Mártires de Sobredo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O 28 de novembro de 1922, Cándida Rodríguez González, embarazada e veciña de Pazos de Reis, Joaquín Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, de Budiño, máis coñecidos como os Mártires de Sobredo, foron asasinados a tiros por defender un veciño contra o pago dos foros segundo acordo do Congreso Agrario.[1]

Monumento de Camilo Nogueira, os mártires de Sobredo.
Inscrición dos mártires de Sobredo

Historia[2][3][4][editar | editar a fonte]

Nesta época era de obrigado cumprimento que o campesiñado realizase o pago dunha renda anual aos señoríos por cultivar as súas propias terras. As sociedades agrarias loitaban contra este réxime que estaba establecido, isto provocaba que vivisen nunha agricultura de subsistencia. Houbo varias revoltas, unha delas tivo gran repercusión na zona Occidental de Galicia, en Sobredo (lugar da parroquia de Guillarei, Tui).

Todo comezou o día 28, cando unha masa de persoas de todas as parroquias da contorna, preto de dúas mil persoas, tras escoitar que as campás das igrexas avisaban da chegada do xuíz e da Garda Civil, deixou de traballar no campo e foi cara a Sobredo facendo unha manifestación na defensa dun veciño da comarca de Tui, a quen por negarse a pagar os foros, un xuíz trataba de requisarlle todos os seus bens.

Tódolos veciños que estaban loitando contra esta inxuria e pola abolición dos foros quedaron reprimidos pola Garda Civil, quen mediante disparos disolveu a revolta provocando varias persoas feridas e deixando tres sen vida. Dende ese intre, as vítimas convertéronse nun símbolo dunha sociedade agraria duramente torturada e foron tamén símbolo da loita e da forza pública.

Dez anos máis tarde, en 1932, ergueuse a obra de Camilo Nogueira Martínez para conmemorar o décimo aniversario dos feitos. Poucos anos despois foi dinamitada tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936, ao mesmo tempo que o réxime disolveu as sociedades agrarias. En 1988 comezou a reconstrución do monumento de Camilo Nogueira. Dende entón celébrase cada ano o aniversario desta reconstrución que reinvindica, á súa vez os acontecementos daquel 28 de novembro.

Datos de interese[editar | editar a fonte]

Cada ano os institutos de educación secundaria, IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, IES San Paio, de Tui, e IES Pérez tizón de Tui van cara ó lugar dos feitos e organizan unha cerimonia na que recitan algúns poemas de autores e autoras galegos como Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro, acompañados dunha banda sonora realizada polo propio alumnado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Do Val, Marga. "Sobredo: Saúde e terra". Nós Diario. Consultado o 2020-11-27. 
  2. "Sobredo no olvida a sus mártires". Faro de Vigo. 
  3. "Hai unha conexión moi clara entre Sobredo e a represión do 36". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2019. Consultado o 26 de abril de 2019. 
  4. "Los mártires de Sobredo". Sendereando. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]