O dilema do cempés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

«O dilema do cempés» é un poema curto que lle dá nome a un fenómeno psicolóxico chamado efecto cempés ou síndrome do cempés. O efecto cempés ten lugar cando unha actividade que normalmente se realiza de forma automática ou inconsciente se interrompe por ser consciente dela ou pola reflexión sobre a mesma. Por exemplo, que un golfista se concentre demasiado no balanceo do pau ou que alguén pense detidamente en como se anoa a garavata pode prexudicar a actuación ou a realización da tarefa. Ese tipo de tarefas fanse mellor de forma automática inconsciente que de forma consciente. Este efecto tamén se coñece como hiperreflexión ou a lei de Humphrey[1] e xa foi formulado polo psicólogo George Humphrey (1889–1966) en 1923. Nas súas propias palabras: «É unha rima psicolóxica. Contén unha verdade profunda que aparece cada día na vida de todos nós».

O poema[editar | editar a fonte]

O poema, unha rima curta que mostra un solvitur ambulando á inversa, atribúese xeralmente a Katherine Craster (1841–1874)[1] autora de Pinafore Poems (1871), que podería traducirse por Poemas do mandil .[2] A partir de 1881 comezou a aparecer en revistas como The Spectator[3] e The Living Age.[4] Máis tarde, o zoólogo británico E. Ray Lankester citou o poema nun dos seus artigos, publicado na revista científica Nature o 23 de maio de 1889,[5] sobre o traballo do fotógrafo Eadweard Muybridge capturando o movemento dos animais. Lankester escribiu: «No que a min respecta, encantaríame aplicar as cámaras de Muybridge, ou un xogo de baterías similar, á investigación dun fenómeno aínda máis enigmático que o do "cabalo ao galope". Refírome ao problema do "cempés andante"». Lankester remataba o artigo imaxinando «os resultados desastrosos no camiño cara o desconcerto» que poderían ser causados por dita investigación. Citaba o poema e mencionaba que nin el nin o amigo que llo ensinou coñecían o autor. Desde entón atribuíuse o poema a varios autores sen probas convincentes e normalmente aparece co título de «O dilema do cempés».

A versión que aparece no artigo mencionado é a seguinte:

Un cempés paseaba contento
ata que un sapo burlón
lle dixo: «Cóntame, en que orde moves as patas?»
Encheuno de dúbidas ata tal punto
que caeu exhausto na cuneta
sen saber como correr.
:A centipede was happy – quite!
Until a toad in fun
Said, "Pray, which leg moves after which?"
This raised her doubts to such a pitch,
She fell exhausted in the ditch
Not knowing how to run.

Outra versión de O dilema do cempés é:

Un cempés paseaba contento
ata que un sapo burlón
lle dixo: «Cóntame, en que orde moves as patas?»
isto encheuno de dúbidas ata tal punto
que caeu desconcertado na cuneta
pensando en como correr.
:A centipede was happy – quite!
Until a toad in fun
Said, "Pray, which leg comes after which?"
Which threw her mind in such a pitch,
She laid bewildered in the ditch
Considering how to run.


En psicoloxía e filosofía[editar | editar a fonte]

O psicólogo George Humphrey referiuse ao conto en 1923, no seu libro The Story of Man's Mind (A historia da mente humana):[6]«Ningún home hábil na súa profesión necesita unha atención constante no traballo rutineiro. Se a prestase, o traballo botaríase a perder». Seguiu comentando a historia do cempés, dicindo: «É unha rima psicolóxica. Contén unha verdade profunda que aparece cada día na vida de todos nós. Ocorreríanos se lle prestásemos unha atención consciente a calquera hábito ben asimilado, como por exemplo, camiñar». Por tanto, a chamada «ley de Humphrey» sostén que unha vez que a realización dunha tarefa foi automatizada, o pensamento consciente sobre ela, ao mesmo tempo que se executa, ten un efecto negativo no resultado.[7] O hábito diminúe e chega a eliminar a atención que as tarefas rutineiras requiren, mais pode acontecer que esta automaticidade sexa interrompida pola atención cara ao que normalmente é unha competencia inconsciente.

O filósofo Karl Popper citou o efecto cempés no seu libro Knowledge and the Mind-Body Problem: In Defence of Interaction (O coñecemento e o problema da mente e o corpo: en defensa do interaccionismo):[8] «Cando aprendemos certos movementos ata o punto de que se encontran por debaixo do nivel do control consciente, se intentamos realizalos de maneira consciente interferimos con eles tan seriamente que os detemos». Como exemplo menciona ao violinista Adolf Busch. Cando o seu compañeiro de profesión Bronisław Huberman lle preguntou como tocar certa pasaxe do Concerto para violín de Beethoven, respondeulle que era bastante sinxelo, e ao intentar demostrarllo descubriu que xa non era quen de executalo.

O psiquiatra psicanalista Theo L. Dorpat compara preguntas e intervencións irrelevantes no proceso de pensamento dos seus pacientes durante sesións de psicoterapia no seu libro Gaslighting con «a historia do cempés que descubriu que era incapaz de andar cando lle preguntaron: "Que lle pasa ao teu trixésimo cuarto pé esquerdo?"»[9]

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

Portada de O ardente soldado e outras historias, de Gustav Meyrink.

En 1903, a revista Simplicissimus publicou unha adaptación da historia do autor austríaco Gustav Meyrink Der Fluch der Kröte (A maldición do sapo). A fábula tamén se publicou na colección de contos de Meyrink en 1903, Der heiße Soldat (O ardente soldado).[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Colman, Andrew M. (2009). A Dictionary of Psychology (3rd ed.). Oxford: Oxford University Press. pp. 120. ISBN 978-0-19-953406-7. 
  2. Connolly, Kevin; Martlew, Margaret (1999). Psychologically Speaking: A Book of Quotations. Leicester: BPS Books. p. 220. ISBN 978-1-85433-302-5. 
  3. "The Spectator" 54. 1881. 
  4. Littell, Eliakim; Littell, Robert S. (1881). "The Living Age" 150. The Living Age Co. Inc. 
  5. Lankester, E. Ray (23 de maio de 1889). "Muybridge Photographs". Nature 40: 78–80. doi:10.1038/040078b0. 
  6. Humphrey, George (1923). The Story of Man's Mind. Boston: Small, Maynard and company. p. 109. 
  7. Roeckelein, Jon E. (1998). Dictionary of Theories, Laws, and Concepts in Psychology ([Online-Ausg.] ed.). Westport, Conn.: Greenwood. p. 447. ISBN 978-0-313-30460-6. 
  8. Popper, Karl R. (1994). Notturno, M. A., ed. Knowledge and the Body-Mind Problem: In Defence of Interaction (1st. publ. ed.). Londres: Routledge. p. 116. ISBN 978-0-415-11504-9. 
  9. Dorpat, Theo L. (1996). Gaslighting, the Double-Whammy, Interrogation and Other Methods of Convert Control in Psychotherapy & Analysis. Northvale, New Jersy: Aronson. p. 12. ISBN 978-1-568-21828-1. 
  10. Zipes, Jack, ed. (2000). The Oxford Companion to Fairy Tales (1st published. ed.). Oxford: Oxford University Press. p. 318. ISBN 978-0-19-860115-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]