Leixaprén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O leixaprén (palabra medieval composta de leixa -deixa- e pren -colle-) é un recurso estilístico característico das cantigas de amigo galego-portuguesas (aínda que apareza tamén, moi esporadicamente, nas cantigas de amor).[1] Consiste na repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte.

Un exemplo pódese ver nesta cantiga de Martín de Xinzo:

Como vivo coitada, madre, por meu amado,
ca m'enviou mandado que se vai no ferido:
e por el vivo coitada!
Como vivo coitada, madre, por meu amado,
ca m'enviou mandado que se vai no fossado:
e por el vivo coitada!
Ca m'enviou mandado que se vai no ferido,
eu a Santa Cecilia de coraçón o digo:
e por el vivo coitada!
Ca m'enviou mandado que se vai no fossado,
eu a Santa Cecilia de coraçón o falo:
e por el vivo coitada!

Como se observa, os versos 2 e 5 (os segundos das dúas primeiras estrofas) repítense como primeiros da 3ª e 4ª estrofas, respectivamente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para leixaprén.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]