Coxín de seguridade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Airbag»)
Coxíns de seguridade desinchados nun Peugeot 306.

Un coxín de seguridade[1] (en inglés airbag, traducíbel como bolsa de ar), é un sistema empregado para protexer aos ocupantes dos vehículos. Consiste nunha bolsa inchábel que se activa de golpe cando o vehículo sofre un choque. Deste xeito, os ocupantes, coa inercia, non baten contra elementos duros do vehículo, senón cunha bolsa de ar. Aínda que o coxín de seguridade se desincha rapidamente, amortece o golpe e evita lesións.

Os coxíns de seguridade actívanse cun pequeno explosivo. Hai de dianteiros e de laterais. A súa finalidade é de dar protección aos corpos dos ocupantes do vehículo no intre dunha colisión respecto ao choque contra obxectos interiores do vehículo como o volante ou unha fiestra.

Os coxíns de seguridade están deseñados para que só se inchen en choques frontais ou laterais dende moderados a severos e suplementen a protección que ofrecen os cintos de seguridade. A maioría dos deseños de coxíns de seguridade ínchanse mediante un proceso pirotécnico e só funcionan unha vez. Considérase un aparello pasivo, debido a que non require a acción humana para activarse, en contraste co cinto de seguridade que se considera un mecanismo activo.[2][3][4] Os coxíns de seguridade non son unha alternativa ao uso do cinto de seguridade; ambos son complementarios, xa que se ocorre un accidente os coxíns non son eficaces se os ocupantes non abrochan os cintos.[5]

Os primeiros coxíns de seguridade en vehículos de pasaxeiros apareceron na década de 1970 pero non foron amplamente utilizados até os derradeiros anos da década de 1980.

Notas[editar | editar a fonte]