Mimivirus
Os Mimivirus son un grupo de virus de gran tamaño que posúen ADN de cadea dupla e cuxas partículas maduras miden 400 nm de diámetro. O seu ADN posúe 800.000 pares de bases e 900 xenes.
O primeiro foi descuberto en 1992 nunha torre de refrixeración industrial en Bradford (Inglaterra) e identificado en 2003 por un grupo de investigadores da Université de le Méditerranée (Universidade do Mediterráneo) en Marsella (Francia). O virus, que foi descuberto mentres se estudaba a lexionelose (enfermiadade causada poa bacteria Legionella), encontrouse dentro da ameba acuática Acanthamoeba polyphaga. Á súa vez, tamén se encontraron anticorpos para este virus en mostras de sangue humano.
Debe o seu nome a que cando foi descuberto se confundiu cunha bacteria debido ao seu gran tamaño, e a que "imitaba" (en inglés mimic) mediante unha tinguidura de Gram a dunha bacteria grampositiva.
Características
[editar | editar a fonte]O Mimivirus pertence á nova familia de virus Mimiviridae (mimivíridos), á cal tamén pertence o mamavirus, descuberto posteriormente e aínda de maior tamaño. A familia intégrase dentro dun grupo de virus de orixe monofilética, denominado virus de ADN grande nucleocitoplasmáticos (NCLDV, en inglés) e ao que pertencen virus tan relevantes para a saúde humana e animal como o virus da varíola (familia Poxviridae, poxvíridos), o virus do herpes labial (familia Herpesviridae, herpesvíridos) ou o virus da peste porcina africana ou VPPA (famila Asfarviridae, asfarvíridos).
Realizáronse estudos na Université de le Méditerranée, publicados en Nature, nos que se secuenciou o xenoma do organismo. Os resultados obtidos foron: 800 nm de lonxitude, 1 181 404 pares de bases e 1.262 xenes.
Actualmente estase investigando sobre a posibilidade de que a presenza de mimivirus en pacientes con cadros graves de enfermidade pulmonar estea asociada a un prognóstico negativo; porén, publicáronse datos contraditorios en canto a esta cuestión.[1][2][3] En calquera caso tanto pola súa peculiaridade como pola súa asociación a microorganismos causantes de graves pneumonías infecciosas, trátase dunha entidade modelo de grande interese científico.
Organismo vivo?
[editar | editar a fonte]Varios membros da comunidade científica declararon recentemente que, debido a que a partícula viral é capaz de xerar as súas propias proteínas, é de feito un organismo vivo, unha idea que non fai máis que agudizar a confusión existente con respecto á clasificación dos virus. Mimi, cos seus 911 xenes codificantes, codifica 50 proteínas que nunca antes foran vistas nun virus, como o citocromo P450 implicado no metabolismo enerxético. Ademais codifica proteínas que levan mecanismos bioquímicos que si teñen algúns virus, pero a unha complexidade máxima, como son chaperonas que interveñen no correcto pregamento das proteínas e enzimas que poden proporcionar mecanismos para manter a integridade do ADN (rutas bioquímicas de reparación de erros durante a replicación ou de danos físico-químicos). Representa unha nova familia dentro dos grandes virus ADN nucleocitoplasmáticos que apareceron na Terra hai aproximadamente catro mil millóns de anos. Ademais, desafía o sistema de clasificación dos organismos dentro de tres dominios distintos (Archaea, Bacteria e Eukarya), xa que parece exixir a creación dun cuarto dominio. A súa liñaxe é moi antiga e podería ter aparecido antes da existencia dos organismos celulares, o cal pode ter consecuencias importantes nas concepcións sobre a orixe da vida.
Xenoma
[editar | editar a fonte]O xenoma do mimivirus está conformado por unha molécula de ADN de dupla cadea liñal de 1 181 404 de pares de bases. Isto fixo que fose considerado o maior xenoma viral coñecido, superando ao do miovirus Bacillus phage G (máis tarde descubriuse o Pandoravirus, aínda maior). Ademais do gran tamaño do seu xenoma, estímase que o mimivirus posúe 911 xenes que codifican proteínas, superando considerabelmente os 4 xenes codificantes mínimos requiridos para a existencia dos virus (véxase MSD e virus Qβ). A análise do xenoma do mimivirus mostrou a presenza de xenes non encontrados en ningún ouro virus. Un exemplo é o xene que codifica para a ARNt aminoacil transferase, que até entón se cría exclusivo dos organismos celulares. Como outros virus de gran tamaño, o mimivirus contén varios xenes para o metabolismo de azucres, lípidos e aminoácidos, así como outros xenes relacionados co metabolismo e non encontrados en ningún outro virus. Aproximadamente o 90 % do xenoma é codificante, sendo tan só o 10 % restante "ADN lixo".
