Irazú

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 9°58′45″N 83°51′09″O / 9.9791666666667, -83.8525

Irazú
Irazú Crater
Altura: 3.432 metros
Localización: Costa Rica
Tipo: Estratovolcán

O Irazú é un volcán activo situado en Costa Rica, na Cordilleira Volcánica Central, no interior do parque nacional que leva o seu nome: Parque Nacional do Volcán Irazú, a uns 30 Km. ao oeste da cidade de Cartago.

Nas súas abas situábase en 1569 un pobo indíxena chamado Istarú, polo que segundo se cre, co correr do tempo ese nome foi deformándose até o que hoxe coñecemos. Tamén é posíbel que o seu nome sexa éuscaro, xa que a palabra Irazú significa nese idioma "lugar de felgos", e nas abas do volcán danse con facilidade os felgos de altura. Ademais, o uso nome Irazú é relativamente recente, e non se encontra mencionado en documentos dos séculos XVI e XVII, épocas en que ao volcán se lle chamaba simplemente o volcán de Cartago.

Ten 3432 metros de altitude e a súa forma é subcónica irregular.

Entrou en erupción con frecuencia en tempos históricos - polo menos 23 veces desde a súa primeira erupción rexistrada en 1723. A erupción máis recente comezou en 1963 e seguiu até 1965. Comezou xusto o día que o Presidente dos EUA John F. Kennedy comezou unha visita oficial a Costa Rica, e cubriu a capital, San José, e a maior parte das terras altas centrais de Costa Rica con cinzas.

Desde a erupción de 1963, o volcán estivo inactivo, aínda que os frecuentes terremotos mostren que o magma se traslada aínda baixo o volcán. En 1994 ocorreu unha pequena erupción freática, causada por abundantes chuvias que desestabilizaron a ladeira do volcán, causando a descompresión rápida do sistema hidrotermal.

O cume do volcán ten varios cráteres, un dos cales contén un lago verde de profundidade variábel. É o volcán activo máis alto de Costa Rica. É doado visitalo desde San Xosé, a través dun camiño directo até os cráteres do cume e un servizo diario de autobús ao cume. É un punto turístico moi popular.

Desde o seu cume e durante un día claro, é posíbel ver ambos os océanos, o Atlántico e o Pacífico. Non obstante, os días despexados no cume son moi raros, xa que a maior parte do tempo permanece cuberto de nubes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]