Micaela Bastidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMicaela Bastidas

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento23 de xuño de 1744 Editar o valor em Wikidata
Tamburco (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte18 de maio de 1781 Editar o valor em Wikidata (36 anos)
Plaza de Armas (Cusco) (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da mortePena de morte Editar o valor em Wikidata (Estrangulamento (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
ResidenciaTinta (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeVicerreinado do Perú Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónrevolucionario , líder amerindia Editar o valor em Wikidata
LinguaLinguas quechuas Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
ConflitoRebellion of Túpac Amaru II (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeTúpac Amaru II Editar o valor em Wikidata
Virxe da Carmen con doantes, tamén coñecida como Túpac Amaru II e familia.

Micaela Bastidas Puyucahua, nada Pampamarca ou en Tamburco o 23 de xuño de 1744,[1][Nota 1] e finada en Cuzco o 18 de maio de 1781, foi unha prócer da independencia hispanoamericana, xogou un importante papel na historia do Perú. Esposa e conselleira de Túpac Amaru II, o seu desempeño tivo vital importancia na rebelión de Tinta. O seu exemplo de coraxe e determinación ao defender os seus ideais de xustiza e liberdade até a súa tráxica e desapiadada morte en man dos españois, convertérona en lenda e símbolo da loita americana contra a opresión e a explotación colonial.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Manuel Bastidas, español, e Josefa Puyucahua, amerindia.[3] Polas súas raíces africanas e amerindias foi coñecida como zamba.[4]

O 25 de maio de 1760, casou co mozo mestizo descendente da nobreza incaica José Gabriel Condorcanqui, na igrexa da nosa Señora da Purificación, na vila de Surimana, lugar do curacazgo do seu marido. Condorcanqui era descendente directo por liña paterna do último inca Túpac Amaru I. En 1764 foi nomeado cacique dos territorios que lle correspondían por herdanza: Pampamarca, Tungasuca e Surimana, e fixaron a súa residencia en Tinta, localidade pertencente a Cuzco.

Tiveron tres fillos homes, Hipólito (1761), Mariano (1762) e Fernando (1768).

Micaela recibiu na infancia a educación elemental en letras e artes que era usual nesa época para as mulleres. O seu marido foi o seu mestre ideolóxico, ela concienciouse rapidamente da complexa situación da súa xente e involucrouse coa causa. Apoiábao firmemente, defendendo e divulgando os postulados que farían rexurdir a conciencia do dereito dos labregos a liberar a súa terra e a súa existencia da man opresora española.

Mentres José Gabriel recibira unha educación privilexiada en colexios xesuítas de Lima e Cuzco. Dominaba o castelán, o quechua e o latín, era un ávido lector e o seu interese por diversos temas deulle un nivel cultural remarcábel. Posuidor de grandes extensións de terras e riqueza, cumpría múltiples roles na administración dos seus bens. Como curaca debía mediar entre o corrixidor e os indíxenas ao seu cargo. Como próspero facendado viuse afectado como o resto da poboación debido ás alzas fiscais e a creación de alfándegas internas. Como arrieiro percorría o seu territorio, vivindo de cerca as historias e desgrazas dos traballadores e as súas duras condicións. Como mestizo sentía que toda a inxustiza coa súa xente tocábao en carne propia. Realizou reclamos e solicitudes oficiais ás autoridades coloniais de Tinta, Cuzco e Lima, para que os indíxenas fosen liberados do traballo obrigatorio nas minas e exonerados do cumprimento da mita, obtendo sempre negativas ou indiferenza e comezou a desenvolver unha ideoloxía libertaria baseada na defensa de indíxenas, escravos, crioulos e mestizos, orientada á independencia do seu territorio e comercio das decisións da coroa de España.

A rebelión[editar | editar a fonte]

Efixie de Micaela Bastidas no Panteón dos Próceres en Lima.

