Luis Casado Escudero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luis Casado Escudero
Nacemento27 de setembro de 1897
Lugar de nacementoVigo
Falecemento23 de xullo de 1936
Lugar de falecementoMelilla
Causaferida por arma de fogo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar
editar datos en Wikidata ]

Luís Casado Escudero, nado en Vigo o 27 de setembro de 1897 e finado en Melilla o 23 de xullo de 1936, coñecido como o capitán Casado, foi un militar galego. Único oficial supervivente da batalla de Igueriben, no desastre de Annual (1921), en xullo de 1936 foi fusilado en Melilla polas tropas do Xeneral Franco, por manter a súa lealdade ao Goberno Republicano logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Pedro Casado e Adelina Escudero. En setembro de 1916 ingresou como alumno na Academia de Infantería de Toledo. Na súa folla de servizos destacan a súa aplicación e capacidade, así como os seus coñecementos de inglés e francés. Destinado inicialmente no Rexemento Toledo núm. 35, de gornición en Zamora, en setembro de 1920 foi trasladado á Policía Indíxena de Ceuta, asignándoselle ao posto de Uad Lau, pasando en febreiro de 1921 a ocupar vacante no Rexemento de Infantaría Ceriñola núm 42, de gornición en Melilla.

Batalla de Igueriben[editar | editar a fonte]

Desde o 7 de xuño de 1921 o tenente Casado atopábase coa súa compañía de gornición na posición de Igueriben. Igueriben era a punta de lanza do temerario plan do xeneral Manuel Fernández Silvestre para asegurar o control do Protectorado Español de Marrocos. Decidido a avanzar até Al-Hoceima, Silvestre infravaloró o perigo que representaban as cabilas rifeñas, baixo o mando de Abd el-Krim.

A posición avanzada de Igueriben estaba defendida polo Comandante Xulio Benítez Benítez e 350 homes. O 14 de xullo Abd el-Krim iniciou o seu ataque e a partir dese día os rifeños bloquearon a posición. O día 17 logrouse introducir o último convoi, pero ese mesmo día a situación empeorou para os defensores porque os artilleiros rifeños ían afinando e os obuses comezaban a caer dentro da posición. A gornición defendíase valerosamente, pero o peor era a ausencia de auga porque o pozo máis próximo quedaba a varios quilómetros e o asedio impedía abandonar a posición para facer a augada. A única esperanza era que desde Annual o Xeneral Silvestre lograse romper o cerco e os auxiliase, pero os defensores esperaron en balde porque Silvestre sufría os seus propios problemas en Annual e non conseguía achegarse a socorrer Igueriben. O día 21, ante a incapacidade das forzas de Annual de forzar o paso, o xefe da posición recibiu a orde de destruír todo o material e tratar de unirse ás forzas do Xeneral Manuel Fernández Silvestre.[2]

Nun desesperado intento, só uns poucos soldados lograron escapar. O resto quedaron mortos ou feridos as inmediacións da posición. Dos oficiais, só o tenente Casado, aínda que ferido, sobreviviu. Xunto a el, os rifeños tomaron prisioneiros a tres soldados da gornición. Os rifeños trasladaron ao Tenente Casado a Axdir xunto con outros oficiais capturados nos días sucesivos á evacuación de Annual. Casado estivo dezaoito meses de cativerio,[3] sometido a humillacións e privacións.

O 23 de xaneiro de 1923 os cativos de Axdir foron liberados, grazas ao pago do rescate esixido por Abd el-Krim, e embarcados no buque Antonio López. Ao chegar a Melilla, Casado elevou ao coronel do seu rexemento o parte do que sucedera,entre os días 7 de xuño e 21 de xullo de 1921, en Igueriben. Respecto do Comandante Benitez, falecido na refrega, o tenente Casado Escudero, referiu que «o comandante dirixiu sen descanso a defensa (…), elevando a moral e a súa figura era admirada por todos os defensores, que desde o primeiro momento depositaron nel fe cega pola súa bizarría».

