Opistocontos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Opistoconto")
Opistocontos
Rango fósil: Neoproterozoico - Recente
Os coanoflaxelados son opistocontos, igual que animais e fungos.
Os coanoflaxelados son opistocontos, igual que animais e fungos.
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Unikonta
(sen clasif.): Opisthokonta

Os opistocontos ou Opisthokonta ou "grupo Fungos/Metazoos"[1] é un amplo grupo de eucariotas, que comprende os reinos dos animais e dos fungos, [2] e un grupo de microorganismos eucariotas que se adoitan agrupar no filo parafilético Choanozoa. [3] Estudos xenéticos e ultraestruturais apoian claramente a idea de que os opistocontos son un grupo monofilético.

A característica común dos Opisthokonta é que teñen células flaxeladas, como é o caso dos espermatozoides dos animais ou as quitridioesporas dos fungos, situado na parte posterior da célula, é dicir, na parte oposta da dirección cara á que se move a célula (do mesmo modo que dicimos que a hélice está na parte posterior dos barcos). Isto dálle ao grupo o seu nome (do grego ὀπίσθιος, opísthios, "posterior" + κοντός, kontós, "pértega, poste", referíndose aquí ao flaxelo). As células flaxeladas doutros grupos de eucariotas, polo contrario, propúlsanse con flaxelos situados en posición anterior.

Historia[editar | editar a fonte]

A estreita relación entre os animais e os fungos foi suxerida por Cavalier-Smith en 1987, [4] que utilizou o nome informal opisthokonta (o nome formal fora utilizado para os Chytridiomycota), e isto foi confirmado por estudos xenéticos posteriores. [5]

As primeiras filoxenias situábanos próximos ás plantas e outros grupos que teñen mitocondrias con cristas planas, pero este carácter é variable.

Cavalier-Smith e Stechmann [6] argumentan que os eucariotas uniciliados como os opistocontos e os Amoebozoa, denominados en conxunto Unikonta, separáronse doutros eucariotas biciliados, chamados Bikonta, pouco despois de que estes xurdiran na evolución.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Unha hipótese das relacións entre os eucariotas.

Unha forma de dividir os Opisthokonta é distinguir os grupos Holomycota ou Nucletmycea (fungos e todos os organismos que están máis relacionados cos fungos ca cos animais) e Holozoa (animais e todos os organismos que están máis relacionados cos animais ca cos fungos); non foron identificados opistocontos basais anteriores á separación de Holomycota e Holozoa.

Outra forma de clasificalos é a que se mostra no seguinte diagrama de clados:

   Opisthokonta   


Animalia


   Choanozoa   
   

Choanoflagellatea



Corallochytrea



Mesomycetozoea



Cristidiscoidea





Fungi



Notas[editar | editar a fonte]

  1. «Fungi/Metazoa group». Consultado o 2009-03-08. 
  2. Shalchian-Tabrizi K, Minge MA, Espelund M et al. (2008). Aramayo, Rodolfo, ed. «Multigene phylogeny of choanozoa and the origin of animals». PLoS ONE 3 (5): e2098. doi:10.1371/journal.pone.0002098. PMC 2346548. PMID 18461162. 
  3. Steenkamp ET, Wright J, Baldauf SL (January 2006). «The protistan origins of animals and fungi». Mol. Biol. Evol. 23 (1): 93–106. doi:10.1093/molbev/msj011. PMID 16151185. 
  4. Cavalier-Smith, T. (1987). «The origin of fungi and pseudofungi». En Cambridge Univ. Press. Evolutionary biology of Fungi. Cambridge. pp. 339–353. ISBN 0-521-33050-5. 
  5. Wainright PO, Hinkle G, Sogin ML, Stickel SK (April 1993). «Monophyletic origins of the metazoa: an evolutionary link with fungi». Science 260 (5106): 340–2. Bibcode:1993Sci...260..340W. doi:10.1126/science.8469985. PMID 8469985. 
  6. Stechmann, A.; Cavalier-Smith, T. (2002). «Rooting the eukaryote tree by using a derived gene fusion». Science 297 (5578): 89–91. doi:10.1126/science.1071196. PMID 12098695. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikispecies
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Opistocontos