Saltar ao contido

Maxtla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMaxtla

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoséculo XIV Editar o valor en Wikidata
Morte1428 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Tlatoani Azcapotzalco
1426 – 1428 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Familia
FillosTecollotzin Editar o valor en Wikidata
PaisTezozomoc Editar o valor en Wikidata  e Tzihuacxochitzin I Editar o valor en Wikidata

Maxtla, nado a finais do século XIV, e finado en 1428 en Coyoacán, foi un caudillo tepaneca. Maxtla foi o derradeiro gobernante independente de Azcapotzalco (1426-1428), contemporáneo de Chimalpopoca e Nezahualcóyotl.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Era fillo do rei Tezozómoc, que á súa vez era o fillo de Acolnahuacatl e Cuetlaxochitzin. A súa nai era a raíña Tzihuacxochitzin I, filla do nobre dignitario Huitzilaztatzin.[1]

Maxtla recibira de Tezozómoc o goberno de Coyoacán en 1410. O medio-irmán de Maxtla, Quetzalayatzin (escrito nalgunhas fontes como Tayatzin ou Ayatzin), fora designado sucesor de Tezozómoc. Porén, á morte deste último, Maxtla rebelouse contra o seu irmán, capturándoo e executándoo, usurpando o trono de Azcapotzalco en 1426. Na revolta, Quetzalayatzin recibira axuda do señor mexica Chimalpopoca, polo que, en represalia, Maxtla mandou capturar e encarcerar a este último. Segundo algúns cronistas, Chimalpopoca morreu de inanición no cárcere, outros opinan que foi executado en 21 de xullo (Fernando de Ava Ixtlilxochitl).

Afianzado no poder, Maxtla quixo someter a Tenochtitlán e Tetzcoco (capital do reino de Acolhuacan), dúas das grandes cidades do val de Anáhuac. Porén, a súa posición non era segura e axiña se enfrontou a outra rebelión. Nezahualcóyotl, o soberano acolhua de Tetzcoco, convenceu a Itzcoatl, o novo caudillo de Tenochtitlan, para asinar a chamada Tripla Alianza con Acolnahuacatl (outro fillo de Tezozomoc) de Tlacopan, e oporse así á dominación tepaneca.

Os aliados conquistaron a cidade de Azcapotzalco en 1428, conseguiron facer fuxir a Maxtla até Coyoacán en 1430 onde organizou a resistencia tepaneca, pero foi derrotado de novo ese mesmo ano. Dise que foi capturado e sacrificado por Nezahualcóyotl, que o degolou pouco despois da derrota en Coyoacán, segundo Chimalpahin alcanzou a fuxir cara a Taxco, de onde xa non se soubo nada máis del. Azcapotzalco pagou as consecuencias converténdose nunha cidade de segunda, cuxo mercado se especializou no comercio de escravos e a súa poboación orixinal foi deportada a Tlacopan.

A tripla alianza entre Tenochtitlán, Tetzcoco e Tlacopan, converteríase na base do imperio azteca.