O carteiro de Bagdad é unha novela do escritor Marcos Calveiro, publicada por primeira vez no ano 2007 por Edicións Tambre. Recibiu o XVIII Premio Ala Delta de Literatura Infantil[1] nese mesmo ano, e o Premio White Ravens[2] no 2008. Consta de doce capítulos.
A historia deste libro transcorre no seo dunha familia do barrio de Karrada, en Bagdad. Atópanse sumidos na guerra, a pobreza e o medo, enfróntandose sunitas e chiítas e provocando o desastre. A novela é tamén un retrato da realidade desta cidade e das diferenzas étnico-relixiosas do país que se remontan á primeira guerra mundial.
A historia transcorre no barrio de Karrada, en Bagdad, a antiga cidade máis grande da Terra ou Cidade da Paz. Atópase en guerra, e móstrase toda a pobreza e o medo ao que están expostos os habitantes. A cidade resiste baixo as bombas, os comercios están tapiados, os colexios non funcionan e os nenos xogan nas súas casas. O país recibe ameazas externas dos Estados Unidos e a coalición de países que atacan a Iraq, e mostra os enfrontamentos entre sunitas e chiítas.
O protagonista da historia é Abdulwahid, un neno de once anos chamado igual que o levantador de pesas do seu país, recordado por todos por conseguir unha medalla de bronce nas olimpíadas, sendo o único na historia de Iraq; un feito inesquecible. Pertence a unha familia sunita, e non entende porque non pode xogar co seu amigo Ahmed, de familia chiíta. O seu pai é carteiro e todos os días vai traballar na súa motocicleta con esperanza, convencido da importancia de levar noticias ás familias castigadas pola dor de non saber o destino dos seus familiares. No seu peto leva unha carta que se propón entregar, custe o que custe.
Ao longo do libro, o carteiro cóntalle ao seu fillo historias, noticias, mitos e anécdotas de todo tipo.[3]