Igrexa da Luz de Osaca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parede do altar da Igrexa.

A igrexa da Luz é un templo relixioso da Igrexa Unida de Cristo situada no barrio de Ibakari, na cidade xaponesa de Osaca. Foi realizada en 1989 polo arquitecto Tadao Ando (安藤忠雄 Andō Tadao, nado en Osaca o 13 de setembro de 1941), un dos arquitectos xaponeses con máis recoñecemento dentro e fóra do seu país, sendo galardoado co Premio Pritzker no ano 1995.

Situación[editar | editar a fonte]

O edificio está situado no barrio de Ibaraki, no medio da cidade de Osaca. Este barrio non posúe unha extremada saturación de poboación, polo que se poden apreciar numerosas zonas verdes nos seus arredores. No caso deste edificio, a parcela na que se sitúa posúe diversa vexetación que o rodea, de tal xeito que se funde con el por mor de que a vexetación e os liques fóronse apoderando do terreo. A visión que podemos ter da igrexa é a dunha construción que está sendo absorbida pola natureza. Debido á forma do edificio e á situación sobre o terreo, non se pode percibir o interior deste. Así, o volume únese co seu medio, distanciándose da condición de caixa pechada, como se podería pensar inicialmente.

Forma[editar | editar a fonte]

Volumetría[editar | editar a fonte]

A igrexa da Luz, do mesmo xeito que outras obras de Tadao Ando, garda fortes relacións xeométricas. Nesta ocasión, o arquitecto inscribiu tres circunferencias tanxentes entre si na planta do edificio e estableceu as relacións de modulación, axeitando as dimensións da estrutura ás proporcións do edificio.

O volume que describe a esta igrexa é basicamente unha única caixa de formigón cortado por un plano vertical que forma 15 º coa parede da pastilla e que o atravesa de lado a lado. Créanse así interesantes efectos lumínicos.

Outro volume importante nesta construción é a ampliación realizada entre 1987 e 1999, na que se engade unha escola dominical á igrexa. Esta ampliación prolóngase tanto no tempo porque, aínda que Tadao a proxectou ao mesmo tempo que a igrexa, o cliente non se decidiu a facela ata anos máis tarde. A Escola Dominicana componse dunha pastilla e do muro que a intersecciona (neste caso en dúas fachadas). A unión entre as dúas caixas realízaa unha cuberta de forma curva, a xeito de entrada cara ao segundo muro e unha escaleira que se desenvolve debido ao paralelismo existente entre os dous muros de formigón.

Ocos[editar | editar a fonte]

Debido á súa curiosa volumetría, os ocos resultantes con moi interesantes. Aínda que posúe moi poucos, podemos describir os seguintes:

  • O oco da porta interior que permite o paso da luz ao interior. Localízase no muro que cruza coa caixa e está moi preto dunha fenda que se produce pola encrucillada dos dous elementos anteriores.
  • Nunha das fachadas atópase a única fiestra de toda a caixa. Este elemento tamén está afectado pola intersección do muro, polo que se atopa dividida en dous, provocando a inserción de luz no corredor de entrada e na zona de bancos. Ademais, a parte superior do muro non se macla co volume da caixa, polo que se crea unha fenda de luz horizontal.
  • Na fachada do altar, podemos destacar unha fenda de luz con forma de cruz que ilumina todo o interior do templo, deixando que a luz esvare polas paredes laterais e formando abanos que se esvaecen na penumbra.

A escola dominical está pensada do mesmo xeito que a igrexa, pero debido á súa dobre altura e que a intersección atravesa dúas paredes, o resultado posúe máis iluminación no seu interior. Así, este volume posúe fendas verticais e horizontais, fiestras de gran tamaño atravesadas polo muro e contrastes de luz. Ademais, o muro que intersecciona o poliedro da Escola Dominical tamén posúe diversas fendas verticais.

Espazos[editar | editar a fonte]

Os espazos interiores están protexidos das olladas públicas grazas á privacidade que aportan os muros exentos da construción. Para acceder á igrexa debemos baixar unhas escaleiras que se encontran entre os dous muros exentos. Unha vez aquí, situámonos nun espazo de elevados planos verticais de formigón que nos convidan a seguilos en paralelo. De facelo así, atoparémonos cunha cuberta circular a xeito de corredor que nos invicta a entrar ou na igrexa ou na escola dominical.

Deste xeito, a entrada sitúase na parte traseira da fachada, marcándose a porta pola súa ausencia. No interior, encontrámonos cunha zona na que se localizan un par de asentos coa finalidade de que se utilicen para observar a igrexa. Outra zona posúe bancos escalonados que descenden cara ao altar (que se atopa ao fondo do volume, enriba dunha tarima). No altar, atópase un pequeno atril, unha mesa e outro par de cadeiras.

De querer acceder á Escola Dominical, habería que tomar a outra porta á que nos conduce a cuberta con forma de sector circular. Deste xeito, chegaríase a unha zona acondicionada para instruír aos nenos na relixión e desenvolver actividades con eles.

Función[editar | editar a fonte]

Esta construción está destinada como igrexa no barrio de Ibaraki Kasugaoka, para os membros da Igrexa Unida de Cristo no Xapón. A súa función é a de servir como lugar de oración e reflexión, polo que debe ser un espazo que incite ao illamento dos sucesos exteriores para poder meditar en tranquilidade.

Técnica[editar | editar a fonte]

Materiais[editar | editar a fonte]

O material máis utilizado nesta construción é o formigón, modulado con encofrados e con catro furados marcados por peza. Deste xeito, reálzase aínda máis a horizontalidade deste volume, tanto no interior como no exterior. Nos interiores, en vez de utilizar elementos metálicos, utiliza madeira escura tanto para o mobiliario coma para o pavimento. O vidro está presente nas fendas e as fiestras que, ademais, posúen carpintaría metálica.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A estrutura componse por muros de carga de formigón. As escaleiras que se atopan entre os dous muros exentos son de lousa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]