Implicacións na definición de "vida"
[editar | editar a fonte]O mimivirus posúe un gran número de características que o sitúan na fronteira entre o vivo e o non vivo. É tan grande como algunhas especies de bacterias, tales como Rickettsia conorii e Tropheryma whipplei; o tamaño do seu xenoma é comparábel ao de varias bacterias, incluídas as anteriormente nomeadas, e codifica para produtos que se pensaba que non eran codificados por ningún virus. Ademais, o mimivirus posúe xenes que codifican para a síntesis de nucleótidos e aminoácidos, algúns dos cales están ausentes incluso en pequenos procariotas intracelulares obrigados. Isto significa que, ao contrario que estas bacterias, o mimivirus non depende do xenoma da célula hospedeira para codificar as rotas metabólicas para estes produtos. Porén, o mimivirus carece de xenes para proteínas ribosómicas, polo que depende da célula hospedeira para a tradución proteica e o metabolismo enerxético.
Todos estes factores, en conxunto, causaron un debate científico sobre se o mimivirus podería ser unha forma de vida distinta, comparábel aos dominios Eukarya, Archaea e Bacteria. Porén, o mimivirus non posúe as seguintes características que forman parte dalgúns dos convenios sobre a definición de vida: homeostase, resposta a estímulos, crecemento no sentido normal do termo (en lugar de replicarse a través do autoensamblamento de compoñentes individuais) ou levar a cabo a división celular.
Debido a que se pensa que podería ter existido con anterioridade aos organismos celulares, o mimivirus ten un papel importante no debate sobre as orixes da vida. Algúns xenes exclusivos do mimivirus, incluíndo aqueles que codifican para a súa cápside, conserváronse nunha gran variedade de virus que infectan organismos de todos os dominios (Eukarya, Archaea e Bacteria). Isto fai pensar que o mimivirus está relacionado cun tipo de virus de ADN que existiu antes que os organismos celulares e que xogou un papel esencial no desenvolvemento da vida na Terra.[4] Unha hipótese alternativa afirma que foron tres tipos distintos de virus de ADN os que deron lugar aos tres dominios coñecidos.[5]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Mimivirus | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Especie | |||||||||
Os partidarios de considerar aos Mimivirus como seres vivos clasifícano como se indica na lista que segue, na que se crea un novo dominio da vida. Os que o clasifican utilizando a clasificación común actual dos virus non introducen os novos taxons superiores (reino, dominio, superdominio).
- Superdominio: Acytota (acelulares)
- Dominio: Aphanobionta (afanobiontes)
- Reino: Virus (virus)
- Grupo: I (virus con ADN bicatenario)
- Xénero: Mimivirus
- Especie: Acanthamoeba polyphaga mimivirus
- Xénero: Mimivirus
- Grupo: I (virus con ADN bicatenario)
- Reino: Virus (virus)
- Dominio: Aphanobionta (afanobiontes)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Clinical significance of a positive serology for mimivirus in patients presenting a suspicion of ventilator-associated pneumonia Vincent A., La Scola B., Forel J. M., Pauly V., Raoult D., Papazian L.
- ↑ Viral infections in the ICU Luyt C. E., Combes A., Nieszkowska A., Trouillet J. L., Chastre J.
- ↑ Screening pneumonia patients for mimivirus Dare R. K., Chittaganpitch M., Erdman D. D.
- ↑ Siebert, Charles (15-03-2006). "Unintelligent Design". Discover Magazine.
- ↑ Forterre, Patrick (2006). "Three RNA cells for ribosomal lineages and three DNA viruses to replicate their genomes: A hypothesis for the origin of cellular domain". Proceedings of the National Academy of Sciences 106 (10): 3669–3674. PMC 1450140. PMID 16505372. doi:10.1073/pnas.0510333103.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Raoult, D.; et al. (2004). "The 1.2-megabase genome sequence of Mimivirus". Science 306 (5700): 1344–1350. PMID 15486256. doi:10.1126/science.1101485.
- Ghedin, Elodie; Claverie, J. M. (2005). "Mimivirus relatives in the Sargasso sea". Virology Journal 2: 62. PMC 1215527. PMID 16105173. doi:10.1186/1743-422X-2-62.
- "Mimivirus: discovery of a giant virus". Press Release (Centre national de la recherche scientifique ed.). Paris. 28-03-2003. Arquivado dende o orixinal o 03-06-2004. Consultado o 09-11-2011.París: Centre national de la recherche scientifique.
- GiantVirus.org
- Highfield, Roger (15-10-2004). ""The Bradford bug that may be a new life form"". Daily Telegraph. Arquivado dende o orixinal o 27-01-2008. Consultado o 14-07-2021.
- "Science News. "Scientists investigate structural details of the largest known virus"". Science News. 28-04-2009. Arquivado dende o orixinal o 07-01-2012. Consultado o 09-11-2011.
- Keim, Brandon (05-05-2009). ""Viral Missing Link Caught on Film"". Wired Science.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Viralzone: Mimiviridae Arquivado 21 de xuño de 2010 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 9-11-2011.
- International Committee on Taxonomy of Viruses (ICTV) picture gallery - images of mimivirus (en inglés) Consultada o 9-11-2011.
- Giant Viruses: The recent discovery of really, really big viruses is changing views about the nature of viruses and the history of life Arquivado 10 de xuño de 2016 en Wayback Machine. by James L. Van Etten, xullo-agosto de 2011, American Scientist Volume 99, número 4, páxina: 304, DOI: 10.1511/2011.91.304 (en inglés) Consultada o 9-11-2011.
- The webpage for Mimivirus (en inglés) Consultada o 9-11-2011.