En 1780, esgotadas as vías de diálogo cos representantes da coroa española, José Gabriel Condorcanqui inicia un movemento en contra da dominación española. É apoiado por curacas ligados a facendados de Cuzco unidos en contra da nova alfándega, crioulos, indios e mestizos. Nese momento adopta o nome de Túpac Amaru II, en honra do seu antepasado o último Inca de Vilcabamba. O 4 de novembro de 1780, Túpac Amaru II deu o primeiro berro de liberdade e difundiu unha proclama independentista, dando comezo á rebelión de Túpac Amaru II. O corrixidor Antonio de Arriaga foi tomado prisioneiro e condenado a morrer no cadafalso. Os rebeldes instalaron o seu cuartel xeral en Tungasuca.[5]

Desde ese momento, Micaela converteuse na principal conselleira de Túpac Amaru, participou no xuízo sumario contra Arriaga e asumiu múltiples roles no movemento. Actuaba con dinamismo e persuasión, talvez máis concienciada mesmo que o seu marido, xa que o papel da muller indíxena era o máis vilipendiado polos opresores.[6]

Os indíxenas tiñan prohibida a tenencia de armas de fogo, un dos maiores problemas aos que se enfrontaron foi a obtención de armamento. Micaela foi a encargada do aprovisionamento das tropas, o que incluía conseguir e distribuír diñeiro, alimentos, vestimentas e armas. Expedía os salvocondutos para facilitar o movemento de quen viaxaban a través de amplos territorios. Estivo a cargo da retagarda indíxena, demostrando dilixencia e capacidade, implementando medidas de seguridade e loitando contra a espionaxe. Implementou un eficiente sistema de comunicacións, organizando un servizo de chasquis dacabalo que levaban rapidamente información dun punto a outro do territorio rebelde.[7]

Unha verdadeira lexión de loitadoras andinas, quechuas e aymaras traballaron xunto a Micaela no levantamento, realizaron estratexias e deron apoio ás tropas. Para elas tratábase non só de liberar o seu pobo da explotación española, senón tamén de restablecer o rol da muller indíxena con participación na vida social e política, tradición que o sistema colonial tentou abolir converténdoas en vítimas de todo tipo de abusos. Foron líderes dentro do movemento Cecilia Túpac Amaru e Tomasa Tito Condemayta, cacica de Acos, entre moitas outras.[8]

Estas mulleres participaban tamén na batalla, xunto aos seus fillos e maridos. Tamén o facía Micaela, quen co seu carácter enérxico infundía alento a Túpac Amaru desde o mesmo campo de batalla. Logo do triunfo de Sangarará foi nomeada xefa interina da rebelión.[9]

O 18 de novembro de 1780, o exército rebelde vencía os españois na batalla de Sangarará. Túpac Amaru expediu unha mensaxe aos pobos do Perú, convocando os crioulos a unirse á causa india: «Vivamos como irmáns e congregados nun só corpo. Coidemos da protección e conservación dos españois; crioulos, mestizos, zambos e indios por ser todos compatriotas, como nados nestas terras e dunha mesma orixe».[10] En marzo de 1781, o exército de Túpac Amaru contaba con sete mil homes e mulleres dispostos a pelexar até a morte contra a coroa española, quen proclamaron a Túpac Amaru II como Emperador de América.

En testemuños da época é Micaela quen aparece como principal estratego a través de tarefas políticas, militares e administrativas e principal conselleira do líder converténdose nunha peza importante da rebelión.[11] Mentres Micaela era partidaria de realizar un ataque inmediato a Cuzco para lograr a súa rendición rncargándose ela de levalo a cabo, o seu marido non a escoitou e, nun grave erro táctico, concentrouse noutras vilas. Tras o fracaso na batalla de Tinta, o 6 de abril de 1781, foxen cara a Langui[3] pero son delatados polo seu lugartenente Francisco de Santa Cruz,[1] e o continxente de Túpac Amaru foi rodeado e emboscado, e xunto a Micaela, os seus fillos Hipólito de 18 anos e Fernando de 10, e varios dos seus familiares foron apresados e levados a Cuzco, onde permaneceron presos no convento da Compañía de Xesús convertido en cuartel militar.

Execución[editar | editar a fonte]

Foron sometidos a interrogatorios e tormentos para poder situar o resto das tropas revolucionarias coa promesa de diminuír a pena se delataban os seus amigos, mais non lograron conseguir deles ningunha información e o 14 de maio foron condenados á pena capital.[12] A sentenza ordenaba o «despezamento en vida para o xefe principal, mutilacións e pena de morte para os outros reos, a máis diso outros castigos».[13]

