Método ROPA

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O método ROPA (recepción de ovocitos da parella) é un tratamento de reprodución asistida indicado en parellas de mulleres que queiran compartir maternidade, ben por elección, ben por motivos médicos dunha delas (baixa reserva ovárica, insuficiencia ovárica prematura etc.), patoloxías hereditarias transmisibles á descendencia ou fracaso doutras técnicas de reprodución asistida. Deste xeito, ambas poden participar activamente para traer ao mundo o seu futuro fillo, sendo unha delas a doadora de ovocitos e a outra a receptora (embarazada). Trátase dunha variante da fecundación in vitro na que se sincronizan os ciclos reprodutivos de ambas as mulleres. Consta de 4 fases: estimulación ovárica da muller doadora, preparación endometrial da receptora, punción folicular e transferencia embrionaria.

Procedemento[editar | editar a fonte]

Estimulación ovárica[editar | editar a fonte]

A muller que vai entregar o ovocito sofre unha estimulación ovárica, similar á FIV convencional. Para iso, a partir do segundo ou terceiro día da menstruación, inxéctanse hormonas por vía subcutánea, facendo que varios folículos crezan simultaneamente. Durante este proceso realízanse controis ecográficos periódicos (xeralmente cada 48 horas), asociados ou non a análises de sangue para medir os niveis hormonais da muller, podendo así valorar o momento idóneo no que se debe realizar a indución da ovulación cunha nova medicación. Entre 34 e 36 horas despois, realízase a punción folicular, baixo sedación, para extraer os ovocitos.

Preparación endometrial[editar | editar a fonte]

Mentres a muller que proporciona o óvulo realiza a estimulación ovárica, realízase a preparación endometrial da muller que vai recibir o embrión para quedar embarazada. Isto realízase á vez para que teña as mellores condicións para a implantación. Adminístranse estróxenos (xeralmente orais ou transdérmicos) para conseguir un grosor endometrial correcto, que tamén se mide mediante ecografía vaxinal. A partir do mesmo día en que se realiza a punción do ovario, engádese proxesterona ao tratamento con estróxenos, xeralmente por vía vaxinal, para aumentar as posibilidades de implantación.

Punción folicular[editar | editar a fonte]

Prográmase cando os folículos alcanzaron o tamaño adecuado, medido por ecografía. É un procedemento sinxelo e de curta duración que se realiza en quirófano, baixo sedación. Mediante a punción obtéñense os ovocitos que despois de comprobar que están maduros son fecundados co seme do doante anónimo, para obter os embrións. Durante os días seguintes contrólase a evolución do mesmo, ata que se realice o traslado, que será entre dous e cinco días despois da punción.

Transferencia embrionaria[editar | editar a fonte]

Unha vez preparado o endometrio da muller receptora e obtidos os embrións, selecciónase o embrión de mellor calidade, trasladándoo ao interior do útero da muller receptora para conseguir o embarazo. Sempre que sexa posible, trasladarase un embrión en fase de blastocisto (quinto día despois da punción) para ter mellores taxas de embarazo e minimizar o risco de xestación xemelar. Se hai máis embrións de boa calidade (ademais do que se transfire), estes pódense conxelar para futuros embarazos ou para facer un novo intento, no caso de que o primeiro non funcione.

A transferencia é un proceso rápido e indoloro, que se realiza cunha cánula pola que se depositan os embrións no interior do útero, sempre ao mesmo tempo realizamos unha ecografía abdominal para asegurar que o embrión está colocado no lugar axeitado. Non se precisa anestesia nin coidados posteriores especiais.

Finalmente, uns 15-20 días despois da punción, a muller receptora realizará unha análise de sangue para ver os valores de beta-hCG, confirmando así se se logrou un embarazo.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Documento de posicionamiento de la Sociedad Española de Fertilidad sobre la recepción de ovocitos de pareja - Método ROPA" (PDF). Sociedad Española de Fertilidad. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2022. Consultado o 14 de xaneiro de 2022.