Literatura finesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ao falar de literatura finesa, cómpre sinalar ao primeiro que a lingua finesa permaneceu como lingua non escrita ata o século XVI pero pisto non quere dicir que durante séculos carecese de literatura, pois o finés gozou dunha vizosa literatura popular que chegou a nós grazas aos cantores populares que ao longo de xeracións transmitiron eses textos, loxicamente con modificacións e en múltiples versións.

Literatura popular[editar | editar a fonte]

A poesía popular finesa consérvase nos arquivos da Sociedade de Literatura Finesa e só unha parte se publicou na colección Suomen Kansan Vanhat Runot en 33 volumes publicados entre 1908 e 1948 que recollen 85.000 pezas con 1 270 000 versos.

A maior parte desa literatura popular conservouse na zona máis oriental do dominio lingüístico da lingua finlandesa, Carelia e Ingria e en menor medida no oeste de Finlandia pero os poemas conservan trazos lingüísticos e temáticos propios do occidente do dominio lingüístico finés. A poesía popular finesa pode ser poesía lírica, unha poesía individual que se centra na emoción e o lirismo do eu do poema utilizando imaxes tiradas da natureza e das actividades da vida cotiá ou poesía épica, poemas máis longos e extensos, en torno aos 100 ou 200 versos, que contan unha sucesión de acontecementos, mitolóxicos as máis das veces. Fóra destes dous grandes grupos quedan fóra outro tipo de poemas como as poesías para as vodas, de caza, lamentacións.

Os encargados de conservar e cantar os poemas populares eran os cantores populares ou bardos, ás veces acompañados polo kantele. No norte eran dous os cantores, un que o recitaba de primeiro e outro que repetía o verso, mentres no sur o cantor era xeralmente unha muller acompañada por un coro. Entre os cantores populares destacaron Arhippa Perttunen e Larin Paraske.

En 1564 recolleuse o primeiro poema popular finés pero foron escasos os poemas que se recolleron en parte por considerarse un fenómeno pagán e en parte por ser o finés unha lingua minorizada. No século XIX o romanticismo vaise interesar pola literatura popular e Elias Lönnrot partindo de poemas recollidos por el e por outros entusiastas redactou a epopea Kalevala (1835-1849) que consagrou a literatura popular como unha das principais fontes da literatura finesa escrita.

Reforma Protestante[editar | editar a fonte]

O Abckiria foi o primeiro libro publicado en finés

Aínda que antes da Reforma xa existían textos relixiosos en finés, non conservados, foi Mikael Agricola primeiro bispo protestante de Finlandia o autor dos primeiros libros en finés, en 1543 publicou Abckiria, un pequeno abecedario e catecismo, Rucouskiria é un libro de oracións publicado en 1544, en 1548 apareceu a súa tradución do Novo Testamento fundamental na estandarización do finés.

Epígonos de Agricola continuaron o seu labor como Jacobus Finno, autor dun libro de cánticos en 1583, Hemmiki Maskulainen tamén autor dun libro de cánticos en 1605 e tradutor de Piae Cantiones en 1616, Eerik Sorolainen autor de Postilla, colección de sermóns en dous volumes publicados en 1621 e 1625 e que se usou nas igrexas finesas por máis de dous séculos.

Academia de Turku[editar | editar a fonte]

O século XVIII estivo marcado polo establecemento da Academia de Turku que aínda que favoreceu fundamentalmente ao sueco, a lingua dos profesores tamén exerceu influencia sobre a literatura finesa, apareceu o primeiro autor teatral, Eerik Justander que traduciu unha obra sueca ao finés que non se conserva. Matthias Salamnius escribiu unha descrición da vida de Xesús en metro kalevaliano, Ilo-Laulo Jesuxesta (1690), que viu reedicións nos dous séculos seguintes. No seo da Academia de Turku comezaron a aparecer homes que se interesaron pola lingua finesa como Daniel Juslenius, autor dun dicionario trilingüe ou Henrik Florinus, autor dunha nomenclatura do vocabulario finés. Suomenkieliset (1775-1776) foi o primeiro diario en finés.

Século XIX[editar | editar a fonte]

O comezo do século XIX coincidiu coa fin do dominio sueco sobre Finlandia que quedou a partir de 1809 baixo o dominio de Rusia, como un Gran Ducado autónomo que conservou as antigas institucións suecas e no que a lingua sueca seguía a ser a oficial e no que se comezaba a crear unha conciencia nacional que chegou tamén á literatura, que se expresaba maioritariamente en sueco, a principios de século tan só algúns poetas como Kallio ou Jakob Judén ou o dramaturgo Pietari Hannikaien escribían en finés, aínda que numerosos poetas populares como Vihtapaavo elaboraban unha poesía local enraizada na tradición. Entre algúns intelectuais de lingua sueca comezou a estenderse a consideración do finés como lingua nacional de Finlandia, entre eles salientou Johann Vilhelm Snellman que en 1863 conseguiu un status legal para o finés semellante ao sueco.

Logo da publicación do Kalevala e o seu éxito o número de autores en finlandés aumentou considerablemente enriquecéndose con novos xéneros e temas. Aleksis Kivi foi o creador da primeira gran novela en finlandés, Seitsemän veljestä (Os sete irmáns) publicada en 1870. Kaarlo Kramsu introduciu na literatura finesa a balada histórica e a poesía social. A partir de 1880 será o realismo a corrente literaria predominante con autores como Minna Canth, Juhani Aho, Arvid Järnefelt e Teuvo Pakkala. Coa fin de século aumentou na literatura a importancia do imaxinario e o sentimento e os elementos nacionais van estar omnipresentes, este novo estilo denomínase neorrealismo nacional e o seu principal representante foi Eino Leino, aínda que cultivou tódolos xéneros a poesía é onde destacou máis, sobre todo na serie Helkavirsiä (1903-1916).