O 18 de maio de 1781, foron levados á Praza de Armas do Cuzco para seren executados un a un. Ao seu fillo Hipólito primeiro foille cortada a lingua, por falar en contra dos españois, e logo foi aforcado. Micaela e José Gabriel foron obrigados a presenciar a morte do seu fillo, e logo fixérona subir a ela ao taboado. Á vista do seu esposo e do seu fillo Fernando, Micaela loitou cos seus verdugos, até que finalmente a someteron e lle cortaron a lingua. Como o seu pescozo era moi delgado, non puideron matala co garrote, e botáronlle lazos ao pescozo que tiraban dun e doutro lado para estrangulala[3] e, antes de descuartizala, propináronlle patadas no viente e nos peitos.[14][15]

Logo levaron ao centro da praza a Túpac Amaru, quen tamén foi sometido a unha espantosa morte. Ámbolos dous foron despezados e as súas partes enviadas a diferentes pobos da rexión para seren exhibidos nas prazas públicas, alertando os seus habitantes sobre as consecuencias de rebelarse.[15]

O seu exmplo constituíu unha inspiración para as guerras de independencia hispanoamericanas.[16]

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Tras un prolongado proceso que comezara o 1 de decembro de 1976, no Decreto Lei N° 21705, baixo a ditadura militar e que se retoma cando Perú accede á democracia, Micaela Bastidas foi finalmente recoñecida, en pé de igualdade con José Gabriel Túpac Amaru, como precursores, próceres e mártires da Emancipación Peruana. O debate prolongouse no Senado e no Congreso, onde se aproba o texto definitivo o 30 de outubro de 1980 e, a seguir se promulga como Lei 23225 polo presidente da República Fernando Belaúnde Terry.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hai dúbidas sobre os datos do sen nacemento porque os españois queimaron os papeis oficiais de tódolos sublevados en 1780, nun intento de borrar a súa memoria. [1]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Micaela Bastidas Puyucahua". pueblosoriginarios.com (en castelán). Consultado o 15 de xullo de 2021. 
  2. "Micaela Bastidas Puyucawa". Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2013. Consultado o 16 de xullo de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Micaela Bastidas". historiaperuana.pe. 2020. Consultado o 15 de xullo de 2021. 
  4. "MICAELA BASTIDAS (1744–1781)". mujeresbacanas.com (en castelán). Consultado o 15 de xullo de 2021. 
  5. Concepción Bados Ciria. "Heroínas de las independencias latinoamericanas". Consultado o 12 de xullo de 2013. 
  6. Susana Dillon. "Micaela Bastidas". Consultado o 14 de xullo de 2013. 
  7. Arthur Schlesinger Jr. "El papel de Micaela Bastidas". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2017. Consultado o 13 de xullo de 2013. 
  8. "Mujeres ejemplares del Perú: Micaela Bastidas". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2014. Consultado o 16 de xullo de 2013. 
  9. Valcárcel, Carlos Daniel (1973). La rebelión de Túpac Amaru. Peisa. 
  10. Alberto Lapolla (2006). "Túpac Amaru, padre de la emancipación americana". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2016. Consultado o 15 de xullo de 2013. 
  11. Sara Beatriz Guardia (2012). Visiones y revisiones de la independencia americana: Micaela Bastidas y las heroínas de la Independencia del Perú. Aquilafuente, Universidad de Salamanca. ISBN 978-84-9012-152-8. 
  12. {{Cita web|url=http://www.educabolivia.bo/educabolivia_v3/index.php?option=com_content&view=article&id=2580&Itemid=41%7Ctítulo=Apresamiento y muerte de Tupac Amaru II|apelidos=Arthur Schlesinger Jr.|dataarquivo=17 de xullo de 2023|urlarquivo=https://archive.today/20130717055320/http://www.educabolivia.bo/educabolivia_v3/index.php?option=com_content&view=article&id=2580&Itemid=41%7Curlmorta=si}
  13. Carlos Fuentes (1999). El espejo enterrado. Taurus. 
  14. Valero Juan, Eva María (2009). "De Micaela Bastidas a Magda Portal: recuperaciones crítico-literarias de las independentistas del Perú" (PDF) (13). ISSN 1577-3442. 
  15. 15,0 15,1 Pedro de Angelis (1836). Colección de obras y documentos relativos a la historia antigua y moderna de las Provincias del Río de la Plata. Tomo 5. Imprenta del Estado, Buenos Aires. 
  16. Otto Morales Benítez. "Túpac Amaru y la rebelión continental". Arquivado dende o orixinal o 6 de xuño de 2014. Consultado o 12 de xullo de 2013. 
  17. "Micaela Bastidas". congreso.gob.pe (en castelán). Consultado o 15 de xullo de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]