Museo de la Energía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°33′28″N 6°35′27″O / 42.55778, -6.59083

La Fábrica de Luz. Museo de la Energía
PaísEspaña España
CidadePonferrada
DirectorAmaya Pérez Getino
Inauguración14 de xullo de 2011
Na rede
http://www.lafabricadeluz.org/index.php/es/
editar datos en Wikidata ]

La Fábrica de Luz. Museo de la Energía é un museo situado en Ponferrada, na comarca do Bierzo (provincia de León). Atópase a carón do río Sil.

Características[editar | editar a fonte]

La Fábrica de Luz. Museo de la Energía é un espazo de lecer cultural e científico, onde se analiza o papel da enerxía como protagonista na vida das persoas desde hai séculos. A súa sede aberta ao público, cuxos traballos de recuperación foron galardoados pola Unión Europea co Premio á Conservación do Patrimonio Cultural, foi aberta ao público o 14 de xullo de 2011.

Situada nunha antiga central abandonada que estivo en funcionamento entre 1920 e 1971, transformouse no lugar onde se conta a relación do carbón coa enerxía desde os puntos de vista tecnolóxico e social. A súa restauración realizouse respectando completamente os elementos orixinais da central e posibilitou a recuperación, para novos usos culturais, dunha das xoias do patrimonio industrial español.

A historia do Museo reconstruíuse coa axuda e achegas de máis de 200 colaboradores. Algúns son extraballadores da central que protagonizan a visita a través dos seus testemuños en vídeo nos que describen as súas funcións en cada espazo do edificio.

A relación do carbón coa enerxía desde os puntos de vista tecnolóxico e social cóntase na Fábrica de Luz. Os espazos nos que se sitúan estes contidos serven para fiar o discurso que comeza na plataforma de carbóns, onde se descargaban manualmente os vagóns de carbón procedentes do lavadoiro. O material escorregaba pola pendente acumulándose sobre o sistema de moegas, e grazas a un sistema de cintas transportadoras, era reconducido até o seguinte edificio, a Nave de Caldeiras, destinado á combustión do carbón. Finalmente, o material chegaba á nave de turbinas, edificio onde se aloxaba toda a maquinaria que facía posible a produción de electricidade.

O Museo é tamén un espazo de lecer e participación no que se realizan actividades para todos os públicos, tales como talleres, cursos, conferencias, e eventos de todo tipo, nos que a enerxía é sempre protagonista.

A Fábrica de luz. Museo da Enerxía contará ademais con outra sede, actualmente en fase de construción, que será o seu edificio principal. Situarase na antiga central térmica de Compostilla I que estivo operativa desde 1949 até o ano 1974, e foi determinante na vida, a paisaxe e o desenvolvemento da zona. O edificio albergará dúas exposicións principais nas que se abordará a evolución e o progreso das sociedades humanas en función do coñecemento e a eficiencia no aproveitamento das transformacións da enerxía, e unha instalación con especies vexetais vivas, a modo de híbrido entre unha exposición e un xardín, onde explicar a importancia da fotosíntese e os fluxos da enerxía nos ecosistemas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazónes externas[editar | editar a fonte]