Opportunity

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «MER B»)
Opportunity / Mars Exploration Rover B / MER B
Opportunity sobre Marte
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Data de lanzamento8 de xullo de 2003, 4:18 GMT[1][2][3]
Foguete portadorDelta 7925H[2][4]
Sitio de lanzamentoCabo Cañaveral[2][4][5]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[2][4][5]
NSSDC ID2003-032A
Masa185 kg[2]

Opportunity, orixinalmente coñecido como Mars Exploration Rover B ou MER-1, foi un rover de exploración marciana dos Estados Unidos lanzado o 8 de xullo de 2003 mediante un foguete Delta 7925H desde Cabo Cañaveral.[1][2][4][5][3]

Características[editar | editar a fonte]

Opportunity foi, xunto con Spirit, un dos rovers enviados en 2003 a Marte para explorar a súa atmosfera e superficie. Opportunity aterrou en Marte o 25 de xaneiro de 2004 en Meridiani Planum mediante un sistema de paracaídas, retrofoguetes e airbags, levando a bordo unha cámara panorámica, un espectrómetro de emisións termais (Mini-TES), un espectrómetro de raios X (APXS), un espectrómetro Mossbauer, un microscopio e unha ferramenta de abrasión para rochas (RAT).[1][2][4][5][3]

O seu obxectivo era buscar e caracterizar os distintos tipos de rochas e solos na superficie marciana buscando sinais de actividade acuática no pasado, estudar a distribución e composición dos minerais, rochas e solos arredor da zona de aterraxe, estudar os procesos xeolóxicos e químicos que moldearon o terreo local, contrastar con medicións a nivel de terra os datos obtidos polas sondas en órbita, buscar minerais ricos en ferro e outros cunha posible orixe relacionada co auga e buscar sinais xeolóxicos das condicións ambientais no pasado que puideran estar relacionadas co auga líquida.[1][2][4][5][3]

O chasis do rover tiña forma de caixa montada sobre seis rodas, contendo a electrónica e sobre a cal se atopaba a cuberta triangular da que sobresaía o mastro da cámara panorámica, a antena de alta ganancia, a de baixa ganancia, as antenas UHF e o obxectivo de calibración da cámara. Nos laterais da cuberta triangular atopábanse os paneis solares que daban ata 140 W de potencia ao rover. Do frontal da caixa estendíase un brazo robótico con varios instrumentos no seu extremo para estudar o terreo e as rochas. Cada roda do rover tiña o seu propio motor, coas rodas frontais e traseiras podendo xirar de maneira independente. A velocidade máxima do rover era de 3,75 cm/s, aínda que os protocolos de evitamento de riscos rebaixaban esa velocidade a 1 cm/s, podendo superar superficies de 45 graos de inclinación.[1][2][4][5][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 N2YO (2023). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARS EXPLORER ROVER B" (en inglés). Consultado o 7 de xullo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 NASA (28 de outubro de 2022). "Opportunity" (en inglés). Consultado o 7 de xullo de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Notes verbales dated 13 and 17 November 2003 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (03-89777 (E)). 18 de novembro de 2003: 2. Consultado o 7 de xullo de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Mars Exploration Rover A, B (MER A, B / Spirit / Opportunity)" (en inglés). Consultado o 7 de xullo de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Mark Wade (2023). "MER" (en inglés). Consultado o 7 de xullo de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]