Simplicissimus
Simplicissimus | |
---|---|
País | Alemaña |
Lingua | lingua alemá |
Fundación | 4 de abril de 1896 |
Fundador | Albert Langen |
Circulación | |
ISSN | 0583-323X |
[ editar datos en Wikidata ] |
Simplicissimus foi unha revista semanal satírica escrita en alemán fundada por Albert Langen en abril de 1896 e publicouse até 1967, cunha paréntese de 1944 a 1954. A revista, a partir de 1964, publicouse quincenalmente.[1]
A revista, cuxo nome estaría inspirado na novela do século XVII Der abenteuerliche Simplicissimus (O aventureiro Simplicíssimus), combinaba un contido descarado e politicamente atrevido cun estilo gráfico sorprendentemente inmediato. As portadas estaban deseñadas polo debuxante Thomas Theodor Heine, e publicou artigos de escritores como Thomas Mann e Rainer Maria Rilke. Os seus obxectivos máis caricaturizados foron as anquilosadas figuras militares de Prusia, a ríxida clase social alemá e as diferenzas de clase vistas desde o ambiente máis relaxado e liberal de Múnic.
Historia
[editar | editar a fonte]Empezou a publicarse o 4 de abril de 1896. Do primeiro número, que custaba 10 pfennigs vendéronse 1000 exemplares.
En 1898 as queixas do káiser Guillerme II tras ser ridiculizado na portada provocaron a retirada da revista, o exilio durante un lustro de Langen, editor da Simplicissimus, a imposición dunha multa de 30 000 marcos, a pena de seis meses de prisión para o debuxante, Heine, e sete meses de prisión para o escritor Frank Wedekind. En 1906 o editor Ludwig Thoma foi encarcerado durante seis meses por atacar á igrexa. Estas polémicas incrementaron a popularidade e tirada da revista, que chegou a vender 85 000 copias. Coa entrada de Alemaña na primeira guerra mundial, o semanario relaxou o ton satírico, empezou a apoiar a campaña bélica, e considerouse pechar a revista. A partir de entón as sátiras políticas máis incisivas foron as de George Grosz, Käthe Kollwitz e John Heartfield.
O editor Ludwig Thomas uniuse a unha unidade médica do exército en 1917 e perdeu o seu gusto pola sátira, tras o que cualificou ao seu traballo anterior na revista como inmaturo e deplorable. Abandonou a revista na década de 1920. Durante a República de Weimar a revista seguiu publicándose, época na que atacou duramente aos extremistas da esquerda e a dereita. A medida que o Partido Nazi gañaba poder, usaron os mesmos procedementos que con outros adversarios: acusacións verbais, ameazas, ataques (en 1934 as oficinas da revista foron esnaquizadas polas SA), intimidacións persoais e finalmente arrestos aos debuxantes e escritores de Simplicissimus.
Tras experimentar un lento declive, a revista deixou finalmente de publicarse en 1944. Entre 1954 e 1967 volveu publicarse.
Outros colaboradores da revista foron Olaf Gulbransson, Eduard Thöny, Karl Arnold, Hermann Hesse, Wilhelm Busch, Gustav Meyrink, Georg Queri, Fanny zu Reventlow, Ludwig Thomas, Jakob Wassermann, Frank Wedekind, Franziska Bilek, George Grosz, Heinrich Kley, Alfred Kubin, Rudolf Kriesch, Otto Nückel, Bruno Paul, Ferdinand von Rezniček, Wilhelm Schulz, Heinrich Zille, Hugo von Hofmannsthal, Heinrich Mann e Erich Kästner.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
A vida do "grande" e a vida do "pequeno". Hans Rossmann
-
Outro vento. R. Wilke
-
A sala de baile segreda. J. B. Engl
-
Capa da revista por T.T. Heine
-
Capa con Republicanos da República de Weimar
Influencia no humor gráfico galego
[editar | editar a fonte]Nas primeiras décadas do século XX, as correntes do deseño e artes plásticas estaban moi presentes, en palabras de Víctor Freixanes publicadas nos anos 70s, "As correntes do 'simplicismo' preocupaban e interesaban moito" [2] Nesa mesma década, en xaneiro de 1979, Siro López publicou un artigo na revista Grial chamado Simplicissimus, Gulbransson e Castelao [3] no que sostén que de maneira xeral a revista, e en particular os autores Jean-Louis Forain e Olaf Gulbransson, terían sido influencias fundamentais no estilo do galego, o primeiro polos textos nos pés de páxina e o segundo pola liña. Afirma Siro que Castelao chegara aos debuxantes de Simplicissimus polo escritor cubano Bernardo G. Barros, autor do manual La caricatura contemporánea. Valentín Paz-Andrade rexeitaría esa influencia varias veces, e no libro Castelao na luz e na sombra chamou a Siro de argalleiro, aínda que segundo Siro, Paz-Andrade acabou por lle pedir desculpas.[4]
Por outra banda, o debuxante Luis Bagaría, catalán de orixe con estreita relación con Galiza, estaría influenciado pola revista. En Barcelona, a través de Els Quatre Gats, entrou en contacto co caricaturismo de liñas sinxelas en torno a Simplicissimus, da man de Isidre Nonell ou Santiago Rusiñol[5]. Bagaría, foi amigo de Castelao, a quen máis dunha vez debuxou e entrevistou, e publicou as súas viñetas cando dirixía a parte artística da revista El Sol, e de Antón Vilar Ponte [6][7][8] e moi admirado por Luís Seoane.[9][10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Harvard University Library Catalog, Hollis number 006013229".
- ↑ Freixanes, Víctor (1976.). «Unha ducia de galegos», Páxs 79. Ed. Galaxia, Vigo.
- ↑ SIRO (1979). "SIMPLICISSIMUS, GULBRANSSON E CASTELAO". Grial 17 (63): 18–55. ISSN 0017-4181.
- ↑ "Puntadas sen fío: Castelao, Antón Fraguas e eu". Siro. 2019-05-18. Consultado o 2022-02-22.
- ↑ García, Ángeles (2007-07-12). "Caricaturas que torean a la censura". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-02-22.
- ↑ "Bagaría". Fundación Castelao. Consultado o 25-1-2022.
- ↑ Lieschen. "Retrato de Luis Bagaría con Castelao ó fondo". KAFFEKANTATE. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ LQSomos (2017-09-26). "Una conversación con el gran caricaturista gallego Castelao". LoQueSomos (en castelán). Consultado o 2022-01-25.
- ↑ "Luis Seoane Catalogo Razonado". www.luisseoanecatalogorazonado.com.es. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ Galega, Consello da Cultura. "Luís Bagaría". CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Consultado o 2022-01-25.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Simplicissimus |