Proposta de condecoracións[editar | editar a fonte]

Casado solicitou que se lle concedese a Medalla de Sufrimentos pola Patria, fundando a petición nas feridas sufridas en Igueriben. Ao mesmo tempo, o xefe do seu rexemento propúxolle para a concesión da Medalla Militar, petición que sería reforzada por unha solicitude do pleno do Concello de Zamora de 2 de marzo de 1923. O tenente Casado, aínda que nacido en Pontevedra, tiña unha forte relación con Zamora, de onde era natural Serafina Méndez Hernández, con quen casaría en decembro de 1924. En marzo de 1923 o Comandante Xeral de Melilla iniciou o expediente contraditorio para a concesión da Cruz Laureada de San Fernando ao tenente Casado. Pero todas as solicitudes de condecoracións foron desestimadas.

No expediente do xuízo contraditorio para a concesión da Cruz Laureada cuestionouse o narrado por Casado sobre a súa actuación en Igueriben e a petición foi rexeitada.

Destinos posteriores[editar | editar a fonte]

Casado abandonou Melilla para volver ao seu antigo Rexemento Toledo núm. 35 en Zamora. Alí permaneceu destinado desde setembro de 1924 a setembro de 1929, ascendendo a capitán en 1926. En maio de 1933 foi destinado de novo a África.

Fusilamento[editar | editar a fonte]

En abril de 1931 asinou o xuramento de fidelidade á Segunda República Española. Casado foi un dos máis activos militantes da Unión Militar Republicana Antifascista (UMRA) de Melilla e con anterioridade ao 17 de xullo de 1936 tivo reunións con clases e tropas de ideoloxía republicana. Destas reunións tiñan informes os mandos sublevados. Detido Casado o mesmo día 17 de xullo de 1936 foi condenado, sen xuízo, á pena capital. Foi fusilado o 23 de xullo de 1936, no forte Rostrogordo, en Melilla.[3] Paradoxalmente, foron os seus compañeiros do Exército cuxo prestixio contribuíu a defender co seu sangue en Igueriben, os que lograron o que non puido o inimigo no combate, acabar coa súa vida. A noite antes da súa execución escribiu unha carta aos seus familiares: «Nunca teñan vergoña de min», pedíalles.[2]

Tribunal Supremo

Revisión da Condena[editar | editar a fonte]

A Sala do Militar do Tribunal Supremo, nun auto de 9 de xullo de 2007, considerou que a acta polo que se ordenou o fusilamento do Capitán Casado "non pode ser tida en ningún caso como resolución xudicial e, menos aínda, como sentenza firme", senón como "a constatación escrita dunha actuación realizada á marxe de calquera procedemento xudicial previsto na lexislación vixente". A dramática morte de Casado produciuse, por tanto, segundo o Tribunal "á marxe de calquera actuación xudicial, sendo provocada por quen, sen ter lexitimación algunha para acordala e fóra de calquera procedemento legal, incorreron nunha conduta ética e xuridicamente reprobable".[4]

Por iso, non responde á realidade sinalar que a Sala do Militar do Tribunal Supremo negouse a revisar a sentenza condenatoria do Capitán Casado xa que, en realidade, a resolución do Tribunal Supremo o que establece é que non hai ningunha sentenza que revisar porque Casado e os seus compañeiros, (o capitán de aviación Virgilio Leret, o capitán do Rexemento de Cazadores núm. 7 Joaquín Fernández Gálvez e o alférez de intendencia Armando González Curral, entre outros) non foron executados, senón asasinados, pois o seu fusilamento non estaba amparado por xuízo algún.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La doble cruz del capitán Casado Escudero". elalminardemelilla.com. 09-08-2012. Consultado o 10-04-2018. 
  2. 2,0 2,1 Olmo, Guillermo D. (20-07-2011). "Héroes de Igueriben, resistid unas horas más. Lo exige el buen nombre de España". abc.es. Consultado o 10-04-2018. 
  3. 3,0 3,1 "Los dos '18 de julio' del capitán Luis Casado: ¿héroe en en 1921 y traidor en 1936?". elconfidencial.com. 18-07-2017. Consultado o 10-04-2018. 
  4. Altozano, Manuel (03-08-2007). "El doble agravio de Franco al teniente Casado". elpais.com. Consultado o 10-04-2018.