María de Pablos
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de novembro de 1904 Segovia, España |
Morte | 1 de novembro de 1990 (85 anos) Madrid, España |
Educación | Real Academia de España en Roma Instituto Cardenal Cisneros |
Actividade | |
Ocupación | compositora |
Instrumento | Piano |
María de Pablos Cerezo, nada en Segovia o 8 de novembro de 1904 e finada en Madrid o 1 de novembro de 1990, foi unha pianista, compositora e directora de orquestra española, sendo a primeira muller directora de orquestra en España. Pianista e compositora, María de Pablos salientou nos anos previos á guerra civil, a súa carreira truncouse debido a unha enfermidade.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]María de Pablos naceu en Segovia o 8 de novembro de 1904. Comezou a súa formación musical na cidade natal, estudando solfexo e piano e examinándose con matrícula libre no Conservatorio de Madrid. En 1905 seu pai, oficial de Correos, foi destinado en Madrid, polo que a familia trasladouse á capital de España, onde logo de vencer reticencias de seus pais proseguiu os seus estudos musicais como alumna oficial do conservatorio, cursando as materias de Harmonía (1917-21), Acompañamento (1917-19) e finalmente Composición (1921-27).[1][2] No conservatorio madrileño contaría entre os seus mestres con Conrado del Campo.[3]
Aos 23 anos, o 1 de xullo de 1927 conseguiu o primeiro Premio de Composición do Conservatorio de Madrid con, entre outras composicións, a obra vocal Ave Verum e o poema sinfónico Castilla, xa que era obrigatorio presentar unha composición deste xénero. As obras do alumnado que optaba ao premio foron presentadas no Teatro Cómico de Madrid pola Orquestra Filharmónica de Madrid baixo a dirección de Antonio Saco del Val, e coa participación de integrantes da Capela Real para as obras vocais. O tribunal, formado por Fernández Bordas, Pérez Casas, Villa e Bretón, outorgou por unanimidade o premio a María de Pablos.[1][2]
En 1928, avalada por destacados músicos españois da época como Conrado del Campo, Fernández Bordas, Pérez Casas, Villa o Bretón, María de Pablos conseguiu unha bolsa para ampliar a súa formación na Academia de Belas Artes de Roma. Para o exame de Pablos compuxo La infanta Desdén, unha ópera nun acto para o exame con libreto de Luis Fernández Ardavín. Era a única muller que se presentaba para a bolsa e conseguiu unha puntuación tan alta que superou a todos os homes que se presentaban para conseguila.[1][2] María de Pablos, pola súa condición de muller, tivo que trasladarse á capital italiana acompañada pola súa nai.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Álvaro, Carlos (25 de xuño de 2016). "«María de Pablos Cerezo fue un genio malogrado»". El Norte de Castilla (en castelán). Consultado o 21 de xullo de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "MARÍA DE PABLOS CEREZO. Pianista, compositora y directora de orquesta" (en castelán). Centro de Documentación de Música y Danza. 2018. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2019. Consultado o 21 de xullo de 2019.
- ↑ Ruiz Mantilla, Jesús (19 de xullo de 2019). "La música olvidada de María de Pablos, primera mujer con batuta en España". El País (en castelán). Consultado o 21 de xullo de 2019.
- ↑ Santiago Bolaños, Marifé (15 de novembro de 2016). "María de Pablos, también una desconocida". Tribuna Feminista (en castelán). Consultado o 21 de xullo de 2019.