Moeda-nariz de formiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moedas-nariz de formiga achadas en Xiaogan, provincia de Hubei (Museo Provincial de Hubei).

As moedas-nariz de formiga (en chinés: 蚁鼻钱; pinyin: yǐ bí qián, "moeda como o nariz dunha formiga"), coñecidas tamén como moedas yi-bi, eran unhas pequenas moedas chinesas fundidas en bronce e emitidas no Estado de Chu durante o período dos Reinos Combatentes (475-221 a. de C.). [1][2][3]

En lingua chinesa coñécense tamén como 鬼脸钱 (guǐ liǎn qián; "moeda coa cara do diaño").[2]

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

Anverso dunha moeda-nariz de formiga
Molde para a fundición de moedas-nariz de formiga (Museo de Shanghai)

Estas moedas parecen ser, pola súa forma ovalada, unha evolución das moedas-cuncha. Teñen habitualmente entre 14 e 18 milímetros de altura e entre 5 e 7 de ancho, e pesan arredor de 3 gramos.[1] Nos seus anversos amosan unha inscrición arcaica e no extremo inferior presentan un pequeno furado (frecuentemente non completo), en tanto que os seus reversos son planos.[4][5]

Canto ás inscricións, coñécense oito variantes, das que só catro foron descifradas e as outras catro son obxecto de debate entre os investigadores.[6]

A denominación de "moeda-nariz de formiga" foilles dada polos seus descubridores, que nalgúns casos tamén as denominaron como "moedas-cara de fantasma", baseándose na confusa aparencia das moedas.[5] Porén, o que as fai semellar unha cara de formiga (sobre todo no modelo máis común) é realmente a lenda arcaica de gran tamaño, o que se ve favorecido ademais polo furado inferior, que lembra unha boca.[4]

En 1963 houbo un achado duns 5.000 exemplares nun lago en Xiaogan, Hubei, cun peso medio de 4,37 gramos.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Coin; ant-nose money". The British Museum.
  2. 2,0 2,1 "鬼脸钱:丑陋的战国货币 ("Diñeiro-cara: moedas feas dos Estados en Guerra"). Hebei.news.163.com. 22 de xullo de 2013.
  3. Walker, T. Páxina 4.
  4. 4,0 4,1 Walker, T. Páxinas 1-2.
  5. 5,0 5,1 "Ant Nose Money - Ghost Face". Numista.com
  6. Walker, T. Páxina 4.
  7. "战国钱币一组 Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Rongyi.org. 14 de marzo de 2018.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]