dun país seguro, corren menos riscos pero tamén acadan menos rendibilidade do seu investimento.
A prima de risco dun país pode medrar non só polo debilitamento da súa propia economía, senón tamén polo fortalecemento da economía do país que se colle como referencia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ¿Qué es la prima de riesgo?, artigo de La Vanguardia. (en castelán)