Manuel García-Galano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel García-Galano
AlcumeManuel García-Galano
Nacemento24 de maio de 1922
Lugar de nacementoA Roda
Falecemento28 de agosto de 2016
Lugar de falecementoSiero
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
Na rede
Dialnet: 1968774
editar datos en Wikidata ]

Manuel García Sánchez, máis coñecido polo sobrenome literario de Manuel García-Galano, nado en Tapia de Casarego o 24 de maio de 1922 e finado en Siero o 28 de agosto de 2016, foi un escritor asturiano en galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Natural do lugar de El Pico da parroquia tapiega da Roda foi de novo músico afeccionado e formou parte da Banda de Música de Salave tras a súa reconstitución logo da Guerra Civil española e ata a súa disolución en 1944[1] e logo pasou a colaborar coa Filharmónica de Tapia, localidade na que se aveciñou en 1948 ao aprobar as oposicións a funcionario[2] e alí tamén colle afección ao teatro, colaborando como actor en grupos afeccionado da vila e en 1950 escribiu as pezas El casado casa quer en colaboración con Joaquín Pérez Núñez e Americano del pote con Ramón Santamarina. Entre 1979 e 1991 dirixiu o grupo Ameicer que estreou once das súas pezas[3], de carácter costumista recolléronse no volume Mareaxes tapiegos en 1993 e logo escribiu sainetes para o grupo Pico de Faro da localidade da Roda que se publicaron no ano 2000 no tomo Erguendo el telón. Outras pezas recolléronse en 2014 en edicións de difusión limitada[4].

Como narrador publicou en 1984 so o título Parzamiques un conxunto de cinco contos. En 1991 gañou o I Premio Xeira co relato A terra é a terra que incluíu na segunda edición, canda outro texto máis, de Parzamiques en 1993 ata totalizar un total de sete relatos[5]. En 2010 recolleu en Faraguyas un total de 23 relatos curtos. Foi colaborador da revista Entrambasauguas dende a súa aparición en 1996 e deu ao prelo Vento d'outono en 2005 cos vinte textos da súa autoría ata daquela.

Con Jacinto Díaz López recompilou un Vocabulario d'A Roda (Tapia) que publicou en 1994 e nunha segunda edición mellorada en 1996. Non obstante, na maioría da súa produción empregou as formas propias de Tapia (l- inicial fronte ao ll- da Roda; l intervocálico en formas como tolo fronte ao tollo da Roda; unha fronte ao úa da Roda)[4]. A Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) nomeouno membro de honor en 2006 e malia aceptar as normas elaboradas polas institucións asturianas amosouse partidario de chegar a un estándar de consenso entre os expertos asturianos e mailos galegos[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García-Galano, Manuel (2001). "A Banda de Música de Salave". Entrambasaugas (15): 19–20. 
  2. Palomino Arjona, Manuel (2018). Dramaturgia Asturiana Contemporánea. edición de autor. p. 130. 
  3. "García Sánchez, Manuel "Manuel García-Galeano"". Biografías de Asturias. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Babarro, Xoán. "Lembranza de Manuel García-Galano". Real Academia Galega. 
  5. Fernández Acevedo, Suso (2008). A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa en galego do Eo-Navia. Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. p. 95.