A dama das camelias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «La Dame aux camélias»)

A dama das camelias
Portada da edición de 1885, debuxada por Albert Lynch.
Título orixinalLa Dame aux camélias
Autor/aAlexandre Dumas (fillo)
OrixeFrancia
LinguaFrancés
ColecciónBiblioteca Galega de Clásicos Universais
Xénero(s)Novela
EditorialGalicia Editorial Toxosoutos
Data de pub.Francia 1848
Galicia 2005
Páxinas234 (gl)
ISBNISBN 84-96259-46-3
TraduciónAntonia Vega Prieto
editar datos en Wikidata ]

A dama das camelias[1] (en francés: La Dame aux camélias) é unha novela escrita por Alexandre Dumas (fillo) publicada por primeira vez en 1848. Esta obra está inspirada nun feito real da vida de Alexandre relativo a un romance, que tivo lugar en 1847 segundo o propio autor, con Marie Duplessis, moza cortesá de París que mantivo distintas relacións con grandes personaxes da vida social. A novela pertence ó movemento literario que se coñecería como realismo, sendo unha das primeiras que formarían parte da transición do romanticismo.

A ópera La traviata (A extraviada), do compositor italiano Giuseppe Verdi, baseouse nesta novela cuxo personaxe principal, a cortesá, leva o nome da protagonista. Noutras adaptacións, esta historia tamén é coñecida co título de Camille.

Foi traducida ó galego por Antonia Vega Prieto e publicada pola Editorial Toxosoutos no ano 2005.[1] Ese mesmo ano, foi publicada de novo cunha tradución de Vega Prieto dentro da colección Biblioteca Galega de Clásicos Universais.[2]

Espazo e tempo[editar | editar a fonte]

A novela está ambientada en París, e algúns lugares campestres próximos, como Bougival. Poderiamos situala arredor do ano 1840, durante a monarquía de Lois Filipe de Orleáns. A duración da trama é de aproximadamente tres anos, aínda que só durante un ano existe acción. A obra comeza cos funerais de Margarida Gautier, protagonista da obra.

Tema[editar | editar a fonte]

Os principais temas da novela son a prostitución, reflectida na vida da protagonista Margarida Gautier, os seus costumes e amizades. Doutra banda, está presente a abnegación en diversos actos da protagonista, sobre todo con respecto ó seu amor por Armando Duval.

A obra tamén critica os prexuízos sociais, que radican no rexeitamento social de aceptar a Margarida, represéntanse no pai de Armando Duval, quen lle esixe sacrificios. Por último, aparecenen menor medida, os celos e a vinganza no personaxe de Armando Duval.

Coexisten dous narradores na novela, por unha banda un narrador editor quen coñece ó narrador protagonista, Armando Duval. Está escrita nunha linguaxe sinxela e estruturada en vinte e sete capítulos sen títulos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]