Imperio Azteca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Imperio azteca")
Imperio Azteca
Tripla Alianza
Ēxcān Tlahtōlōyān (en náhuatl)
1428–1521
Bandeira Escudo
Expansión do Imperio Azteca
Capital Tenochtitlán
Lingua náhuatl (lingua franca)
otomí, matlatzinca, mazahua, mazateca, huasteca, tepehua, popoloca, entre outras.
Relixión relixión azteca
Goberno Confederación militar hexemónica
Alianza de cidades estado
Historia
 • Fundación da alianza 1428
 • Conquista española 1521
Superficie
 • 1520 304.325 km²
Moeda Quachtli
gran de cacao

O Imperio Azteca ou a Tripla Alianza (en náhuatl: Ēxcān Tlahtōlōyān), comezou como unha alianza de tres "altepetl", ou cidades-estado aztecas: Tenochtitlán, Texcoco e Tlacopán. Estas tres cidades-estado gobernaron a área arredor do Val de México dende 1428 até que en 1521 foron derrotadas polas forzas dos conquistadores españois e os seus aliados nativos baixo o mando de Hernán Cortés.

A Tripla Alianza formouse na facción vitoriosa dunha guerra civil entre a cidade de Azcapotzalco e as súas antigas provincias tributarias. Malia que o imperio comezou nun principio como unha alianza por tres cidades autogobernadas, Tenochtitlán axiña se converteu na dominante militarmente.[1] Na época da chegada dos españois, en 1519, as terras da Alianza estaban gobernadas por Tenochtitlán, mentres que os seus aliados tiñan papeis subsidiarios.

A alianza comezou guerras e expandiuse rapidamente despois da súa formación. No seu estado máximo de expansión, a alianza controlou a maioría do centro de México así como territorios máis distantes dentro de Mesoamérica, como a provincia de Xoconochco, un exclave azteca preto da actual fronteira con Guatemala. O goberno azteca foi descrito polos estudosos como "hexemónico" ou "indirecto".[2] Os aztecas deixaron no poder ós gobernantes das cidades conquistadas sempre que aceptasen dun tributo semi-anual á Alianza, así como apoio militar na guerra. En compensación, a autoridade imperial ofreceu protección e estabilidade política, e facilitou a integración económica de diversos pobos e territorios cunha significativa autonomía local.

A relixión do imperio era o politeísmo azteca, adorando a diversos panteóns que incluían a ducias de deidades. Moitos cultos conseguiron un recoñecemento oficial importante abondo como para estar representado no recinto do templo central da capital. O culto imperial era o de Huitzilopochtli, o distintivo deus guerreiro dos mexicas. Os pobos das provincias conquistadas tiñan permitido manter e continuar coas súas propias tradicións relixiosas, sempre que engadisen ó deus imperial Huitzilopochtli nos seus panteóns locais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hassig 1988
  2. Smith 2001

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]