Literatura sueca de Finlandia
A partir do século XII Finlandia caeu na esfera de influencia sueca e un número importante de colonos suecos asentaron principalmente na costa finesa asimilando a unha parte da poboación nativa e o sueco se converteu na lingua oficial e administrativa do país aínda que durante moito tempo o latín permaneceu como a lingua literaria e eclesiástica, a Reforma protestante e a fundación da Universidade de Turku (1640) que trouxo a primeira imprenta (1642), o cal propiciou que apareceran escritores que non tiñan na literatura relixiosa a súa principal preocupación. Os autores de Åland están incluídos dentro da literatura sueca de Finlandia aínda que a súa situación é diferente xa que alí o sueco é a lingua nativa maioritaria.
Literatura durante o dominio sueco
[editar | editar a fonte]Sigfrid Aron Forsius (ca 1550-1624) foi o primeiro autor de relevo dentro dun panorama dominado polas obras relixiosas como se reflicte no primeiro autor sueco de Finlandia, Jöns Budde (1437-1491). A fundación da Universidade de Turku en 1640 e a instación na cidade dunha imprenta en 1642 modificou o panorama literario, comezaron a aparecer obras profanas, apareceu o primeiro autor teatral, Jacob Chronander, apareceu tamén a poesía culta representada por Olof Wexionius e a máis intimista de Jakob Frese. Henrik Gabriel Porthan foi o abandeirado da Ilustración en Finlandia, e tivo un papel destacado no establecemento da primeira asociación cultural de Finlandia, a Sociedade Aurora, no seo da cal xurdiu o primeiro xornal finés, Tidningar utgifvne af ett Sällskap i Åbo (1771-1778 e 1782-1785), Gustaf Filip Creutz foi o mellor poeta da época autor de Atis och Camilla (1761), destacou tamén dentro da escasa orixinalidade que tiña a literatura sueca dos autores fineses Frans Mikael Franzén, autor de Den gamle knäkten (1793).
Século XIX
[editar | editar a fonte]O comezo do século XIX coincidiu coa fin do dominio sueco sobre Finlandia que quedou a partir de 1809 baixo o dominio de Rusia, como un Gran Ducado autónomo que conservou as antigas institucións suecas e no que a lingua sueca seguía a ser a oficial e no que se comezaba a crear unha conciencia nacional que chegou tamén á literatura, que se expresaba maioritariamente en sueco. Adolf Ivar Arwidsson foi o iniciador do romanticismo en Finlandia, aínda que defensor radical do principio de nacionalidade tivo que se exiliar en Suecia, outros autores da época foron Johan Jakob Tengström e Gabriel Linsén. En 1828 a Universidade de Turku trasladouse a Helsinqui e con ela a vida intelectual finesa, en 1831 apareceu a Sociedade de Literatura Finesa, Johan Ludvig Runeberg, considerado o poeta nacional de Finlandia, inspirouse na poesía popular finesa nas súas coleccións poéticas (Dikter I-III publicadas entre 1830 e 1843), na vida do campesiño finés na súa epopea Elgskyttarne (1832) e na mitoloxía escandinava en Kung Fjalar (1844), popularmente o máis coñecido da súa obra son as baladas patrióticas de Fänrik Ståls sänger (1848-1860). Zacharias Topelius foi o equivalente a Runeberg na narrativa, creou a novela histórica en Finlandia con Fältskärns berättelser (1851-1866), e recolleu os seus contos infantís nas escolmas Sagor e Läsning för barn. A fins de século imponse o estilo realista de Karl August Tavaststnjerna coa novela Hårda tider e a súa meditación do desarraigo e da pertenza a unha minoría lingüística.
Século XX
[editar | editar a fonte]A concepción da identidade suecofinlandesa como unha identidade minoritaria aumentará o seu protagonismo no século XX, Arvid Mörne convíerteo nunha especie de filosofía, convertíndo a costa e os arquipélagos no símbolo desa identidade. Bertel Gripenberg ábrese ao estilo simbolista europeo e acabará convertendo a súa poesía en militantemente nacionalista.
A xeración agrupada en torno á revista Euterpe deu orixe á xeración coñecida como Dagdrivare (os ociosos) que adoptaron unha actitude crítica e escéptica ante a vida con autores como Runar Schildt e Jarl Hemmer.
A primeira guerra mundial trouxo un cambio de estilo nos autores que adoptan por primeira vez en Escandinavia o modernismo que viña do sur, Edith Södergran foi a súa primeira gran representante, a súa poesía adopta o ritmo libre, o recurso á imaxe, a supresión da ríxida fronteira entre a lingua popular e a literaria. Seguíronlle autores como Elmer Diktonius ou Gunnar Björling, o que radicalmente renovou o seu estilo poético. A partir dos anos trinta apareceu unha segunda xeración de modernistas: Ralf Parland, Eva Wichman e Solveig von Schoultz. Entre os prosistas destacou Tito Colliander, de orixe rusa, que centrou os seus temas na relixión ortodoxa e os emigrantes rusos.
A segunda guerra mundial supuxo o achegamento da literatura sueca de Finlandia á literatura finesa, ata entón dous mundos diferentes, o grande autor foi Bo Carpelan autor dunha poesía sensible e próxima á natureza e da novela Axel (1986). Christer Kihlman describe nas súas novelas a vida no medio finosueco. Tove Jansson é unha autora que acadou fama internacional coa súa serie de Mumin. Walentin Chorell, coñecido polas súas obras dramáticas.
Na poesía salientan os nomes de Lars Huldén e Claes Andersson e aparece un punto de vista novo, o feminismo nas obras de Märta Tikkanen e Tua Forsström.
Na prosa a vida da clase media e o conflito de xeracións son os temas dominantes, autores como Christer Kihlman, Ralf Nordgren e Johan Bargum son os máis coñecidos.
Entre os últimos autores cabe destacar a Kjell Westö, Mikael Bäck e Thomas Wulff.