Infinitivo conxugado
O infinitivo conxugado, infinitivo persoal ou infinitivo flexionado é unha flexión verbal que se forma engadindo morfema de persoa e número ao infinitivo. É unha das características máis orixinais do galego-portugués, aínda que existen formas similares no napolitano do século XV e vestixios no leonés antigo, o que, xunto coa influencia do portugués, pode explicar a súa presenza no mirandés.[1] Tamén se usa hoxe na lingua húngara.[2]
Características
[editar | editar a fonte]O infinitivo conxugado fórmase engadindo ao infinitivo impersoal os morfemas -es, -mos, -des, -en (que coinciden cos do futuro de subxuntivo, agás nos verbos irregulares):
- cantar -
- cantares
- cantar -
- cantarmos
- cantardes
- cantaren
Úsase nos seguintes casos:
- Cando o infinitivo ten un suxeito distinto ao do verbo principal: (ti) Dille que o limpe antes de volver(mos) ; Ai, morte, canto xa tardas en me levares contigo!
- Cando o suxeito do infinitivo vai expreso, pero a distancia do verbo principal: O rapaz saudou aos turistas ao pasaren xunto del ; Ao estaren tan contentos, eu marchei caladiño para a cama.
- Cando o infinitivo vai introducido por preposición: Para falares con el, tes que pedir cita.
Non se emprega nos seguintes casos:
- Cando o infinitivo é o verbo auxiliado dunha perífrase verbal: *Débesllo dicir agora mesmo.
- Cando se constrúe con verbos do tipo: querer, poder, saber, deixar... porque neste caso o suxeito éo de todo o complexo verbal: *Queremos mercar un coche deportivo.
Non se debe confundir co futuro de subxuntivo, co que coincide nos verbos regulares e difire nos irregulares:
- Inf. conx. regular: comer, comeres, comer, comermos, comerdes, comeren.
- Fut. subx. regular: comer, comeres, comer, comermos, comerdes, comeren.
- Inf. conx. irregular: querer, quereres, querer, querermos, quererdes, quereren.
- Fut. subx. irregular:quixer, quixeres, quixer, quixermos, quixerdes, quixeren.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Piel 1944.
- ↑ Diario, Nós (2020-05-20). "Falares, falarmos, falardes... O infinitivo flexionado, na lección 12 do curso de galego". Nós Diario. Consultado o 2022-08-24.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Piel, Joseph-Maria (1989 [1944]). "A flexão verbal do portugués. Estudo de morfologia histórica". Estudos de Lingüística Histórica Galego-Portuguesa (PDF). Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2022. Consultado o 16 de febreiro de 2023.