Momia do pantano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O home de Tollund viviu no século -IV e é un dos exemplos máis estudados dunha momia do pantano.

Unha momia do pantano é un cadáver humano que foi momificado de xeito natural nunha turbeira. Estes corpos momificados están espallados xeográfica e cronoloxicamente, existindo constancia deles entre o -8000 e a segunda guerra mundial.[1] O factor unificador dos cadáveres é que se atoparon en turba e están parcialmente preservados; porén, os niveis reais de preservación varían moito, dende os perfectamente preservados a meros esqueletos.[2]

Ó contrario doutros restos humanos antigos, as momias do pantano a miúdo conservan a pel e os órganos internos debido ás infrecuentes condicións da área de conservación. Estas condicións inclúen auga con acidez alta, baixas temperaturas e a falta de osíxeno. Isto permite conservar o corpo, aínda que a pel se encurte fortemente. Malia que a pel presérvase bastante ben, polo xeral non ocorre o mesmo cos ósos, xa que o ácido das turbeiras disolve o fosfato de calcio.

A momia do pantano máis antiga que se coñece é o esqueleto do home de Koelbjerg de Dinamarca, que foi datado no -8000, durante o período Mesolítico.[1] O corpo máis antigo é o do home de Cashel, que data do -2000, durante a Idade de Bronce.[3] A inmensa maioría das momias do pantano, incluíndo exemplos como o home de Tollund, o home de Grauballe e o home de Lindow datan da Idade de Ferro, e foron atopados en zonas do noroeste europeo, particularmente en Dinamarca, Alemaña, os Países Baixos e as illas Británicas. Estas momias da Idade de Ferro amosan gran número de semellanzas, como mortes violentas e falta de roupa, o que levou ós arqueólogos a crer que foron asasinados e logo depositados nos pantanos como parte dunha estendida tradición cultural de sacrificios humanos ou execución de criminais.[1] Os corpos do pantano máis recentes atopados pertencen ós soldados mortos en terras húmidas de Rusia durante a segunda guerra mundial.[1]

O científico alemán Alfred Dieck publicou un catálogo de máis de 1 850 momias do pantano que el rexistrou entre 1939 e 1986,[4][5] pero a maioría non foron verificados por documentación arqueolóxica;[6] e unha análise de 2002 sobre a obra de Dieck concluíu que a maioría do seu traballo non é confiable.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Fischer 1998. p. 237.
  2. Van der Sanden 1996. p. 7.
  3. Hart, Edward, dir. "Ghosts of Murdered Kings." NOVA. Prod. Edward Hart and Dan McCabe. PBS. 29 Jan. 2014. Television.
  4. Dieck, Alfred (1965). Die europäischen Moorleichenfunde (Hominidenmoorfunde) (en alemán). Neumünster: Wachholtz. pp. 136pp. 
  5. Glob, Peter Vilhelm (1969). The Bog People: Iron Age Man Preserved. Londres: Faber and Faber. pp. 101. 
  6. 6,0 6,1 Eisenbeiß, Sabine (2003). Bauerochse, Andreas, ed. Bog-bodies in Lower Saxony - rumours and facts: an analysis of Alfred Dieck's sources of information. Peatlands: archaeological sites, archives of nature, nature conservation, wise use; proceedings of the Peatland Conference 2002 in Hannover, Germany. Rhaden/Westf.: Leidorf. pp. 143–150. ISBN 3-89646-026-9.