Negación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A negación é a acción e o efecto de negar. É un modo de enunciar que pode ser realizado por medio de tres procedementos lingüísticos:

  • Marcas morfolóxicas: en moitas linguas a negación pode realizarse mediante marcas morfolóxicas consistentes en prefixos privativos (anormal, inusual, desagradable). A negación morfolóxica determina unha operación, dende o punto de vista lóxico-semántico, pola que se fixan os opostos e complementarios. A isto ténselle chamado predicación negativa dado que non é unha verdadeira negación: desaproveitar non é a negación de aproveitar, senón unha outra cousa distinta que actúa como complementaria.
  • Elementos léxicos: a negación desenvólvese tamén nas linguas por medio de opostos léxicos que non teñen entre si ningunha relación morfolóxica (bo-malo, san-enfermo). A lexicalización da oposición acentúa a distancia entre os dous polos: bo e malo poden considerarse como os dous límites dunha oposición que permite unha gradación. Non estamos ante unha negación verdadeira, senón ante unha polarización complementaria: O contrario de san é ‘non-san’ e non enfermo.
  • Estruturas sintácticas: desde o punto de vista sintáctico, a negación é unha das modalidades básicas en que pode presentarse un enunciado e pode presentar dúas formas: unha absoluta e outra parcial:
    • Negación total: Realízase colocando non entre o suxeito e o verbo se na secuencia non aparecen pronomes clíticos antepostos: A cerimonia non se celebrou.
    • Negación parcial: Consiste en facer negativo un suxeito ou un complemento, para o cal se empregan palabras negativas que expresan o grao cero semántico dos substantivos, adxectivos ou adverbios. Hai dúas posibles estruturas:
- negación + verbo: Nada dixo daquilo.
- non + verbo + negación: Non dixo nada daquilo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]