Misfits é unha banda estadounidense de horror punk procedente de Lodi, New Jersey e formada en 1977. Adoita ser recoñecida como a proxenitora do subxénero horror punk, que mestura punk rock e outras influncias musicais cunha estética de películas de terror. O grupo tivo unha formación flutuante durante os seus primeiros seis anos de vida, co seu creador Glenn Danzig e o baixista Jerry Only como únicos membros constantes. Durante ese tempo editaron varios EP's e sinxelos e, co irmán de Only, Doyle, como guitarrista, os álbums Walk Among Us (1982) e Earth A.D./Wolfs Blood (1983), ámbolos dous considerados pedras angulares do movemento hardcore punk de comezos dos anos 80. The Misfits separaríase en 1983 e Danzig formaría Samhain e posteriormente Danzig. Publicáronse varios discos de material inédito e reedicións tras a disolución da banda, e a súa música foi moi influente no punk rock, o heavy metal e o rock alternativo de finais dos 90 e principios dos anos 2000.
Despois dunha serie de batallas legais con Danzig, Only e Doyle recuperaron os dereitos para gravar e actuar como The Misfits. Os dous formaron unha nova versión da banda en 1995 co vocalista Michale Graves e o batería Dr. Chud. Esta encarnación do grupo está máis enraizada no heavy metal, e publicou os álbums American Psycho (1997) e Famous Monsters (1999) antes de disolverse no ano 2000. Jerry Only pasouse entón ás voces e recrutou ao antigo guitarrista de Black Flag Dez Cadena e ao antigo batería dos Ramones Marky Ramone para unha xira de 25 aniversario da banda. Esta formación editou un álbum de versións titulado Project 1950 e xirou durante varios anos. No 2005 foi substituído por Robo, que tocara en Black Flag a comezos dos 80 e tamén estivera nos Misfits entre 1982 e 1983. A banda editou entón o sinxelo "Land of the Dead" no 2009. A actual formación do grupo, composta por Only, Cadena e o batería Eric "Chupacabra" Arce, publicou o álbum The Devil's Rain en outubro do ano 2011.