O elfdaliano ou dalecarliano (övdalsk para os nativos, e älvdalsmål ou älvdalska para os suecos, literalmente, lingua dos elfdalianos). É en realidade un dialecto do conxunto de dialectos que formaban o dalecarliano antigo, unha lingua escandinava propia, da rama escandinava oriental. O dalecarliano antigo era falado no condado ou comarca de Dalecarlia (Dalarna en sueco), hoxe só se fala nos municipios arredor do lago Silia (Silja en sueco) e sobre todo no municipio de Elfdalia (Älvdalen en sueco e Ölvdaln en dalecarliano). Algúns lingüistas (suecos principalmente) considérana un dialecto do sueco, mentres que outros lingüistas escandinavos sosteñen que é unha lingua propia. O dalecarliano está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.[1]
Os dialectos dalecarlianos mantiveron moitas características gramaticais e fonolóxicas arcaicas, moitas das que aínda son case idénticas ás do norreno - coma por exemplo, o uso da letra eth (Ð,ð), (que chegou a usarse no sueco antigo); mantén a nasalidade das vogais; conservación dos tres xéneros; etc.
A pesar de estar clasificada dentro da rama escandinava oriental, mantén certas semellanzas cos dialectos neonoruegueses de Trendelag, o trendés (trøndersk en noruegués), que son clasificados na rama escandinava oriental xunto co neonoruegués ou nynorsk.