MD Helicopters MH-6 Little Bird
MH-6/AH-6 Little Bird | |
---|---|
MH-6 Little Bird | |
Tipo | helicóptero de observación lixeiro |
Fabricante | Hughes Helicopters, McDonnell Douglas Helicopter Systems, MD Helicopters |
Primeiro voo | 27 de febreiro de 1963 |
Introducido | 1980 |
Variantes | Boeing AH-6 |
O Boeing A/MH-6M Little Bird (alcumado Killer Egg), e a súa variante de ataque AH-6, son helicópteros lixeiros usados para operacións especiais no Exército dos Estados Unidos. Orixinalmente baseouse nun OH-6A modificado e posteriormente baseouse no MD 500E, cun único rotor principal de cinco palas. A versión máis nova, o MH-6M, está baseada no MD 530F e ten un rotor principal de seis palas e un rotor de cola de catro.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O OH-6 iniciouse en 1960 cando o Exército dos Estados Unidos publicou a especificación técnica 153 para un Helicóptero Lixeiro de Observación (LOH) que puidese realizar tarefas de transporte persoal, misións de escolta e atque, evacuación de baixas e observación. Doce compañía tomaron parte na competición e a división de aeronaves da Hughes Tool Company presentou o Model 369. Dous deseños, os presentados por Fairchild-Hiller e Bell, foron seleccionados como finalistas, pero o Exército posteriormente incluíu tamén o helicóptero de Hughes.
O primeiro prototipo do Model 369 realizou o seu voo de estrea o 27 de febreiro de 1963. Orixinalmente designado YHO-6A baixo o sistema do exército, o aparello foi redesignado YOH-6A polo novo sistema do Departamento de Defensa en 1962. Construíronse cinco prototipos equipados cun motor de 252 CV Allison T63-A-5A que foron entregados ao Exército en Fort Rucker, Alabama para competir contra os outros 10 prototipos de Bell e Fairchild-Hiller. Ao final Hughes gañou a competición e o Exército premiouna cun contrato de fabricación en maio de 1965. O pedido inicial foi por 714 aparellos, pero posteriormente incrementouse ata os 1 300 cunha opción por outros 114 máis. O primeiro mes construíronse 70 helicópteros.
Este áxil e desarmado helicóptero está equipado con "bancos" externos para transportar ata tres comandos a cada lado. Tamén hai unha variante canoneira, o AH-6. Pintado de negro para operacións nocturnas, este pequeno aparello pode realizar rápidas insercións de forzas de operacións especiais en áreas na que o seu irmán máis vello, o MH-60 Black Hawk, non pode.