Jens Emil Mungard
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1885 Sylt-Ost, Alemaña |
Morte | 17 de febreiro de 1940 (54/55 anos) Campo de concentración de Sachsenhausen, Alemaña |
Residencia | Keitum (–século XX) Sylt (–século XX) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Jens Emil Mungard, nado o 9 de febreiro de 1885 en Keitum e finado o 13 de febreiro de 1940 no campo de concentración de Sachsenhausen, foi un escritor alemán en frisón setentrional.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na illa de Sylt, era o fillo máis vello de Nann Peter Mungard. autor dun dicionario da variedade frisoa local. Perdeu á súa nai cando tiña tres anos e educouno unha súa tía. Dende novo interesouse pola poesía e a mitoloxía. Logo de casar en 1910 asumiu a facenda paterna en Keitum, así e todo apenas daba para vivir e finalmente perdeu a granxa, divorciouse en 1932 e rompeu coa súa familia, e mesmo en 1934 deixou a illa temporalmente.
Tras a vitoria do nazismo Jens esperaba unha promoción da cultura frisoa mais axiña quedou decepcionado coa actitude dos novos gobernantes, denunciou nalgúns poemas o réxime nacionalsocialista, ridiculizando o seu antisemitismo e negándose a permitir a tradución ao alemán da súa poesía[1]. En 1935 detivérono por primeira volta e polos seus contactos con movementos frisóns occidentais cualificárono como "nacionalmente pouco fiable"[2], e estableceuse en Flensburg baixo vixilancia da Gestapo[3]. En 1938 prohibíronlle escribir pero non fixo caso[4] e a finais de 1938 ingresou no campo de concentración de Sachsenhausen, onde morreu en 1940, logo de pasar alí 377 días.
Obra
[editar | editar a fonte]En 1909 publicou os seus primeiros poemas en libros de lectura frisóns, e a partir de 1911 en diversas publicacións, en especial no Sylter Zeitung. Catalogáronse máis de 700 poemas, seis pezas teatrais, e numerosos textos en prosa da súa autoría.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tom Blass (2016) The Naked Shore: Of the North Sea Bloomsbury, p. 135
- ↑ Jens Mungard Arquivado 10 de agosto de 2007 en Wayback Machine. en Gegen Diktatur
- ↑ "Ausstellung: Ströntistel En Dünemruusen. Das Leben des friesischen Dichters Jens Emil Mungard" Nordfriesen Magazin, 6 de marzo de 2013
- ↑ "Jens Emil Mungard: Sylts größter, unbekannter Dichter" shz.de, 6 de febreiro de 2013