Saltar ao contido

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935
Título orixinalImpresiones de un viaje por Galicia
Autor/aFederica Montseny
Linguacastelán
Xénero(s)Libro de viaxes; autobiografía
EditorialLa Revista Blanca
Data de pub.1936
TraduciónEnrique Sánchez Rodríguez
editar datos en Wikidata ]

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 é un libro de viaxes autobiográfico de Federica Montseny, publicado en 1936 na Revista Blanca, froito da viaxe da anarquista catalá a Galiza en decembro de 1935.

Federica Montseny visitou Galiza en decembro de 1935, convidada pola Confederación Rexional Galaica para dar unha serie de mitins.

A autora chegou en tren á Coruña desde Madrid a mañá do 3 de decembro de 1935. Alí recibiuna Claro José Sendón xunto con outros dous compañeiros militantes. Pola tarde deu un mitin en Betanzos xunto con Sendón e o tamén catalán Jaime Baella, e pola noite outro no Teatro Jofre de Ferrol, tamén con Sendón e Baella. Ao día seguinte visitou Ferrol e á noitiña foi a Cariño a dar outro mitin. Na vila do Ortegal pasou dous días, e despois desprazouse a Santiago de Compostela.

Á mañá seguinte asistiu por vez primeira a unha misa, na catedral compostelá. Despois desprazouse á Coruña, onde visitou a Torre de Hércules. Pola noite deu unha charla na Fábrica de Tabacos da Coruña á que só asistiron as cigarreiras, e o día seguinte deu outra conferencia no Teatro Rosalía de Castro. Pola tarde foi falar a Carballo.

Logo de que se cancelase outro mitin en Viveiro volveu visitar A Coruña e continuou cara a Lugo, mais a charla nesta cidade foi suspendida pola caída do goberno de Joaquín Chapaprieta, igual ca outra conferencia en Vigo. Con todo, ao día seguinte falou na Praza de Abastos luguesa. De regreso na Coruña deu tres charlas no cine Doré. Finalmente asistiu en Ourense ao mitin de apertura do Pleno Rexional Galaico

Narración

[editar | editar a fonte]

A autora fala das conferencias que dá, sobre o anarcosindicalismo e a Confederación Nacional do Traballo, mais tamén conta anécdotas sobre o aloxamento, os xantares ou o transporte, falando da sociedade galega do momento. Montseny fala da lingua galega, e de poetas galegos como Curros Enríquez, Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal.

Edicións

[editar | editar a fonte]

A obra foi publicada orixinalmente por entregas en La Revista Blanca co título de Impresiones de un viaje por Galicia. O texto foi traducido ao galego por Enrique Sánchez Rodríguez e publicado en 2011 por Editorial Trifolium na colección Fume de Leña, que abrangue varios relatos de viaxes e estancias en Galiza de xente estranxeira. O volume conta cunha introdución de Eliseo Fernández Fernández, e con fotografías e imaxes da época, como un retrato da propia Federica, carteis dos mitins ou follas dos periódicos que daban conta dos mesmos. A portada é un deseño da coruñesa Ánxela Pérez Meilán.

A viaxe aparece recordada na autografía da autora Mis primeros cuarenta años, publicada en 1987.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Montseny, Federica: Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935. Ed. Trifolium, 2011. ISBN 9788493866907