Hughes OH-6 Cayuse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hughes OH-6 Cayuse
FabricanteHughes Helicopters, McDonnell Douglas Helicopter Systems, MD Helicopters
Primeiro voo27 de febreiro de 1963
Introducido1966
Produción1965-presente
Unidades construídas1 420 (OH-6A)[1]
VariantesMD Helicopters MH-6 Little Bird
MD Helicopters MD 500
McDonnell Douglas MD 500 Defender

O Hughes OH-6 Cayuse (alcumado "Loach", polo acrónimo do requirimento LOH - Light Observation Helicopter) é un helicóptero lixeiro dun único motor e catro palas usado para transporte persoal, escolta e misións de ataque, e observación. Hughes Helicopters tamén desenvolveu o Model 369 como helicóptero civil e o Hughes Model 500, producido no presente por MD Helicopters como o MD 500.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1960 o Exército dos Estados Unidos emitiu a Especificación Técnica 153 para un Helicóptero de Observación Lixeiro (LOH) capaz de levar a cabo varios roles: transporte de persoal, misións de escolta e ataque, evacuación de baixas e observación. Vinte compañías participaron na competición e a división de avións de Hughes Tool Company enviou o Model 369. Dous deseños, os presentados por Fairchild-Hiller e Bell, foron seleccionados como finalistas, pero o exército incluíu posteriormente tamén o helicóptero de Hughes.

O primeiro prototipo do Model 369 voou por vez primeira o 27 de febreiro de 1963. Orixinalmente designado como o YHO-6A segundo o sistema de designación do Exército, o aparello foi redeseñado como o YOH-6A en 1962 cando o Departamento de Defensa creou un sistema conxunto de nomes para todas as aeronaves. Fabricáronse cinco prototipos, equipados cun motor de 188 kW Allison T63-A-5A,[2] que foron entregados ao Exército en Fort Rucker, Alabama para competir contra os outros dez aparellos enviados por Bell e Fairchild-Hiller. Durante a competición o modelo de Bell, o YOH-4, foi eliminado por non ter potencia suficiente. Hughes acabou gañando a competición,[3] e o Exército premiouna cun contrato de produción en maio de 1965 cun pedido inicial de 714 unidades que posteriormente subiría a 1 300 coa opción doutros 114. O prezo de Hughes era de 19 860 por célula, sen o motor, mentres que o de Hiller era de 29 415.[4] O deseño de Hiller (designado OH-5A) tiña un sistema de control reforzado, mentres que o de Hughes non o tiña, explicando en parte a diferenza de prezo. Howard Hughes informou a Jack Real que perdera uns 100 millóns de dólares coa fabricación de 1 370 células.[5] Díxose que Hughes ordenara á compañía que presentara unha oferta cun prezo inferior ao da produción real para conseguir o pedido, provocándolle unhas perdas considerables no contrato co exército estadounidense, anticipando que un ciclo de produción prolongado finalmente sería financieiramente viable.[6][7]

En 1968 Hughes presentou unha oferta para construír 2 700 células máis. Stanley Hiller reclamou ao Exército dos Estados Unidos que Hughes usara procedementos pouco éticos; así o Exército abriu o contrato para que todas as partes realizasen contraofertas. Hiller non participou na contraoferta, pero Bell si o fixo co seu redeseñado Model 206. Tras iniciar a competición o Exército solicitou ofertas pechadas. Hughes ofertou 56 550 dólares por célula, mentres que o prezo de Bell foi de 54 200. Parece ser que Hughes consultara no último momento a Jack Real, que lle recomendou un prezo de 53 550 dólares. Pero Hughes, sen informar a Real, engadiu 3 000 dólares máis perdendo así o contrato.[5]

OH-6 xaponés[editar | editar a fonte]

No Xapón Kawasaki Heavy Industries fabricou 387 OH-6/Hughes 369 baixo licenza que foron usados pola Forza Terrestre de Autodefensa, a Forza Marítima de Autodefensa e a Garda Costeira xaponesas, ademais de por operadores civís. En 2001 os OH-6 da Forza Terrestre comezaron a ser substituídos polo helicóptero de observación Kawasaki OH-1.

Historial operacional[editar | editar a fonte]

Entrada en servizo[editar | editar a fonte]

En 1964 o Departamento de Defensa dos Estados Unidos emitiu un memorando dicindo que todas as aeronaves de á fixa do Exército dos Estados Unidos serían transferidas á USAF, mentres que o Exército pasaría a utilizar helicópteros. O avión de á fixa do Exército, o O-1 Bird Dog, que era usado para observación de artillaría e recoñecemento, sería substituído polo helicóptero OH-6A.[8] A aeronave entrou en servizo en 1966, chegando despois á guerra de Vietnam. O pilotos alcumaron ao novo helicóptero Loach, unha palabra creada pola pronunciación do acrónimo do programa que xerou a aeronave, LOH (light observation helicopter).

Récords mundiais[editar | editar a fonte]

Pouco despois de que se iniciase a produción, o OH-6 comezou a demostrar que tipo de impacto tería no mundo dos helicópteros. O OH-6 estableceu 23 récords mundiais para helicópteros en 1966 de velocidade, resistencia e tempo de trepada.[9] O 26 de marzo de 1966 Jack Schwiebold estableceu o récord de distancia nun circuíto pechado nun YOH-6A na base Edwards da Forza Aérea, en California. Schwiebold voou sen aterrar durante 2 800,20 km. Posteriormente, o 6 de abril de 1966 Robert Ferry estableceu o récord da distancia máis longa para helicópteros. Voou dende Culver City, California, con ao redor dunha tonelada de combustible ata Ormond Beach, Florida, cubrindo unha distancia de 3 561,55 km en 15 horas, e preto do final voando ata a 24 000 pés de altitude. No ano 2018 eses récords aínda estaban imbatidos.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Francillon 1990, p. 248
  2. "Type Certification Data Sheet NO. H3WE" (PDF). FAA. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 2 de novembro de 2018. 
  3. "The Hughes Companies". US Centennial of Flight Commission. Archived from the original on 29 de marzo de 2012. Consultado o 2 de novembro de 2018. 
  4. "Hearings on military posture and H.R. 13456". Hathitrust. Consultado o 2 de novembro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Cefaratt 2002, p. 77
  6. Real, Jack G.; Yenne, Bill (2003). The Asylum of Howard Hughes. Xlibris. ISBN 978-1-4134-0876-8. 
  7. "Monster chopper". The Space Review. Consultado o 2 de novembro de 2018. 
  8. Adcock 1998, p. 32
  9. "Fédération Aéronautique Internationale (FAI) - Rotorcraft World Records". 2010-07-29. Archived from the original on 29 de xullo de 2010. Consultado o 2018-11-20. 
  10. "Moments and Milestones: Now, That’s Good Mileage". Air & Space Magazine (en inglés). Consultado o 2018-11-20. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adcock, Al (1988). O-1 Bird Dog In Action – Aircraft No. 87. Squadron Signal Publications number 87. ISBN 978-0-89747-206-7. 
  • Cefaratt, Gil (2002). Lockheed: The People Behind the Story. Turner Publishing Company. ISBN 978-1-56311-847-0. 
  • Francillon, René J. (1998). McDonnell Douglas Aircraft Since 1920. Naval Institute Press. ISBN 978-0-87021-428-8.