Isabel (obra de teatro)
Isabel | |
---|---|
Título orixinal | Isabel |
Autor/a | Ricardo Carballo Calero |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Ediciós do Castro |
Data de pub. | 1982 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Isabel. Comédia en tres actos (1945) é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero publicada en Ediciós do Castro en 1982 [1].
Segundo Sindo Villamayor:
Trátase dunha comedia en tres actos na que a acción vén plantexar como problema os límites entre o ilusorio e o real, percorrido que na peza vai da realidade á ilusión [2].
Para Henrique Rabuñal:
Isabel é unha comedia psicolóxica de intriga que nos devolve ao xogo da ilusión e a realidade. Hai unha cura difícil porque o problema é a viuvez de Mário, quen vai aceptar Isabel, enviada ao pazo por uns amigos para representar o papel da muller morta, como a súa muller[3].
E:[4]
É unha comedia psicolóxica de intriga con unidade de acción (pazo galego de montaña). A peza aborda o xogo da ilusión e a realidade e mantén estreias conexións coa obra anterior ("O fillo).
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Dona Xulia
- Rosalía
- Rego
- Isabel
- O Espolique
- Mario
- Quiroga
- Rafael
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A acción desenvólvese nun pazo de Galicia, na época actual.
- Acto I
Dona Xulia é a ama, a criada de sempre na familia, vén da cidade onde vivía co señor, dille á nova criada da aldea, Rosalía, que a trate de dona e non de señora. Conversan as dúas sobre o servizo das criadas e a súa disposición. Rego é o criado que vai e vén coa besta levando o correo e os recados.
Falan de que o señor, don Mario, non sae case nunca, está recluído en si mesmo desde que lle morreu a muller, dona Isabel. Mais saíu ver o seu amigo, o fidalgo don Rafael.
Inesperadamente chega unha moza que se fai chamar Isabel e se comporta como se fose a señora do pazo ante o asombro dos criados.
Rosalía canta:
.
- Acto II
Isabel goberna o pazo coma se o fixese sempre con tino e sabendo de todo.
Chega un cabaleiro descoñecido, Quiroga, e infórmase por Rosalía da vida do pazo e de quen é e como vive don Rafael.
Encóntranse Mario, Rafael e Quiroga. Conta Mario que o visitante é un antigo compañeiro seu de estudos e grande amigo da cidade, e que se alegra moito da visita. Xulio Quiroga dille que vén velo e tamén coñecer a súa señora.
Aparece Isabel que é presentada a Quiroga. Remata o acto dicindo Quiroga á parte:
Magnífica, insuperábel, sorprendente; pero ¿debe seguir a comédia máis alá da firma do autor? [5]
- Acto III
Quiroga infórmase con Xulia do ben que leva a casa Isabel, a criada coñeceuna cando veu ao pazo. O mesmo acontece co criado Rego, tamén a coñeceu así.
Nunhas intervencións moi longas Quiroga cóntalle a Rafael toda a historia de Mario de cando vivía na cidade. Namorou de Isabel e casaron. A delicada saúde dela decidiunos a vir á aldea dos avós por ver se melloraba. Mais morreu ao chegar e desde entón Mario quedou desfeito, sen superalo, pechado en si mesmo no pazo.
O grupo de amigos de Quiroga na cidade segue coa súa vida e entre alcohol e alcohol deciden contratar a unha actriz secundaria para que faga o papel de Isabel e alegre a Mario. Adéstrana moi ben contándolle todo o que ten que saber e mándana ao pazo para ver en que dá a cousa. Esa é a razón da súa visita, saber como está o experimento.
Rafael coméntalle que todo o servizo non chegara a coñecer a verdadeira Isabel, só coñece a esta. El mesmo estaba intrigado sabendo da morte da primeira mais vendo agora que coa segunda Mario reviviu e todo vai mellor non se atreveu a facer preguntas. Por fin agora enténdeo todo.
O espectador coñece a reacción final de Quiroga e de Rafael, observa a Isabel e Mario. Remata a peza cantando Rosalía:
Características
[editar | editar a fonte]Carballo Calero díxolle a Carmen Blanco[7]:
Despois de escreber "Isabel" observei que hai unha obra de Pirandello que sería curioso comparar con "Isabel"; unha obra de Pirandello da que tiven noticia a través do cine, porque hai unha película, interpretada por certo por Greta Garbo, que se intitula en castellano "Como tú me deseas", e hai curiosamente unha situación algo parecida á de "Isabel", alí hai unha muller que non se sabe ben se é ou non é a que representa ser, hai algo de semellante, o que pasa é que na obra de Pirandello queda indeciso se efectivamente aquela muller é realmente a muller que o marido cre ter recuperado, e non o saben nen o marido nen ela mesma. En cambio en "Isabel", o espectador sabe perfeitamente que se trata dunha muller distinta, pero, claro está, se impón sobre esa realidade unha suprarrealidade... Nesta obra hai varias escenas suprarreais, todo iso supón unha combinación de elementos, pois a obra comeza coa visión do nacimento nunha casa aldeana en termos absolutamente realistas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3.
- ↑ Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1041. ISBN 84-89679-05-3.
- ↑ Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018.
- ↑ Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 146. ISBN 978-84-9151-436-7.
- ↑ 5,0 5,1 Carballo Calero 1982, p. 44.
- ↑ Carballo Calero 1982, p. 77.
- ↑ Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 258-259. ISBN 84-7154-654-X.