Igrexa de Santa María de Vizbayo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santa María de Vizbayo
Vista da parte sur
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa
AdvocaciónSanta María
Coordenadas42°32′15″N 6°35′40″O / 42.537402777778, -6.5944Coordenadas: 42°32′15″N 6°35′40″O / 42.537402777778, -6.5944
Culto
CultoIgrexa Católica
DioceseDiocese de Astorga
Arquitectura
Estilorománica
editar datos en Wikidata ]

A Igrexa de Santa María de Vizbayo é un edificio de estilo románico situado na faldra do Monte Paxariel, na aldea de Otero de Ponferrada, concello de Ponferrada, bisbarra do Bierzo (provincia de León, Comunidade Autónoma de Castela e León, España).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Otero de Ponferrada rematou sendo, practicamente, un barrio de Ponferrada. O seu nome en castelán, Otero, deriva do latín 'altarium' que significa "outeiro ou sitio elevado". A primeira referencia atopámola no ano 909 na que aparece documentado como 'autero'.

Adro construído posteriormente.

A denominación Vizbayo parece provir, segundo o profesor Jesús García e García da composición en latín de 'bis' ' (dous) e 'vadium' (paso dun río ou vao) que evolucionou a "vayo". No Tumbo do Mosteiro de San Pedro de Montes aparece como: vet-vayo (1107), vezvayo (1151) e vetvayo (1154).

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle da xanela con motivos vexetais no testeiro.

As primeiras referencias encontrámolas no século XI.

Igrexa é dunha soa nave con cabeceira semicircular unida á nave por tramo recto. De estilo románico con influencias do mozárabe, é un dos edificios do Camiño de Santiago onde mellor se aprecia esa evolución do mozárabe ao prerománico e ao románico. Destacan os seus arcos de ferradura e o belo testeiro, no que se encontra unha ventá xeminada de gran beleza, rematada en arco de ferradura, a columna que a divide é curta, de base sogueada (característica do mozárabe) e capitel vexetal rudo dividido en dous corpos por unha moldura.

Accédese a través de dúas portas, unha ao norte (a que dá ao cemiterio) e outra ao sur protexida por un pórtico.

A nave esta cuberta con bóveda de canón que continua no tramo recto de acceso á cabeceira, cuberta esta, por un casquete esférico.

A construción, de reducidas dimensións é de cachotaría e perpiaño en partes nobres e contrafortes usándose como materiais a lousa e o granito.

A finais do século XVII constrúese a espadana, como noutras moitas igrexas nesa época. Posteriormente, no século XVIII realizáronse varias reformas, construíndose sancristía, pórtico, trasteira e coro. En 1916 produciuse unha lamentable derruba que afectou un tramo da bóveda próximo ao presbiterio levándose consigo a bóveda da ábsida e parte do muro norte. Dos anos máis tarde foron reparados nunha obra penosa, que segundo o historiador José María Luengo "se fixo sen sentido, e tan inhábiles foron os albaneis que o muro que fixeron non empalma co antigo, senón que se desvía cara a dentro, na parte superior, preto de 30 cm[1].

A finais da década dos 70 do século XX, o cura párroco da igrexa mandou realizar outras penosas reformas, situando un muro de formigón pegado á igrexa e un peche en materiais modernos que a día de hoxe perduran afeando o conxunto.

Unha das tradicións máis antigas era a romaxe que se realizaba cada 15 de agosto, festividade da Asunción da Nosa Señora A Virxe María, á que acudían numerosos ponferradinos e bercianos bordeando a faldra do Monte Paxariel (monte no que se atopa Otero), sendo típica a merenda na que era protagonista a sandía e o melón. Esta tradición foi abandonándose e, aínda que nos anos 80 do século XX se intentou recuperar, rematou por abandonarse.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Bierzo. Luis Pastrana Giménez. 1981. ISBN 84-241-4912-2