Século XX[editar | editar a fonte]

Coa entrada do novo século deixouse sentir en Finlandia a influencia do simbolismo, en Otto Manninen con influencias do neorrealismo, V. A. Koskenniemi coa súa poesía pesimista e L. Onerva cunha poesía máis experimental e intimista. Pero sobre todo o século XX é importante polo desenvolvemento da prosa finesa, que vive unha auténtica idade de ouro, unha prosa na que o peso da natureza é esmagador, con protagonistas procedentes da xente do común, individualistas que reivindican a xustiza social, un realismo á vez combinado co humor. Os máis grandes prosistas son Ilmaro Kianto, que describe a pobreza rural, Joel Lehtonen que deixou unha das mellores novelas finesas, Putkinotko (1919-1920), metáfora da decepción que leva o camiño dos ideais á realidade e Volter Kilpi autor cun estilo e técnica propia que recorda a Marcel Proust. Con gran calidade pero sen a xenialidade dos anteriores sobresaen Maiju Lassila, Maria Jotuni, Frans Emil Sillanpää que foi o único finés en recibir o Premio Nobel (1939), Heikki Toppila, Aino Kallas, Johannes Linnankoski, Aaro Honka e Maila Talvio.

Unha nova xeración apareceu a comezos dos anos 20, coñecidos co nome de Os Portadores do Facho (Tulenkantajat), título que levaba o álbum literario que publicaron de 1924 a 1927, cun novo espírito de liberdade, tanto na métrica da poesía como nos temas, dando as costas ao pasado, Katri Vala é a autora tipo desta xeración e Olavi Paavolainen como prosista, desa xeración saíron grandes poetas, xa con outro estilo, como Mustapää, co seu característico estilo semierudito e que se deixaba influír por numerosas culturas. O máis coñecido dos autores dos Portadores do Facho foi Mika Waltari. Nos anos trinta abandónase a liña rupturista e vólvense a formas máis clásicas, tan só destaca o grupo literario Kiila, cos poetas Viljo Kajava e Arvo Turtiainen e a prosista Elvi Sinervo. O teatro en Finlandia gozaba dunha mesta rede de salas pero o número de autores de calidade foi escasa, destacaron Maria Jotuni, Ilmari Turja, Hella Wuolijoki, esta última de orixe estonia.

A segunda guerra mundial supuxo unha ruptura no panorama literario finés, xorde toda unha xeración de autores marcados pola experiencia da guerra, o país viu reduciu o seu territorio e case toda a poboación de Carelia pasou como refuxiada a Finlandia, cuestiónanse os antigos valores pero tamén aumentou a produción literaria e a tradución de obras doutras literaturas.

Xorde unha nova poesía, cunha linguaxe máis achegada á lingua falada, utilizando o verso libre, centrada no eu, entre os autores destacan Lauri Viita, Helvi Juvonen, Pentti Holappa, Eeva-Liisa Manner, Eila Kivikkaho e o poeta máis orixinal, Paavo Haavikko.

Na narrativa xorden dúas concepcións diferentes, unha máis tradicional marcada polo realismo agrario ou obreiro con escritores como Veikko Huovinen e sobre todo Väinö Linna, a súa Tuntematon sotilas (1954), centrada nas relacións entre oficiais e simples soldados durante a segunda guerra mundial, vendeu máis do millón de exemplares e suscitou un forte debate nacional pola autocrítica á sociedade finesa. A outra tendencia na narrativa é a máis experimental, na procura de novas solucións de estilo e estrutura, Veijo Meri é o autor máis destacado desta tendencia, cun sentido do grotesco na cal se adiviña a crise dun pobo. Outros autores, como é o caso de Eeva Joenpelto, combinan as dúas tendencias.

Nos anos sesenta a lingua coloquial entra na poesía, que se compromete coa realidade social circundante de forma contestataria, o primeiro autor que rompe coa poesía dos cincuenta é Pentti Saarikoski. En reacción a esta poesía aparecen autores que centran a súa obra na vida cotiá ou na natureza, rexeitando o compromiso político, é o caso de Helena Anhava ou buscando novas formas na poesía xaponesa como Veikko Polameri.

En canto á prosa durante os anos 60 e 70 destacan nomes como o de Hannu Salama, autor de novelas obreiras de carácter épico, o contorno obreiro tamén se atopa nas obras de Samuli Paronen cun acento moi forte no infraproletariado. A crise da clase media e o conflito de xeracións centra as obras de Kerttu-Kaarina Suosalmi e o problema da poboación evacuada da Carelia está moi presente nas obras de Eeva Kilpi e Iiris Kähäri. A evolución da vida rural é outro dos grandes temas da prosa, autores como Eino Säisä, Heikki Turunen ou Kalle Päätallo.

Nos anos 80 desenvólvese extrardinariamente o relato, con autores como Rosa Liksom, Joni Skiftesvik ou Leena Krohn. Entre os novelistas da última xeración salientan Olli Jalonen, Matti Pulkkinen e Maarit Verronen

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]