Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luís Iglesias durante 40 anos director do Museo que hoxe leva o seu nome
Edificio da antiga Universidade de Santiago, que albergou durante dous séculos a Facultade de Ciencias. Actualmente o edificio está ocupado pola Facultade de Xeografía e Historia

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, máis coñecido como Museo de Historial Natural "Luís Iglesias", é un centro con fortes potencialidades educativas e sociais, pois ademais das súas tarefas de investigación e educación formal, centra o seu futuro na divulgación científica, dando resposta ás obrigas que esta Universidade ten coa cidadanía. As novas instalacións das que dispón desde 2014 e a súa total renovación, convérteno nun museo moderno, que mostra as ciencias naturais dunha forma comprensíbel e rigorosa nun contexto como o actual, de crecente interese social polo medio ambiente.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que posibelmente a súa orixe como "Gabinete de Historia Natural" se remonte ao século XVIII, a documentación dispoñíbel acredita a súa creación no curso académico 1840-18410, cando na Universidade de Santiago se crea a cátedra de Historia Natural e, asociado a ela, o "Gabinete de Historia Natural", que tiña como principal finalidade a docencia práctica. O seu primeiro director, Antonio Casares Rodríguez, foi quen iniciou o desenvolvemento deste Gabinete, coa recompilación de material existente na Universidade, a creación dun herbario e a recepción de exemplares de minerais doados por profesores e particulares. Diversas compras e doazóns, de coleccións e de exemplares diversos, foron arrequecendo o patrimonio do Gabinete durante a segunda metade do século XIX, especialmente até 1880. Nas dúas últimas décadas deste século, debido ao abandono por parte das autoridades universitarias e políticas, o Gabinete tivo unha época de decadencia, con notábeis perdas do seu patrimonio.[2]

O seu patrimonio estaba constituído por coleccións botánicas, zoolóxicas e xeolóxicas achegadas por profesores e estudantes da Universidade compostelá, así como por científicos e naturalistas, maioritariamente galegos. Tamén contribuíron a incrementar este patrimonio inicial do Gabinete as compras de exemplares diversos.[1]

En 1906 o vello Gabinete adquire a categoría de Museo de Historia Natural. Nesta primeira época como museo, as antigas coleccións foron reunidas nunha sección denominada "Museo Xeral", que foi completándose con exemplares de minerais, vexetais e animais pertencentes á Biblioteca América da USC. Nesta época é destacábel a colaboración co museo de moitos dos máis ilustres científicos galegos.[1]

O ano 1961 marca o inicio dunha nova etapa, que se estende até 2011, durante a cal o museo aloxouse no novo edificio, no campus sur, da Facultade de Ciencias (hoxe Facultade de Química). En 1965, por acordo da Facultade de Ciencias, o museo adoptou o nome de Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", en recoñecemento ao labor investigador e divulgador do naturalista Luís Iglesias Iglesias, reputado entomólogo e catedrático de Bioloxía e Xeoloxía da Universidade, que foi seu director, e que durante máis de 40 anos contribuíu a arrequecer as coleccións do museo.[1][2]

En 2011 o museo trasládase a un novo edificio, no parque de Vista Alegre,[1][3] a súa actual sede, cedido polo Consorcio da Cidade de Santiago, e reábrese en 2014. Comeza entón unha nova etapa de profundos cambios, tanto na configuración das salas expositivas como nas actividades de docencia, investigación e divulgación científica que realiza este renovado museo.[1]

Este Museo constitúe o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, xa que, entre as coleccións que alberga, destacan as resultantes dos traballos de investigación dos máis importantes naturalistas e científicos galegos dos séculos XIX, XX e da actualidade.[2]

Notas[editar | editar a fonte]