Saltar ao contido

Oxyrhynchus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Oxyrhynchus (grego: Οξύρρυγχος; "nariz agudo ou nariz afiado"; en antigo exipcio Pr-Medjed; en árabe dialectal do Exipto de hoxe el-Bahnasa) é un sitio arqueolóxico en Exipto, considerado como un dos máis importantes que se coñecen. Está situado a uns 160 km da capital exipcia, en sentido sur-suroeste. Durante o pasado século, a área arredor de Oxyrhynchus foi escavada de continuo, fornecendo unha enorme colección de textos en papiro datábeles nas épocas tolemaica e Romana da historia de Exipto. Entre os textos descubertos en Oxyrhynchus figuran obras teatrais de Menandro e o Evanxeo de Tomé, un importante e temperán documento gnóstico. As particulares condicións climáticas do lugar - clima seco e ventoso - favoreceron a conservación dos papiros durante séculos.

Os papiros de Oxyrhynchus

[editar | editar a fonte]
Unha carta privada nun papiro atopado en Oxyrhynchus

En 1896 dous filólogos novos da Universidade de Oxford, Bernard Grenfell e Arthur Hunt, iniciaron as escavacións na área da localidade, sacando a luz unha exorbitante cantidade de papiros.

A maior parte dos manuscritos son documentos públicos e privados, como códices, edictos, rexistros, inventarios, actos de compravenda e cartas. Mais apareceron tamén papiros literarios. Entre as obras atopadas na zona son dignos de mención: poemas de Píndaro, poemas de Safo e Alceo, fragmentos de dramas de Esquilo, Sófocles e Eurípides, e máis unha saliente porción das obras de Menandro. Atopáronse tamén os máis antigos e completos diagramas xeométricos da obra de Euclides. Entre os papiros históricos unha ampla parte dos denominados Hellenica Oxyrhynchia, obra anónima relativa aos anos -396--395. Tamén textos cristiáns, gregos e latinos, como fragmentos do Evanxeo de Tomé, da Apocalipse de Baruch, do Evanxeo dos Hebreos e máis unha obra de Santo Ireneo.

Os papiros recobrados consérvanse no British Museum. A publicación dos diversos papiros comezou en 1898 e continua na actualidade, téndose superado os sesenta volumes ata agora.